Na estrada, de novo

Truman Capote dixo de Jack Kerouac que máis que escribir golpeaba unha máquina de escribir. Agora podemos sentilo tamén en galego


Xesús Fraga, responsable da tradución á lingua galega dun libro clave da literatura estadounidense, ou talvez da contracultura literaria, como é Na estrada de Jack Kerouac, afirmaba que cada xeración realizará «unha lectura diferente e actual, próxima ao seu tempo e inquietudes». Non teño dúbida da pertinencia desta consideración pois talvez aí, na vizosidade das posibles recepcións, cobre sentido entendelo como un clásico, isto é, aquilo que Italo Calvino definía como un libro que nunca acaba de dicir o que ten que dicir.

En efecto, esa viaxe polo asfalto que realizan Sal Paradise e Dean Moriarty deseña un percorrido que vai da costa leste á costa oeste norteamericana e converte a vida na estrada, e o que esta ofrece, na verdadeira protagonista da novela, malia que nela haxa moito máis como é a indubidable insatisfacción de boa parte da sociedade estadounidense máis nova coa idea do Gran Soño Americano.

Velaí como nas súas páxinas, e a través dunha voz narradora directa e próxima que con tanta transparencia e acerto trata o tradutor nesta versión, agroma o vigor dunha mocidade que persegue quebrar cos modelos convencionais dunha sociedade para o que se perfila unha loita sen tregua contra o convencional e o ortodoxo. Ao tempo, hai aquí unha aposta que reivindica unha nova forma de vida de maneira que se visualiza arreo o que habita as marxes, de mans dadas coa procura incansable do que o alcol, a literatura, as drogas, o sexo ou o jazz poden ofrecerlle aos seus protagonistas para darlle certo sentido ás súas vidas.

Truman Capote dixo de Kerouac que máis que escribir golpeaba unha máquina de escribir e Allen Ginsberg, que sempre falou do beat como unha alucinación psicodélica dos medios, subliñou a «exquisita honestidade» que representaba. Na estrada foi, e aínda é, unha novela de referencia para moitas xeracións e resulta importante dispoñer dela na nosa lingua.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Na estrada, de novo