Decidido paso adiante

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

O escritor Manuel Esteban.
O escritor Manuel Esteban. Oscar Vázquez

28 ago 2020 . Actualizado a las 14:27 h.

A construción dun universo literario, o máis compacto e sólido posible, que suscite interese e que abra as portas de vez para seguir transitando por el é un dos desafíos que esta nova novela de Manuel Esteban aborda e do que, ao meu ver, sae airosamente.

Tras dúas novelas co particular exinspector de policía e detective Carlos Manso como protagonista, nesta terceira abrázase con solvencia unha historia, ou máis ben dúas, vinte anos polo medio, que nos sitúan, por un lado, nese territorio literario tanxible como é o da cidade de Vigo, que cobra aquí un novo perfil ao rescatarse, cando menos, dous dos túneles que o atravesan: o que vai desde os Caños ata a Alameda e o que se estende desde a zona de Canadelo Alto ata o barrio do Roupeiro —de libre acceso este hai algúns anos— cun fío argumental centrado na loita contra a corrupción que evidencia outro trazo común nas novelas de Esteban como é o da denuncia social. Por outra banda, o autor faino viaxar á illa de Fuerteventura cunha trama onde se mestura o narcotráfico con ecos da Marcha Verde, o conflito saharauí e un acontecemento traumático que Manso protagoniza e que revela as claves dun pasado para iluminar o presente, sen descoidar o ritmo vertixinoso e un acaído tecido secuencial.

Inserida na dinámica dunha novela de intriga, de mans dadas sobre todo coa súa penúltima entrega, nela salienta o desenvolvemento argumental da vinganza como concepto e forza que usurpa a vontade e que impulsa a súa irremediable potencia destrutora. Non se esquece visitar topos clásicos como poden ser o propio paso de tempo, a culpa ?«esa filla bastarda da responsabilidade»-, o pozo insondable desde o que nacen as mentiras, a cólera que ás veces esperta o peor do ser humano ou, mesmo, a relevancia da memoria como sedimento sen o cal resulta imposible vivir. Sen dúbida, un decidido paso adiante no percorrido autorial de Manuel Esteban.