Carlos Núñez: «Beethoven revolucionou a súa obra coas músicas celtas»

Carlos Pereiro

FUGAS

cedida

O gaiteiro vigués volve a eses escenarios galegos máxicos cun repertorio cheo de novidades e cunha mirada positiva do futuro e do que está por chegar

07 ago 2020 . Actualizado a las 16:50 h.

Carlos Núñez é ese tipo de artista que non para. Un diría que non pode, outro que non quere. Sexa como for, cando un é coñecido coma un dos gaiteiros máis famosos do mundo o traballo chama. O vigués prende de novo o lume dos concertos cunha xira que recupera a esencia experimental e a maxia que comezou xa no pasado: tocar en sitios máis pequenos, con alma, facer de cada bolo algo único.

­-Nova normalidade, nova xira. Préstalle poder volver tocar nun escenario?

-Estamos moi ilusionados, moito. Falo con colegas doutros países e para eles é impensable, como nos Estados Unidos. Vivir o que imos ter na casa, ao longo destes días por Galicia, é un regalo.

­-Quen ía dicir hai uns meses que ese concepto de xirar en lugares máxicos, como vostede os chama, ía ser unha parte obrigatoria na actualidade.

-Foi algo pioneiro, que xurdiu como idea canto tocabamos nunhas adegas en California. Pensei que aquí tiñamos lugares incribles onde poder dar concertos e había que facelo. É curioso que este formato semella ser o futuro da música, buscar novos espazos cun público máis aberto a recibir propostas. Xa non é raro tocar nun pazo ou nun parque arqueolóxico.

­-Pasa a salvación da industria musical en directo por estes novos formatos?

-Eu creo que é interesante vincular a música coa historia, coa natureza... Coido que é algo interesante. Ademais permite que cada concerto sexa único. En Nigrán, por exemplo, tocaremos no amencer. En Marín, faremos un repertorio especial con cancións de corsarios e piratas, que puiden estudar en Londres. Quen sabe se algunhas destas pezas foron tocadas no barco de Drake.

­-É admirable como a música mantén vivas estas historias, fóra do ensaio ou a literatura histórica.

-É fascinante. É unha sabedoría que vai sobrevivindo. Imaxina estar nun concerto e falar cun arqueólogo dos instrumentos que foron atopando nestas terras ou no norte de Portugal. Outro día estás traballando cos instrumentos do Pórtico da Gloria, para logo estar coas muiñeiras celtas de Beethoven...

­-Muiñeiras celtas de Beethoven?

-Si, si. É un traballo que tiña preparado para o 250.º aniversario de Beethoven. Imos adiantar parte do mesmo nestes concertos. Nunha visita a Alemaña puiden descubrir estas pezas. Nos seus últimos quince anos, Beethoven traballou moito coas músicas celtas de Gales, Escocia... Por que? Por que eran músicas fóra do sistema da música clásica. Posuían modos diferentes onde procurar modernidade. Beethoven revolucionou todo o seu sistema a través delas. A sétima sinfonía, todo o seu inicio e o seu final, teñen unha influencia irlandesa clara. Compuxo case duascentas obras deste tipo. Adiantouse cen anos a cousas coma o rocanrol ou o jazz.

­-Sempre ten algún proxecto novo entre mans. Hai nada publicou todo ese legado que é o xeito de tocar de Ricardo Portela. Dicía que sempre foi un tipo algo confinado.

-Ese foi un proxecto que sen o confinamento creo que non sairía... Levaba moito tempo con el, pero foi aí cando decidín rematalo. Para min, Portela era como o último samurai. Era un dos últimos gaiteiros lendarios e posuía un coñecemento común que había que gardar. Cando me dixo de transcribir o seu repertorio sentino como a idea de escribir o seu testamento. As súas cancións sempre me conectaron con Galicia, aínda cando estaba en Australia ou en calquera parte.

­-Non ve estraño ver as terrazas e logo ver as medidas para a música en directo?

-É algo que teño falado estes días con varios compañeiros, como Amaral. O único certo é que a música deu exemplo. Ata agora non houbo nin un só caso ou brote relacionado con un concerto. Estou orgulloso do sector cultural, de como estivo e está a altura. Demostramos que alegramos a vida á xente.