Ugía Pedreira: «Síntome unha trobadora de aldea, cada vez máis»

FUGAS

cedida

A cantora explica as razóns que a levan a poñer en marcha un novo proxecto musical, que hoxe estrena en Santiago, no festival Maré, tras seis anos retirada dos palcos

24 sep 2020 . Actualizado a las 15:04 h.

En maio do 2014, nunha entrevista no Fugas de La Voz, Ugía Pedreira anunciaba un paréntese indefinido na súa traxectoria musical, motivado por razóns de índole persoal. Unha traxectorias que se remontaba a dúas décadas atrás e desenvolta tanto no ámbito formativo como na creación musical, con referencias inesquecibles como Nordestin@s ou Marful.

Dende hai por aí un ano comezamos de novo a saber dela, asomada a aparicións puntuais, como as que fixo coa xira de Enredadas (xunto a Martirio, Carmen París e Uxía) ou con A Comuna del Barruzo. Hoxe en Santiago, no marco do festival Maré, dará por fin a coñecer en directo o seu novo proxecto musical, no que se presenta en solitario e baixo a denominación de A Pedreira.

—O primeiro que chama a atención é esa renuncia ao seu nome de pila para presentarse só como A Pedreira.

—En realidade a xente da música xa me nomeaba dese xeito. Así que dixen, xa que o queredes, aí o tedes. Pásame como nalgunhas etnias africanas, son os demais os que me chaman.

—Por que tomou a determinación de volver aos palcos?

—O proceso foi moi natural. Eu sempre estiven compoñendo pero cando rematou o confinamento atopei unha serie de cancións que navegaban polo mesmo territorio. Pareceume que alí podía haber un bonito ramallo de flores a entregar. E tiven unha reminiscencia daqueles comezos meus, cando tiña 14 anos e me subín por primeira vez a un palco. Así que vinme de novo como unha artesán da canción, soa, cunha guitarra e unha percusión. Dalgún xeito sinto que saldei unha débeda comigo mesma por volver a aquel sentimento solitario, de vinculeira, de expresar dunha maneira simple, pero no por iso baleira, as miñas ideas e os meus pensamentos.

—Que cambiou daquela Ugía que nos dixo adeus no 2014 a esta Pedreira que nos di ola no 2020?

—Digamos que entrei a recoñecerme máis. Estiven estudando e dándome un pouco conta do que a min realmente me interesaba. E tamén estiven escoitando outro tipo de músicas que me influenciaron moito.

—Como cales?

—Pois mira, este ramallo de cancións vai bastante inspirado polo blues antigo e pola música country que tanto lle gusta a Lúa [a súa filla, afectada de parálise cerebral]. Tamén entrei bastante de cheo nos estudos da música popular galega, o que me axudou moito a ver o engarce da palabra e da música doutra maneira.

—Anuncia que durante o seu concerto, ao igual que no video de «Ribeiras del Eo», o deseñador Xavier Bello irá pintando en directo grafismos de determinadas palabras que vostede vaia nomeando. É a palabra o eixo que soporta a arquitectura deste proxecto?

—Si, si, a palabra é de onde me ven todo. Vivo obsesionada con como colocar unha palabra diante da outra.

—Precisamente nesa canción, en «Ribeiras del Eo» di: «canto para ter saúde». É literal ou é unha licencia poética?

—Literal de todo. A min estar maquinando coa música dáme saúde na alma e no corpo. E vivindo con Lúa, imaxínate. A arte é fundamental para a súa vida. Como debería sela para a de cada un de nós. Como ben estar, como ben común.

—Volvo a parafraseala: A fuxida foi a cúspide da súa dor?

—A min as dores do mundo fanme moito dano. Fuxir foi, e segue a ser, unha forma de sandarme. Hai xente que fuxe das dores persoais ou colectivas a través das drogas ou da violencia. Eu fuxo a través da arte, que me parece moito máis bondadoso.

—Durante seis anos tivo a oportunidade de ver a evolución da escena e da industria musical galega dende outra perspectiva, dende fóra. Que cambios advertiu neste tempo?

—Eu agora mesmo estou moi perdida con respecto á industria musical. Non teño nin idea de como se vende nin de como se divulga. Cando eu o deixei era todo máis bio, máis orgánico. Agora todo é a través de internet e das redes. E eu non sei navegar moi ben por aí. Eu síntome máis trobadora. Trobadora de aldea. E cada vez vouno dicir máis alto e máis claro.

—De vostede se ten dito que abriu estéticas e camiños para a nova canteira do folk galego. Advirte hoxe esa herdanza?

—Eu estou moi atenta aos novos. E compráceme ver ideas que sairon do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín que eu dirixía, estean agoran enriba dos escenarios. É normal que de xeración a xeración se vaia aprendendo. Pero hai unha cousa que boto de menos. É incomprensible que non haxa estudos de antropoloxía ou etnografía musical en ningunha universidade galega. Paréceme unha eiva intolerable tendo en conta o gran potencial de músicos que hai no país. Tendo en conta que se trata dunha arte escénica, cunha adecuada preparación dos profesionais da música medraríamos máis nesta disciplina.

—Retomar a súa traxectoria en solitario implicaralle renunciar aos outros proxectos nos que participaba?

—Non para nada. Con Enredadas tiñamos unha xira pola península que quedou adiada pola pandemia pero que agardamos retomar. E A Comuna é un tema moi especial dentro do que é a contorna do Occidente así que traballaremos para sacar outro disco-libro.

—E Marful? Xa está esquecido?

—Marful é imposible que estea esquecido porque deume moitísimas e fantásticas aventuras. Alí aprendín moitísimo dos meus compañeiros.

—Poden volver xuntarse?

—Non, iso xa non.

—Volvendo a aquela entrevista do 2014, dicíame entón que vía que xa non lle facían falta «os aplausos entendidos como un abrazo sonoro». Vai precisando agora deses aplausos e desas apertas? Bótaos de menos?

—Dende o punto de vista da diversidade funcional, o aplauso é molesto, non é unha boa transición entre canción e canción. Pero si que é certo que eu necesito saber dalgún xeito se á xente que vai estar nos meus concertos lle fai ben ese ramallo de flores silvestres que eu recollín polos camiños. A min, dende logo, compoñelo e expresalo cantando faime moito ben. Se á persoa que o escoita tamén, xa me podo ir contenta e tranquila para cama.

SANTIAGO NH COLLECTION, XOVES, 21.30 ENTRADAS ESGOTADAS