Luar na Lubre: «Grazas ao Camiño, Galicia foi musicalmente un verxel»

FUGAS

No disponible

Luar na Lubre publica hoxe o 19.º disco da súa carreira, «Vieiras e vieiros, historias de peregrinos», unha viaxe sonora polos territorios do Camiño ao seu paso por Galicia

26 jun 2020 . Actualizado a las 12:29 h.

As vieiras como icona dos peregrinos. E os vieiros como o resultado dese peregrinar. En torno a este xogo de palabras e ás apaixonantes historias humanas que, andando os séculos, foron articulándose en torno ao itinerario xacobeo, conforman Luar na Lubre o disco que hoxe editan e, ao tempo, estrean en directo, na festa de San Paio, na Estrada.

Vieiras e vieiros, historias de peregrinos está formado por 14 cancións nas que predominan as sonoridades da lírica medieval galega e 13 gravacións que evocan os sons que o camiñante vai atopando no seu percorrido. O disco ábrese con Benvido, un tema cantado en galego por Miguel Ríos. O fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero, confesa que non caera na conta da coincidencia no título da canción ata que o propio Miguel Ríos llo advertiu. «'Me metes en otro Bienvenidos', díxome rindo. E aceptou cantala ao momento».

-É este disco un convite a percorrer e, ao tempo, a escoitar o Camiño?

-Si, efectivamente. Pretendemos facer unha banda sonora do Camiño diferente a todas as que coñeciamos. Por iso, puxemos o foco na vertente humana, no auténtico facedor dos camiños, que é o peregrino.

-O disco inclúe 13 rexistros sonoros recollidos no Camiño. Cal é o seu sentido?

-O que quixemos con eles foi enfiar as historias que contan as cancións. Para facer un traballo destas características teste que mergullar no ambiente real, na realidade do que escribes. Por iso podemos dicir que os froitos desa recolleita etnográfica son os auténticos sons do Camiño.

­-Á parte deses sons, que outras sonoridades están representadas neste disco?

-A nosa lírica medieval está moi presente, pero tamén recuperamos músicas que veñen dende outros lugares. Este disco está cantado en catro idiomas: galego, latín, francés e inglés. O que pretendemos foi reflectir a internacionalidade dos diferentes camiños que chegan a Galicia.

-Que queda hoxe na música tradicional galega de todas esas músicas que nos chegaron a través do Camiño?

-O Camiño de Santiago foi a principal vía de entrada das influencias musicais que nos chegaban de Europa. Ata onde chegou esa pegada? Eu non son un estudoso do tema pero que a houbo, quedou incluso constatado no Códice Calixtino, que xa conta como os peregrinos chegaban tocando os seus instrumentos. Por aí é probable que chegaran as mazurcas, as polcas, os chotis... Si, moitas das músicas que hoxe están incorporadas dentro do que consideramos a nosa música tradicional é probable que nos chegasen vía Camiño de Santiago. Musicalmente, no século XII Galicia era un verxel.

-Agora que unha parte da escena da música tradicional mira cara á contemporaneidade, se non directamente ao futuro, vós poñedes a mirada na lírica medieval. Tedes a sensación de ir contracorrente?

-Si e non. Porque mirar cara atrás e facelo con perspectiva de modernidade non está rifado. Nós collemos o Dum Pater Familias, que é unha canción en latín que cantaban os peregrinos e metémoslle unha programación e cantámola dun xeito que podería soar nunha discoteca. En Galicia temos un certo complexo con estas cousas. No resto de Europa hai tempo que están traballando nas músicas antigas con instrumentación moderna. Está claro que a nós gústanos ir a contracorrente. Pero a partir de aí, creo que o que estamos facendo é música do século XXI, independentemente de que estea inspirada en músicas de moitos séculos atrás.

-En formato físico, xunto ao novo disco entrégase un segundo cedé cunha recompilación de temas de Luar na Lubre relacionados co Camiño de Santiago.

-Ese disco testifica que Luar na Lubre non é un grupo oportunista que agora saca un disco sobre os peregrinos porque estamos ás portas dun Xacobeo. Pois mira, non. Nós vimos facendo música con esta temática dende finais dos 90. E ao mesmo tempo ese disco sérvenos para recuperar cancións que gravamos con colaboracións tan diversas como Pablo Milanés, Diana Navarro, Ismael Serrano ou Carlos Jean, entre outros.

-Despois de 35 anos, que vén achegar «Vieiras e vieiros» á traxectoria de Luar na Lubre?

-Creo que non somos os músicos os que debemos dicir o que achegan os traballos, senón o público. Para nós o noso último traballo segue a ser o mellor e iso é moi ilusionante. É o que nos fai seguir adiante.