A oportunidade de seguir exercendo a súa vocación docente deulla o Colexio Fingoi, unha iniciativa promovida polo galeguista Antonio Fernández López. Un colexio privado co espírito da Institución Libre de Enseñanza, de educación mixta e baseado no coñecemento motivado, un oasis naquelas décadas de escola franquista. O alumnado recibía unha educación innovadora, sen castigos, apegada á realidade do país, á súa paisaxe, á súa lingua, á súa cultura. Aprendían representando textos teatrais, cultivando a horta do centro, facendo viaxes escolares, consultando a estación meteorolóxica ou recollendo contos populares. A Carvalho Calero gustáballe cantar e utilizaba nas clases moitas cantigas para motivar os rapaces. Contan que ás veces cantaba con tanta emoción que rompía a chorar, malia ser un home ben serio. Don Ricardo relacionaba nas súas aulas a literatura coa música, a xeografía, a historia... tamén buscaba que aprendesen a ter criterio literario, que soubesen recitar, e aínda que o galego estaba prohibido, representaban obras teatrais como Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, ou da súa autoría. Naquel centro que el dirixiu e polo que se desviviu estudaron alumnas como Carmen Blanco e exerceron como profesores en prácticas ou bolseiros Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña ou María Xosé Queizán, o que dá boa conta da súa sensibilidade galeguista.
UN FITO HISTÓRICO
Despois de quince anos no Colexio Fingoi asumiu a docencia na Universidade de Santiago de Compostela, que compaxinou nos comezos co seu traballo de profesor agregado no Liceo Rosalía de Castro. Sen dúbida, a introdución do galego na universidade foi un fito histórico. Para aqueles mozos e mozas que chegaban dende as cidades ou as aldeas era moi significativo recibir clases cheas de erudición nunha lingua que estivera prohibida no ensino e proscrita para os ámbitos formais. Carvalho Calero dáballes clase na súa lingua familiar e nun rexistro que posiblemente non coñecían para o seu idioma. O seu alumnado recórdao como un home culto, esixente, distante e tamén moi irónico. O seu saber producía admiración nos seus discentes. Despois de moitos anos de entrega á docencia, xubilouse como catedrático en 1980 deixando tras de si alumnas e alumnos que o consideraron un exemplo a seguir.