Ricardo Carvalho Calero, o galego da paciencia infinita

FUGAS

Pinto & Chinto

Todos os Carvalhos conflúen no mosaico biográfico de María Pilar García Negro que entrega mañá La Voz sobre o escritor total que non deixou de cultivar Galicia

29 oct 2020 . Actualizado a las 18:02 h.

Á fin, Carvalho Calero é de todos os galegos. O galeguista puro homenaxeado polas Letras fai fronte este outono á ironía dun ano de aspecto redondo ao que se lle revirou a grafía ao pouco de nacer. Mais pechamos outubro con follas vivas para non esquecer.

Tal día como hoxe, hai 110 años, comezaba no Ferrol Vello a peripecia de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Santiago, 1990), primoxénito de seis fillos que aprendeu a ler da man da nai e axiña se converteu en fillo literario de Rosalía e en autor de teatro para a familia. Así o conta María Pilar García Negro na biografía Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal, que mañá ofrece La Voz de Galicia, polo prezo de 1,95 euros mais o cupón do xornal.

A vida de Carvalho houbo de se espelir axiña pola morte da nai a causa da gripe española cando el tiña 8 anos, e sufriu outras perdas incurables, como a dun irmán pequeno. O loito tingue a infancia dun rapaz que enseguida atopa refuxio nos libros e unha amante sen fin na poesía.

Os antecedentes do mestre

«... Se tivesse que dizer algo a propósito da minha figura, do meu perfil humano ou científico-literário, creio que me definiria como um galego universal», autorretrátase Carvalho nunha entrevista publicada no 87 que recolle o libro que entrega La Voz, semblanza que é memoria dialogante. Este galego universal, que era tan de Ferrol como de Lugo e de Santiago, debutou como escritor na revista Nós, fixo a Gramática elemental del gallego común, logrou a canonización da historia da nosa literatura e tivo a paciencia infinita de acubillar durante anos no cárcere a súa vocación de poeta e profesor, amais a de agardar décadas polo xusto recoñecemento do Día das Letras. En Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal está o recordo gráfico do seu carné de membro do Seminario de Estudos Galegos no 27, como o relato da evolución forzosa, pola «espantosa calamidade» da guerra e a ditadura, da súa visión e construción da cultura galega.

A que vai de 1926 a 1936 é para el «unha década decisiva», detalla García Negro, na que coñece a Castelao e Otero Pedrayo; publica o primeiro manifesto que reivindica o dereito de Galicia a unha cultura propia. No 33 casa en Lugo con María Ignacia Ramos, das poucas universitarias do momento. E o nacemento da súa primeira filla, Margarida, sorpréndeo en Madrid á procura dun futuro laboral truncado pola guerra.

Como membro do Partido Galeguista, é condenado a 12 anos de prisión, que quedan en dous (el conta por que neste libro). Os anos da guerra víveos recluído en Jaén, facendo a vida familiar e social por carta, en español, único idioma permitido. Algunhas desas cartas furan o tempo como un pretérito imperfecto do que non se dá saído.

No 41 obtén a liberdade condicional, coñece á súa filla con 5 anos e comeza para el «a segunda guerra» da posguerra. Os fitos vitais, profesionais e literarios do que foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega están en Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal, e todo suceso pesa, deixando un amargo pouso de agravio político, mais tamén unha ponte a se facer co esforzo do pensamento activo.

Neste mosaico biográfico de García Negro hai ata un xogo de espellos da novela Scórpio con A Dama de Shanghái de Orson Welles, manda a idea de Carvalho da cultura viva «como un mundo polo que se pode circular», vemos fotos familiares, respiramos á fin coa cancelación dos antecedentes penais que lle permiten recuperar a condición de funcionario público e cobrar o primeiro soldo como profesor estatal aos seus moi vividos 55 anos.

Carvalho (que deixou de ser Carballo no 81) defendeu un galego sen dono que non lle dese as costas ao portugués, pero non acadou a concordia. A derradeira década de vida do «galeguista puro» foron uns 80 dourados no recordo dos seus alumnos, entre eles a autora de Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal, o relato dun paciente empeño, que é tamén unha pregunta sobre o futuro de Galicia.