Bernardino graña, o poeta do mar e do amar


Bernardino Graña cumpriu a semana pasada oitenta e oito anos e, como tantas persoas maiores, os seus días transcorren nunha residencia; iso si, a súa a carón do mar. En Panxón recibe as visitas dos amigos que o agasallan coa súa presenza, un bo xantar e un paseo pola praia. El naceu da outra beira da ría, en Cangas, aínda que os primeiros anos transcorreron en Ribadavia, onde seu pai tiña unha academia. Se por algo se caracteriza a poesía de Bernardino é polo tratamento do mar, polo dominio do léxico mariñeiro que aprendeu do seu tío Emilio, co que acotío pescaba na gamela. Non sabía de dialectoloxía, pero decatouse axiña dos falares diferentes do interior e da costa, namorou da fala cantareira da súa Cangas natal e na tenda-tasca da súa madriña escoitou contos que foron para el os primeiros libros. Anos despois escribiría o tan coñecido poema O gato da tasca mariñeira, no que retrata maxistralmente a atmosfera dunha vella taberna e que hai que ler en alto, sen pausa, para conseguir sentir o rebumbio do local.

O poeta do mar e do amar, esas son as dúas claves da súa poesía, atravesado sempre pola forza dun berro contra as inxustizas e as desigualdades. E sempre en galego, na lingua en que aprendeu os nomes dos paxaros e dos peixes, na que escoitou as primeiras historias e na que escribiu poemas, relatos, teatro ou novelas.

Non esaxero se digo que a el debemos algúns dos versos máis sublimes da literatura galega. Iso me dixera unha boa amiga cando me agasallara Ardentía, o libro que recollía algúns dos seus poemarios. Cando cheguei ás páxinas de Se o noso amor e os peixes... entendín canto de certo había naquela afirmación. Alí atopamos o coñecido «Como hei vivir mañá sen a luz túa», que resoa en nós na voz de Suso Vaamonde. O desamor lévanos tamén a vagar por Compostela sen atopar consolo. Son poemas íntimos que se mesturan coa paisaxe e a paisanaxe, mais tamén levan crítica social contra os bancos, as autoestradas, os traficantes, contra os que non son quen de amar a ninguén.

En Profecía do mar, Himno verde ou Sen sombra e sen amor están as mesmas constantes e esa maneira poética tan súa apegada ao ritmo, á música. O Centro Pen de Galicia realizou na súa homenaxe unha antoloxía poética que titulou cun verso do autor: Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008.

Aínda que esta faceta de poeta pode ser a máis valorada, quen coñece a Bernardino sabe que foi sempre un home inquieto, inconformista e soñador. A súa obra tamén dá conta do seu carácter e nada lle foi alleo. A literatura infantil, a narrativa e a dramaturxia completan o perfil do escritor polifacético e prolífico que segue publicando para alegría de quen o admiramos: recentemente as pezas teatrais Lobísimo do saco. Tres titiritadas (Galaxia, 2019) e neste verán a narración Os toliños mariñeiros da Costa da Morte (Medulia Editorial).

Bernardino segue a ser o neno mariñeiro, o home que quixo vivir e vive arrolado polo mar de Cangas que cruza a ría a celebralo. Que medre o mar!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Bernardino graña, o poeta do mar e do amar