Lembranza dun galeguista de acción

FUGAS

SIRO LOPEZ

O 26 de novembro cúmprense dez anos da morte de Fernández del Riego

22 nov 2020 . Actualizado a las 22:11 h.

Pasaron xa dez anos dende que nos deixou Francisco Fernández del Riego. A súa vida cruza todo o século XX e é un referente de compromiso coa causa de nós. Aquel 26 de novembro do 2010 don Paco atopábase esgotado despois de noventa e sete anos. Só nos últimos meses minguara a súa actividade. Ata entón mantiña unha cita semanal nas páxinas de La Voz de Galicia e acudía ao seu despacho na Casa Galega da Cultura para dirixir, con dedicación extrema, a Fundación Penzol dende que se inaugurara en 1963. Naqueles últimos días seguía a valerse da súa lupa de gran aumento para ler o xornal e das tesoiras para recortar aquelas novas que tiñan que ver coa cultura e a lingua galegas. Cando xa non era quen, amoreaba os xornais e as visitas faciamos ese labor guiadas polas súas indicacións, sempre repetía o importante que era aforrarlles aos investigadores horas de hemeroteca ao poderen consultar no seu arquivo as noticias xa seleccionadas dende había máis de seis décadas.

Nacera en Lourenzá. Dende o balcón do concello con 18 anos izou a bandeira galega e dirixiuse á veciñanza sabedor de que quizais ninguén o entendería. Aquel mozo formaba parte dunha minoría nacionalista que ía a contracorrente, pero era moi consciente da necesidade de divulgación das ideas coas que mudar Galicia.

O que logrou de Cunqueiro

En Compostela compaxinou os estudos de Dereito e Filosofía e Letras coa actividade política: foi secretario xeral da Federación das Mocedades Galeguistas, participou na redacción do Estatuto de Autonomía e interveu en mitins a carón de Castelao, Suárez Picallo ou Ánxel Casal. En canto se produciu a sublevación fascista, buscou acubillo na casa duns amigos. No seu recordo sempre estaban aquelas leiteiras que sentía falar mentres permanecía agochado e que se laiaban dos desaparecidos ou dos cuneteados. Entendeu entón que só o uniforme o podía salvar e alistouse á fronte. Certo é que lle salvou a vida, pero nada borraba o seu pasado nacionalista e foi inhabilitado para impartir docencia, truncando a súa carreira como profesor na universidade, onde impartía Dereito Civil.

Naquela Compostela ata as pedras o acusaban, polo que con tristeza e unha maleta colleu o tren a Vigo. Os comezos non foron doados e houbo riscos e frustracións, como a reorganización do Partido Galeguista na clandestinidade ou as dúas veces que o encarceraron, pero en 1950 logrou, xunto a Xaime Isla, poñer en marcha a Editorial Galaxia, a canle de expresión propia pola que tanto loitaran. Conseguiu que o seu gran amigo da infancia, Cunqueiro, volvese a escribir en galego, botaron a andar a revista Grial e alumearon proxectos que seguen vivos setenta anos despois.

Ingresou na Real Academia Galega para renovala, primeiro coa proposta máis exitosa da institución, o Día das Letras Galegas, e despois durante a súa presidencia, sendo case nonaxenario, coa súa informatización, el que non abandonou nunca a súa máquina de escribir.

Cando unha repara na súa vida non comprende como Don Paco foi capaz de producir artigos, libros de divulgación ou cartas, ao tempo que impartía clases clandestinas, conferencias... Foi o noso Ministro de Exteriores en América, o primeiro Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, o home xeneroso que sempre estaba disposto a atenderte se te achegabas á Casa Galega da Cultura. Alí está tamén o seu arquivo e biblioteca que doou á cidade de Vigo, alí está a súa amada Fundación Penzol, alí despedímonos del hai unha década, alí medra vizoso o seu legado.