Pode ser o achegamento ao portugués o futuro do galego?

O debate sobre as normas ortográficas que propoñía Ricardo Carvalho Calero tendo en conta o mundo lusófono mantense vivo


Foi o gran pensador do reintegracionismo. As normas ortográficas que Ricardo Carvalho Calero propoñía para o galego, achegándose máis á lingua portuguesa, botaron raíces pese a que non foron as adoptadas como norma a principios dos 80. «A pesar de non ser a oficial, na actualidade, o número de usuarios aumentou moitísimo», afirma Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL). Ademais, na revisión feita en 2003, algunhas das propostas do homenaxeado no Día das Letras Galegas foron admitidas, como a propia denominación de Galiza para convivir con Galicia ou terminacións en -bel ou -aría (posíbel ou libraría, por exemplo). Pero, pasa pola vía proposta por Carvalho Calero o futuro do galego? A resposta é unánime entre escritores e lingüistas consultados: o gran desafío é normalizar a nosa lingua, que se empregue e transmita entre xeracións. No entanto, no xeito de acadar ese obxectivo, hai matices sobre se a norma ortográfica é pedra angular.

«É imprescindíbel a norma de Carvalho. O galego, tal e como o escribimos e estudamos nas escolas, só nos comunica con dous millóns de persoas e, do xeito que propoñía el, serían 250 millóns. De súpeto, o valor comunicativo multiplícase moitísimo e, polo tanto, as oportunidades dos galegos a través da lingua: laborais, económicas...», afirma o presidente de AGAL. Nese senso, engade que desde a aprobación da norma do galego, «o mundo mudou moito, está hiperconectado, as comunicacións, Internet.... Entón cada vez fai máis sentido considerar aquela decisión e ter en conta que as linguas non se moven só por razóns sentimentais, senón que tamén o fan por cuestións económicas e de interese para as persoas. Propomos que o galego adopte unha normativa de forma que multiplique a complicidade cultural, económica e comercial co mundo lusófono para que sexa aproveitado todo o valor que ten porque agora está desaproveitado». Para Maragoto, «se o galego nos abre portas ao mundo, conseguiremos reforzalo; pero se non as abre, pouco a pouco irá sendo abandonado».

«unha lingua normalizada»

En termos semellantes pronúnciase a escritora Pilar Pallarés, alumna de Carvalho Calero. «O futuro do galego pasaría pon que no territorio da Galiza fose unha lingua completamente normalizada e un idioma que realmente necesitemos falar. Agora mesmo, salvo cuestións económicas ou de certas oposicións, unha persoa pode vivir en Galiza sen saber galego», afirma. Ademais, considera «fundamental resituar o galego no sistema ao que pertence». Así, incide en que «é incuestionábel que o galego-portugués é a variante occidental que se foi conformando a partir do latín entre os séculos VI e X, negar que se trata do mesmo sistema é o equivalente a dicir que o castelán que se fala en Toledo e o español de Perú ou Arxentina son idiomas diferentes».

Pola súa banda, para o secretario da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, a cuestión está en se «o galego debe desenvolverse como idioma autónomo aproveitando todo o potencial que ten esa íntima familiaridade co portugués ou debe adoptar unha norma subordinada ao ámbito portugués». De feito, di que Carvalho «esa certa subordinación ao portugués non a concretou tanto [...]. Hai unha oscilación». Para Monteagudo, esa proposta chegou nun momento «embarazoso» ao ser de máxima esixencia para conseguir unha norma que servise de orientación para todo o proceso de oficialización do galego. Iso si, á vez que lembra a súa dimensión polifacética, matiza que «a Academia ten unha norma, que é a que segue a maioría dos usuarios; hai xente que discorda con algúns aspectos, algo comprensible. Todo é respectable, pero o gran desafío é consolidar a situación social do galego porque podemos quedar sen falantes e aínda discutindo como se escribe [...] Unha vez consolidado, que unha nova xeración poida repensar as cousas e axustalo, por suposto».

Para a escritora e académica Marilar Aleixandre, «como persoa comprometida coa lingua galega», cre que «hai unha norma acordada polas entidades que lle corresponde e debemos seguir [...]. Non debemos levar á escola o conflito, despois a xente que escriba na norma que queira», afirma. Para ela, a chave está en desenvolver a Lei Paz Andrade: «Tería que ensinarse portugués en todos os institutos. É incrible que se ensine máis en Estremadura que aquí». Mostra o máximo aos que optan polo reintegracionismo, pero entende que mudar as regras agora «sería difícil de entender para a xente que non está metida nos debates lingüísticos». Para Aleixandre, o futuro do galego «non depende do achegamento ao portugués. O futuro do galego está aquí, en Galicia, en nós, en que as persoas o valoren moito máis, que teñamos unha maior identificación coa lingua [...]. Se o galego serve para chegar aos Oscar, ten que valer».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Comentarios

Pode ser o achegamento ao portugués o futuro do galego?