Xohana Torres, a primeira de moitas

«As mulleres sostemos o ceo», dixo a escritora recordando que a outra cara da lúa merece a mesma visibilidade. Ela destacou pola súa valía


«As mulleres sostemos a metade do ceo», dixo Xohana Torres. A súa foi unha traxectoria que serviu para que iso acontecese, sendo pioneira en moitas facetas e destacando en todas elas polo seu compromiso e a súa valía.

Durante a ditadura as posibilidades de publicar en galego eran escasas, houbo que agardar a 1952 para que aparecesen dous poemarios firmados por mulleres: O paxaro na boca, de Luz Pozo Garza, e Íntimas, de Pura Vázquez. Pouco tempo despois a Editorial Galaxia publicaría por primeira vez unha voz feminina, a de Xohana Torres, dentro da colección Illa Nova, un selo para autores e autoras noveis. Xaime Isla fora o verdadeiro entusiasta deste proxecto e os dous primeiros libros da colección saíron en 1957: a peza teatral Vieiro choído, de X. L. Franco Grande, e Do sulco, de Xohana Torres, un poemario intimista onde o amor, a soidade e a morte están moi presentes.

No mes de xaneiro daquel ano, en Compostela, os responsables da editorial reuníranse cos «novos valores» da literatura galega para anunciarlles a creación de Illa Nova. Entre os presentes a única muller era Xohana Torres. Ela integrárase naquel grupo de universitarios que formaban X. L. Méndez Ferrín, X. M. Beiras, Franco Grande ou Ramón Lorenzo. Aquel mesmo inverno botaron a andar un ciclo de conferencias no Círculo Mercantil de Santiago que quería ser unha homenaxe á poesía galega. A única autora que interveu foi Xohana, poñendo o ramo ás xornadas cunha charla que mereceu o aplauso da sala ateigada de xente. «No movemento literario de hoxe, non podía faltar unha muller. A súa actividade está unida ó porvir histórico da terra», así comezou a súa intervención e non faltaron referencias a Castelao nin a lectura de poemas seus que forman parte Do sulco.

Xohana Torres, a diferenza dos seus compañeiros de xeración, non era universitaria en Compostela, senón que vivía en Ferrol. Fora Franco Grande quen soubera dela a través dos xornais, cando en 1955 gañara o primeiro premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo, unha distinción que compartiu con Celso Emilio Ferreiro. As súas declaracións na prensa, dun galeguismo sen contemplacións, impresionárano moito e decidiu establecer contacto con ela, introducíndoa no grupo.

Ambiente non proclive ao galego

A súa aposta firme polo galego era salientable ao crecer nun ambiente militar nada proclive á lingua, pero Xohana tiña unha avoa, Lola, nas terras de Avia, que gardaba o idioma para legarllo á súa neta. Dela aprendeu os nomes do máis próximo: o vocabulario das cepas, a coloración dos viños, a gama cromática do arco iris, os remedios con herbas, as historias do lugar, os xogos, incluso algunhas palabras do barallete ou a facer a figa, pero sobre todo herdou da avoa Lola o seu talante libertario. Despois virían as clases de Historia e Literatura co profesor Carballo Calero, quen lle mostraría unha Galicia diferente, pero invisible ata entón: os cancioneiros medievais, o Rexurdimento, a cultura celta...

Xa nos anos sesenta, instalada en Vigo, Torres dirixe na radio o primeiro programa cultural en galego: Raíz e Tempo, en La Voz de Vigo. Foi tamén pioneira na tradución de literatura infantil e xuvenil á nosa lingua e comezou a escribir contos para a cativada como Polo mar van as sardiñas. Da mesma época de efervescencia creativa son as pezas teatrais Á outra banda do Íberr e Un hotel de primeira sobre o río, gañadoras do primeiro e segundo Premio Castelao, onde xa destacan as personaxes femininas e a denuncia social.

Tamén narrativa

Nada lle foi alleo á autora, tampouco a narrativa. En 1970 gañaba con Adiós María o Premio Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires. Un éxito acompañado de gran polémica, xa que ese mesmo ano presentárase, con Xente ao lonxe, Eduardo Blanco Amor, narrador consagrado que non aceptou de bo grado a decisión do xurado. Pasado o tempo, queda fóra de toda dúbida a calidade da novela Adiós María, novidosa e rompedora, a primeira de concienciación feminina, que vai camiño de ser un clásico.

Xa na madurez deu á luz Estación ao mar, libro co que inauguraba a colección Dombate de poesía na Editorial Galaxia e co que conseguía o Premio da Crítica Española en 1981. Dende entón pasaron xa corenta anos, pero a súa poesía, tamén a de Tempo de ría e Elexías a Lola, segue a ser un referente para as novas fornadas de poetas. Na súa escrita está a avoa poderosa, forte, que mantén viva a lingua e a cultura da súa estirpe; tamén a terra, o tempo, o mar e o seu compromiso coa muller, con esa Penélope, que non é mito senón símbolo, que se reivindica nun verso que hoxe é lema do feminismo: Eu tamén navegar!

Xohana Torres ensinounos que «a vida non é sempre unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas, pero ben ve o que mira dúas veces a mesma paisaxe».

Por iso, hoxe e sempre, cómpre volver lela, volver aprender no ronsel da mestra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Xohana Torres, a primeira de moitas