As novelas tamén contan a historia

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

La actriz Elena Irureta en la serie «Patria», basada en la novela homónima
La actriz Elena Irureta en la serie «Patria», basada en la novela homónima HBO

30 nov 2020 . Actualizado a las 16:27 h.

Cando hai uns anos Patria inesperadamente comezou a converterse nun éxito editorial, levantáronse voces que a criticaban pola súa visión sesgada dun momento histórico concreto e crucial da transición en España. O mesmo pasou pouco tempo despois coa saída da novela de Cercas El monarca de las sombras, que recuperaba dun modo amable e compasivo a memoria dun falanxista morto tan novo que non podía albergar posibilidade de maldade. Ambos os dous enfocaron as súas historias dende unha perspectiva emocional, con tanta habilidade, especialmente Aramburu, que acadou coas súas personaxes, esas nais sobre as que pivota a novela, conectar cun amplísimo público que ademais de disfrutar coa lectura deu por válida esa visión do conflito vasco. Cales eran as pretensións de Aramburu, non o sei, e aínda que prefiro a mirada sobre ese momento e esa violencia de Edurne Portela en Mejor la ausencia, creo que o novelista pode escoller con total liberdade o prisma co que quere contar algo. A ficción non precisa de rigor. O malo, ou o bo, segundo se mire, é que as historias que viven os seres humanos son moito máis interesantes que ningún comentario sobre elas, por iso ao cabo do tempo son as novelas as que nos contan o devir do mundo. De aí a suspicacia cando unha ficción consegue certa universalidade. Por Tolstói coñecemos esa Rusia decimonónica, por Galdós esa España de fin de século, por Vasili Grossman a vida e a guerra baixo Stalin, por Lee Harper sabemos do racismo en USA, por Clara Usón da guerra dos Balcáns e así ata o infinito.

É certo que ficcionar a historia coa ambición de chegar a un público de masas leva a casos curiosos. Hai novelas supervendas onde un mesmo personaxe pode pasar por todos os salóns da Europa da primeira metade do XX e mesmo recén saída dun campo de concentración é capaz de atraer sobre si mesma todas as miradas pola beleza que desprende e igual que saúda a Hitler a recibe Churchill e se encama con Stalin nun tren que cruza o Volga.

A pesar dos excesos, as novelas contan a historia.