A simbiose de todas as patrias do historiador Xosé Estévez

FUGAS

Estévez reside fóra desde 1969, e regresa a Galicia con frecuencia
Estévez reside fóra desde 1969, e regresa a Galicia con frecuencia XOÁN A. SOLER

A memoria, a investigación e a produción literaria conforman unha autobiografía con revelacións ben valiosas para a cultura galega

20 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Estévez (Quiroga, 1943) elabora en O val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón unha autobiografía que combina a memoria, a investigación e a produción literaria. En máis de 500 páxinas esclarece a súa traxectoria e ofrece revelacións valiosas para a cultura galega. A partir de agora haberá que ter en conta este volume para o estudo de Manuel María, Ernesto Da Cal, Uxío Novoneyra, Prisciliano, Murguía, o xesuíta Luís Losada, e outras figuras e acontecementos. Están moi presentes o docente, o investigador e o historiador, aspectos centrais da súa profesión nas últimas décadas; xunto coa Quiroga natal e as súas xentes, e a familia. A lectura depara testemuños moitas veces sorprendentes pola súa intensidade e implicacións. Os primeiros anos de Estévez están marcados pola dedicación relixiosa. Formado no Seminario de Lugo, onde se ordenou presbítero en agosto de 1967, ese mes celebrou a primeira misa na parroquia quiroguesa de San Martiño, e entre 1967 e 1969 exerceu como párroco. Un crego atípico na Fonsagrada titulou un libro tamén autobiográfico, no 2014, onde xa refire esa etapa. En 1969 mudou de rumbo. Desde ese ano reside no exterior, aínda que con visitas continuadas ao país. Foi para Madrid, onde se licenciou en Filosofía e Letras na Complutense, compaxinando os estudos co traballo na construción da M-30. Casou en 1971 coa vasca Maribel Goñi e reorientou a súa vida: en 1973 foron vivir para San Sebastián e principiou unha carreira docente e investigadora no Instituto Ignacio de Loyola, da Universidade de Deusto, no campus donostiarra. Case 20 libros individuais, coautor noutros 40, por volta de 500 colaboracións en revistas e xornais, un cento de artigos científicos ou 70 recensións están entre os resultados dese traballo. Salientan as súas intensas relacións persoais, algunhas vitalicias e ben relevantes con personalidades das culturas galega e vasca. Destaca a de Manuel María (e Saleta), de case 40 anos de contacto estreito. Entre a presenza na produción deste político e poeta está a «cantiga de amigo» que lle dedicou cando Estévez ingresou na Real Sociedad Bascongada de Amigos del País en 1987, ou a presenza nos sonetos á casa das Hortas en 1997, entre outros acontecementos que testemuña. Tamén sabemos aquí (páxina 195) como Estévez lle ofreceu axuda económica, a pesar do seu modesto salario como relixioso, para que Manuel María pagase unha multa que lle impuxeron por un recital na Universidade de Santiago en 1969. Por Manuel María coñeceu a Novoneyra, con quen mesmo tivo encontros no Courel, e de quen ofrece (páxina 247) un poema inédito, escrito en outubro de 1985, cando coincidiron no segundo encontro de escritores galegos, vascos e cataláns. Tamén informa Estévez de como mediou para que Koldo Izagirre traducise Os Eidos ao éuscaro. Entre os capítulos que dedica a ambos inclúe outro sobre Ernesto Guerra da Cal. Neste caso non houbo amizade persoal, só a través dun moi valioso epistolario, do que refire varias mostras, do maior interese. Unha cuarta figura que sobresae é Prisciliano: Estévez insiste en defender, como fixo o 11 de xuño do 2017 nun artigo en La Voz de Galicia, e noutras ocasións, a necesidade de escavar na Ermida, pois nesa igrexa de Quiroga pode estar soterrado Prisciliano e/ou algún dos seus discípulos, como Felicísimo, e así parecen facer sospeitar traballos con xeorradar no ano 2018. As relacións dos nacionalismos galego, vasco e catalán a través de Galeuzca, tema ao que dedicou importantes estudos (entre eles as monografías Galeuzca, la rebelión de la periferia, en 2009; ou Da Galiza ao Galeuzca, en 2020) e no que é referencia como historiador, están tamén na autobiografía. Unha data central é o 27 de xullo de 2006: ese día Estévez experimentou unha das máis terribles realidades que poden acontecer na vida: a morte da súa filla Alda Naiara, aos 24 anos. Por ela evidenciou intensa dor en volumes como Poemas a Alda (2007) ou Non me afago sin ela (2011) que, como este, foron editados, en galego, no País Vasco; e moitas outras veces. Recibiu recoñecementos como a Andoriña de prata da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi; o Pedrón de Honra; ou os premios Galiza Mártir e Manuel Murguía. Por todo, Galicia e o País Vasco son as dúas patrias que primeiro se asocian a Xosé Estévez. Neste libro asume tamén as da lingua e a infancia, na liña de Pessoa e Rilke. E no seu poema «A Patria...», lido nunha homenaxe a Concha Murguía (a nai de Manuel Murguía) e que inclúe nas pp. 500-501 deste volume, lemos: «É a matria galega e a fratria vasca,/ orballando unha hedra de irmandade/ es ti, Aldiña [a filla], / lucindo na fronte unha estrela e no bico un cantar». Da súa visión da patria hai máis citas, propias e alleas. E unha simbiose de todas esas súas patrias está nesta autobiografía, onde se acompaña dun limiar da docente Eva Teixeiro.