Louise Glück, a ferida do tempo

A obra da autora distinguida co Nobel de Literatura é un xeito de ollar a vida

A Poeta Louise Gluck, gañadora do Nobel de Literatura
A Poeta Louise Gluck, gañadora do Nobel de Literatura

De cita obrigada, porque nel nace un estilo , «Hai moito tempo, fun ferida, / Aprendín a existir» é o verso inicial de Ararat, un dos títulos sobranceiros de Louise Glück, con As sete idades ou Averno.

A obra da galardoada co Premio Nobel de Literatura 2020 é un xeito de ollar a vida desde a propia obra. Visión da soidade, relacións familiares, divorcio, morte. O que se deu en chamar «a agonía do eu». Ou da experiencia, desde a constante presenza do autobiográfico, como muller e como poeta.

Neste novo poemario, A villaje life (Una vida de pueblo), Glück escribe sobre a experiencia da vida, desde os primeiros recordos á contemplación da morte. Así no poema Tributarios, co protagonismo das nais que, soas e esgotadas polo traballo e os fillos, cos seus homes sempre ausentes, «foron exiliadas do mundo da esperanza». Esa nai mortalmente cansa que só necesita silencio. Hai un pouso de desesperanza na visión da muller como centro, fronte ao estraño, nunha relación sórdida e incerta. Dalgún xeito, os poemas de Glück lembran pinturas de Hopper, nas que aparecen mulleres silenciosas, ensimesmadas, soas. Alguén anda a queimar follas e cando o fume se vai, aparece como detrás do cortinado a figura dunha muller que recolle a roupa seca. Hai unha violencia contida que a poeta apenas deixa ollar.

As lembranzas son materia artística que se alían coa vida. Por iso di a poeta: «Soñamos, non lembramos». Outro poema, Colleita, espreme tamén a nota pesimista do libro. Non hai lugar para unha outra primavera vizosa: «Comeza a neve; remata o simulacro de vida». E a poeta ensúmese, reflexiva, a carón da xanela, vendo a neve caer.

Voz poética intensa, coidadosa do ritmo, os poemas de Louise Glück fican lonxe, aínda que en aparencia a linguaxe sexa sinxela, do coloquialismo. O seu estilo é a elocuencia do silencio, do que se cala ou non se di. En diálogo constante, o poema procura unha interlocutora da que obter unha resposta inmediata, A experiencia asumida por unha lectora sorprendida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Louise Glück, a ferida do tempo