Xeración Lamote: as historias que salvaron a nosa infancia

Mestres e escritores renovadores conseguiron que devorásemos libros en galego


Ramón Lamote Miñato é un personaxe de ficción asociado á infancia, ás primeiras lecturas e aos recordos literarios en galego. Este profesor chairego, debuxante de soños por encarga, engaiolou a rapazada dos oitenta contando como se organizaba unha carreira de nubes onde os premios eran marmolubios de distintos calibres. Pero non era un tolo, mesmo se sabía das cousas máis raras e inverosímiles, el simplemente posuía unha capacidade maxistral para analizar o mundo dende a tenrura e a bondade facendo crítica do cotiá. Por se fose pouco, este experto en entomodelfos, estaba dotado dunha exquisita retranca, a mesma que nos segue engaiolando trinta e cinco anos despois. Certo é que nos oitenta xa outras autoras e autores repararan na importancia de escribir para o público miúdo e deran ao prelo obras ben coñecidas, mais o éxito Das cousas de Ramón Lamote marcou un punto de inflexión. Paco Martín conseguiría con esta historia o I Premio Barco de Vapor que convocaban a editorial Galaxia e SM en Galicia e a seguir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o primeiro na historia desta categoría para un libro en galego.

As edicións sucedéronse, tamén as traducións que levaron a Ramón Lamote a cruzar o Atlántico e a chegar a fogares ben afastados de Galicia. Polo que tivo de pioneiro, o editor Manuel Bragado non dubidou en bautizar como Xeración Lamote a aqueles que renovaron a literatura infantil e xuvenil en Galicia: Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo ou Fina Casalderrey. En común teñen que naceron nos anos corenta ou principios dos cincuenta e tamén a súa vocación de mestres renovadores dunha escola comprometida coa lingua, coa democracia e cos novos tempos. Dende calquera das súas facetas o seu compromiso co galego foi inquebrantable e grazas á súa escrita conseguiron que devorásemos historias que salvaron horas e horas da nosa infancia e adolescencia. Os catro foron merecentes do Premio Nacional, pero de seguro que o teñen a carón dos moitos agasallos que acumularon nas distintas visitas que realizaron aos centros de ensino.

Formo parte dunha xeración que xa leu literatura galega na escola. Lembro o día que o meu colexio convidou a Fina Casalderrey, seguramente a primeira escritora que vin fóra dos libros e á que puxen rostro e voz doce. Era emocionante coñecer a alguén tan importante, á autora de Mutacións xenéticas. Tamén inesquecible foi o día que Docampo me dedicou a novela da que tanto gustaba: O misterio das badaladas. Para cada neno e nena que espera a súa quenda co libro apegado ao peito de seguro eses momentos son inesquecibles. Non obstante este ano é posible que non haxa encontros literarios nos centros de ensino, quizais se realicen de maneira virtual, pero xa non haberá ringleiras para a dedicatoria. Con todo, o profesorado seguirá facendo recomendacións, onde de seguro non faltarán obras de Agustín Fernández Paz que estarán a agardar, xa gastadas polas moitas lecturas, na biblioteca escolar: Cartas de inverno, O centro do labirinto, As flores radioactivas ou O único que queda é o amor.

Os andeis cheos de libros é algo que botaron a faltar na súa infancia os membros da Xeración Lamote, en maior ou menor medida. A posguerra non foi doada e prolongáronse a miseria, a carestía e tamén a fame de lecturas. Pero non se pode vivir sen historias, e a narrativa oral acompañaba as noites de inverno arredor da cociña de ferro e as do verán á luz da lúa. Aquela maneira de contar está moi presente, por exemplo, en Cando petan na porta pola noite, de Docampo.

contos, experiencias, vida

A escrita está feita cos fíos da vida, dicía Fernández Paz. No caso desta xeración nace das experiencias, das lecturas que devoraron sen saciar nunca a falta dos primeiros anos, dos contos que oíron, das preocupacións do seu alumnado e dunha inmensa imaxinación, creatividade e solvencia á hora de narrar. Tamén é innegable a pegada do cinema, tanto nas páxinas dos seus libros, como nas incursións no audiovisual de Casalderrey ou Docampo. E aínda que puideron escoller posicionamentos máis doados, optaron por ser escritores galegos e dende o galego foron quen de transcender todos os lindes.

Fina Casalderrey e Paco Martín aínda seguen activos, de feito recentemente este volveu ao personaxe que tanta fama lle deu con Das novas cousas de Ramón Lamote, aínda que desta volta xa está xubilado. Pola contra Agustín Fernández Paz e Xabier Docampo xa non están entre nós, pero para sempre quedará a súa literatura. Este último dixo que «o acto máis sublime de amor é contar unha historia» e deixounos tantas que é evidente que o seu amor por nós é inmorredoiro.

Puntada a puntada a Xeración Lamote coseu palabras e historias propias nos corazóns da rapazada galega e segue a facelo cada vez que se abre un dos seus libros. Que sexan moitos este curso!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Xeración Lamote: as historias que salvaron a nosa infancia