Miren, Bittori, Margarita


En Patria, a estupenda serie de HBO baseada na novela de Fernando Aramburu, desátanse varios infernos. Un deles estoupa no interior dun autobús ao que lle prenden lume uns simpatizantes de ETA, magnífica secuencia de kale borroka reproducida con desacougante realismo. Vémolo todo, o medo e o inferno, a través dos ollos das enormes Miren e Bittori, esas nais resoltas que saen correndo antes de que o mundo salte polos aires, incluída a súa amizade. Aqueles días de rodaxe, o equipo coincidía en sensacións: estaban a recrear algo que durante anos formara parte das súas vidas. Os cócteles molotov, as cargas policiais, a violencia nas rúas. A paisaxe enteira dun país secuestrado polo pánico. Bendita ficción, que nos axuda a comprender as arestas dunha realidade tan complexa e a poñernos na pel do outro. Hai moitas infamias por contar desa Euskadi en tempos de ETA: o horror de sufrir e afacerse á brutalidade. O costumismo das armas, o silencio, a insuficiencia moral.

Outro virus máis moderno, que non rompe amizades como a de Miren e Bittori, pretende tamén que nos acostumemos ao horror, aínda que a súa actividade pola vía dos aerosoles non garda unha relación tan estreita coa intolerancia. «Estando lonxe dos peores datos da pandemia, son admisibles estas cifras de mortos?», pregúntanse os comentaristas. E semella que si, que estamos empeñados en soportar esta axilidade mortal do virus coma se a partir dunha cifra, entendendo que debe haber un número de falecidos razoable, xa nos importase menos a traxedia. Non deixa de ser humana esta actitude: a vida, malia todo, declara en cada esquina a súa obriga de seguir, aínda que a navallada emocional de marzo non teña visos de decaer. Pero hai algo obsceno na convivencia que mantemos coa catástrofe, por difícil que sexa a xestión da incerteza, cando asistimos cada día a unha animadísima competencia por ver quen resulta máis inoperante no plano político.

A parella Elena Irureta e Ane Gabarain, excepcionais Bittori e Miren en Patria, interpretan con extraordinario pulso os rostros múltiples da dor. Encarnan o sufrimento de dúas nais cunha asombrosa verosimilitude, conseguindo que abandonemos o xuízo moral para mergullarnos a pulmón libre na súa condición humana, tan complexa e imperfecta. Son as miñas actrices favoritas da epidemia xunto coa viróloga Margarita del Val, esa formidable representación da verdade que de cando en vez aparece polas pantallas alimentando un animal en extinción chamado sentido común. Alguén que en primavera, nas profundidades do confinamento, xa nos advertía dos «anos da pandemia», con ese pesaroso e desacougante plural, e en cuxa maneira de escandalizarse en directo coa irresponsabilidade dos políticos, sempre exquisita e elegante, con finas estocadas para todos, alumea unha lóxica esmagadora. Vexo a Elena Irureta, a Ane Gabarain e a Margarita del Val, co seu aspecto de heroínas sen importancia, e penso que aínda está a salvo a autenticidade nestes tempos de impostura. Ou que, polo menos, hai tres mulleres en rebeldía ante o horror.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Miren, Bittori, Margarita