Unha vida fascinante

Diego Casal debuta na novela con «Siradella», un retrato valioso que comeza co achado dun Óscar no pazo dun narco

O escritor Diego Casal
O escritor Diego Casal

A aparición dun Óscar durante o rexistro do pazo dun narcotraficante está no arranque de Siradella, a primeira novela de Diego Casal. Non deixa de ser un feito curioso que pica a imaxinación: como chega a estatuíña que encarna a Hollywood ata Cambados? No contexto da historia, o achado funciona coma un macguffin arredor do cal o escritor tece unha trama que viaxa entre o presente e o pasado -tanto o próximo como outro máis distante- e entrambas beiras do Atlántico. Siradella ten como narrador a un xornalista que coñece no Grove a Vicente Piñeiro, un home ao que os anos forneceron de experiencias e vivencias tan fascinantes como descoñecidas. O narrador, que comparte co seu creador a condición de fillo de emigrantes galegos no País Vasco, vai tirando do fío para que Piñeiro debulle a súa biografía, o que lle permite remontarse á Galicia do século XIX e abordar as circunstancias sociais que levaron a tantas persoas a buscar un novo futuro alén mar. Xa que logo, a acción pasa das telleiras e curtidoiros ás zonas portuarias da Habana e Nova York. Ese tránsito abre horizontes aos emigrados e os sitúa en lugares e con compañas que nunca antes imaxinaran. O protagonista da novela accede deste xeito á industria norteamericana do cinema mudo, a piques de desaparecer engulipado pola nova tecnoloxía sonora. Non é o único episodio digno de relatar que vive, senón que a man do autor o leva tamén á Guerra Civil española en calidade de fotógrafo. As Brigadas Internacionais, as minas de volframio, os campos de traballo... completan unha biografía que, como tantas outras, fica no esquecemento malia o seu valor, vidas que, de ser norteamericanas, terían a súa película. Diego Casal fai fluír a narración entre as distintas xeiras, impulsada por ese misterio e enriquecida con recursos narrativos como a inclusión de entrevistas, noticias, poemas ou anacos de guión, ata completar un retrato valioso e engaiolante.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Unha vida fascinante