A narrativa do contaxio

La Voz EDITORA DE GALAXIA

FUGAS

Iolanda Zúñiga, autora de «Natura», nunha foto do 2018
Iolanda Zúñiga, autora de «Natura», nunha foto do 2018 Oscar Vázquez

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En tempo de pandemia é inevitable pensar por momentos que o que estamos a vivir é ciencia ficción, aínda que co paso dos meses fomos asumindo unha situación que hai tan só un ano resultaría inverosímil. Con todo, a literatura xa nos fora preparando para iso e son moitos os relatos que utilizaron un virus para amosar o comportamento dunha sociedade en xaque. Títulos tan populares e apegados á situación actual como A peste, de Albert Camus, Ensaio sobre a cegueira, de Jose Saramago, ou A danza da morte (Apocalipse), de Stephen King.

Mais tamén noutras épocas houbo que combater andazos. A Newton o confinamento serviulle para escribir os Principia que revolucionaron a ciencia. Na ficción, os personaxes do Decameron de Boccaccio pecháronse ante o perigo da peste e aproveitaron o encerro para narrar atrevidos contos dos que hoxe, sete séculos despois, seguimos gozando. Outro illamento célebre é dos protagonistas do relato de Poe, A máscara da morte vermella, a causa dunha praga.

Volvendo sobre o presente, cando no mes de marzo perdemos a posibilidade de contacto físico e persoal, a escritora Iolanda Zúñiga irrompía nas redes sociais coa lectura de fragmentos da súa última obra Natura (Galaxia, 2018), premiada como a mellor novela na Gala do Libro Galego 2019. A súa imaxe e a súa voz recreaban escenas que de súpeto aparecían nos medios de comunicación e que só unhas semanas antes nos resultarían disparatadas. Aos vídeos sucedíanos comentarios de abraio por como a escrita se anticipara ao que estabamos a vivir. Dise no libro: «supermercados e grandes almacéns e centros comerciais foron conquistados e saqueados pola veciñanza temerosa da fame. Que baleirou os corredores empachados de saciedade para estibar, ata as despensas das súas vivendas, arroz, pasta, legumes e todos aqueles víveres imperecedoiros». O espolio dos andeis das tendas de alimentación foi unha das primeiras imaxes que nos deixou a covid. O certo é que nesta distopía tamén se fala dun estado de alarma, sintagma agora tan común, aínda que as causas das miles de mortes humanas na ficción non estaban claras no inicio e a comunidade científica debatíase entre unha pandemia ou unha fuga radioactiva.

Zúñiga fainos unha proposta literaria que, máis alá do que pode ter de premonitoria, invita a reflexionar sobre a sociedade actual. Cunha atmosfera abafante polo quecemento global, pero tamén pola implantación dun sistema totalitario onde se perden os dereitos, se neutralizan os afectos, se instala o medo ou se reprenden os desexos. E todo isto contado dende a óptica das mulleres, que son empregadas como corpos reprodutores.

Natura é unha novela desacougante, incómoda, mais tamén pon os esteos da esperanza na ecoloxía e na toma de conciencia como sociedade. Unha rebelión miúda, do día a día, imprescindible.