Chove como nos versos de Novoneyra

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

11 dic 2020 . Actualizado a las 15:00 h.

Ás veces chove en C. Na miña terraza a sarabia cae coma se fosen palabras dun verso de Novoneyra. En lugares tan fermosos a chuvia está pensada para que soñemos. Este lugar tende tanto ao mar que a veces penso que é a proa dun barco, azoutada polos ventos e camiñando sempre cara á liña do horizonte. As galernas sempre chegan dende o Atlántico e moito antes de que cheguen debuxan velos negros alí onde acaba o mar. O mar e as tormentas son o pozo inesgotable de todas as metáforas. Será que todos os corazóns esconden un naufraxio. Todas as nubes acaban por pasar e os ceos aquí deixan pouco lugar á monotonía. Un azul brillante permite ver o releve perfecto da praia infinita ao outro lado da baía. Meu tormentiño e máis eu tomamos kas e vermú sentadas sen abrigo nun banco pintado de roxo, á porta do bar do porto. Somos tabernícolas e verbívoras, que diría Manuel Rivas, pero ante a beleza chéganos o silencio. Apoia a cabeza no meu ombreiro e calamos. Haberá outros paraísos, pero este é o noso. Comemos churrasco e chupamos os dedos. Volvemos a casa cun resto de chimichurri nas unllas. No noso pombar ela soña e eu leo O estado intermedio de Xina Vega. A narradora recolle o lugar onde viviu seu pai, acabado de morrer. Sempre hai literatura nese momento en que a carne empodrece ata converterse en nada e os que aínda están reconstrúen unha vida da que apenas saben nada. Miña nena tómame unha fotografía lendo. Quizás nun futuro esa imaxe constrúa a memoria da nai que fun.