«Scórpio», novela polifónica e poliédrica

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

O autor de «Scórpio» nunha viaxe cultural no 63
O autor de «Scórpio» nunha viaxe cultural no 63 ARCHIVO FINGOI Y ANTIGUOS ALUMNOS

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Que Scórpio é, talvez, a peza narrativa máis salientable e poderosa de Carvalho Calero demóstrano a apreciable cantidade de análises, estudos e abordaxes -de memoria cito ensaios de Elvira Souto, Miro Villar, J. C. Quiroga, Sánchez Aríns, Martínez Pereiro, Montero Santalha, Rabuñal ou Dacosta, entre outras voces- e ao tempo as diversas edicións da novela que se realizaron desde o ano 1987, en que apareceu a primeira na colección Medusa de Sotelo Blanco, ata a máis recente, acollida no selo Através, que viu a luz no ano 2017 e que conta cun atinado e esclarecedor epílogo a cargo de Arturo Casas que sistematiza con rigor os esforzos taxonómicos publicados ao longo do tempo -convido especialmente a coñecer as catro «lóxicas» nas que se estende o devandito ensaísta-, alén de suxerir outras consideracións e a súa propia lectura, sólida e alicerzada con convicción, que ve por exemplo nalgunhas páxinas da novela unha recreación alegórica, no final de Rafael/Scórpio, do Juan Tenorio.

Cando redacto estas liñas teño diante a edición orixinal, coa icónica cuberta a cargo de Alfonso Costa cun arácnido en branco co fondo azul que axuda a evocar unha lectura, realizada naqueles tempos, onde un descubría unha proposta moderna e esixente que, malia ser galardoada no seu día co Premio da Crítica, caeu nun evidente ostracismo. Scórpio foi, e non dubido que aínda é, unha proposta poliédrica e polifónica pois velaí como, desde a rica multiplicidade de voces narrativas abeirada á estrutura de saga, nela conflúen elementos de diversa filiación converténdose nun artefacto que se devén, no fondo, nunha novidosa mestura aquilatada de novela histórica e memorial -pioneira dalgún xeito de tantas pezas que viñeron despois pois remite ao período que vai de 1910 a 1938-, autobiográfica, heterobiográfica e nalgunha medida realista e xeracional tamén. Unha novela que ofrece moito e que non debemos ignorar.