Contos de antes para medos de sempre

FUGAS

FUGAS

Moitas das lendas de avós inspiraron clásicos da literatura. Estas son xoias que non poden faltar na selección

05 nov 2020 . Actualizado a las 15:52 h.

Novembro comeza coa celebración de Santos, que en Galicia é unha festividade das máis importantes. De pequenas, cando se nos ocorría protestar polo moito tempo que pasabamos ese día no camposanto, miña nai explicábanos que ese era o momento de estar cos nosos defuntos, que as familias tiñamos a obriga de facer aquela visita con flores e candeas. Outra tradición era a de cocer castañas con anís e fialas coma doas dun colar para que os nenos e as nenas os lucisen especialmente nesa festividade. Os zonchos eran unha sorte de amuleto, coma os calacús que se puñan nos cruceiros ou nas portas. Co tempo somos máis conscientes da importancia das tradicións, de como se estaba a construír un vínculo cos antepasados, e tamén a nosa propia identidade.

As lendas de ultratumba forman parte da rica literatura oral. No mítico monte Seixo atópase un conxunto pétreo, Portalén, a onde se debe ir especialmente neste mes de Santos se se quere falar co alén. Débese traspasar o lintel de norte a sur cunha candea e preguntar ao máis alá, iso si, as respostas deberán ser gardadas e pobre daquel que non o faga!

A convivencia do mundo dos mortos e o dos vivos en Galicia era moi natural e os avós e as avoas contaban diante nosa historias da Santa Compaña, da muller que podía ver quen ía morrer ou das ánimas que se aparecían porque non descansaban en paz. O mundo rural esmorece e con el trazos da nosa identidade como pobo. Nas cidades as tendas recordan festas estranxeiras, mentres a cativada se disfraza de personaxes alleos á nosa cultura.

Por sorte temos recollidas moitas desas historias e outras inspiraron clásicos da literatura, como varios dos contos das obras de Ánxel Fole. O escritor lugués contaba que a experiencia na aldea determinara a súa creación literaria. Na difícil posguerra tivera que refuxiarse no rural, onde nas noites de inverno a xente se reunía e escoitaba engaiolada aqueles relatos que lle serviron de inspiración a Fole para Á lus do candil ou Terra brava. Estes dous clásicos da literatura de noso naceron despois de moitas horas no laboratorio de contos, como lle gustaba chamar á lareira, e aínda que a maior parte dos seus relatos sexan orixinais, na base está esa cultura popular que o atrapou. Fole logra confundir o mundo real co máxico, envolver as escenas de misterio, utilizar a retranca para arrincar unha risa aínda que sexa nerviosa e facernos desfrutar en tensión ata o final.

Non foi o único que se ocupou dos relatos de medo. Como esquecer aquel de Dieste, Sobre a morte de Bieito, en que nos fai dubidar durante o traslado dun cadaleito se quen está dentro vai ser enterrado vivo. E máis recentemente escribiron contos de medo moitos autores, aínda que gardamos para sempre aqueles de Xabier P. Docampo incluídos en Cando petan na porta pola noite, dedicados a seus pais por terlle transmitido o poder na narración oral. No XXI non só hai relatos, tamén novelas, e incluso editoriais como Urco coas que seguir argallando no laboratorio de contos, aínda que xa non sexa pegados a unha cociña de ferro.