Carlos Casares e a revolución do cine

Para o escritor, a bondade era unha das claves da vida, da literatura e da novela «Ilustrísima», que cumpre os 40 anos


Hai corenta anos, Carlos Casares publicaba na Editorial Galaxia Ilustrísima, unha novela que durante moitos cursos foi lectura obrigatoria de bacharelato e entrou nos fogares para descubrirnos unha Galicia xa afastada no tempo, a de comezos do século XX. Con esta obra inauguraba o escritor unha etapa de creación menos experimental e cunha menor preocupación polo aspecto formal, unha aposta firme polo realismo e por unha narrativa máis convencional que buscaba contar historias sen grandes artificios.

Con certeza, Casares escoitara por boca de Ramón Otero Pedrayo aquel relato que ficcionalizou nas páxinas desta novela: a chegada a Ourense do primeiro cinematógrafo. Certo que en ningún momento se pon nome á cidade, pero recoñecemos os lugares que describe, as prazas, os edificios... En Ourense nacera Casares, aínda que con catro anos a familia se trasladou a Xinzo de Limia, onde seu pai exerceu de mestre, pero volvería como estudante e alí descubriría os parladoiros, a figura de Risco... Eses anos no Seminario tamén lle serviron para tomar consciencia de que a súa lingua, o galego, estaba prohibida dentro daqueles muros de pedra e, como lle gustaba transgredir as normas que non entendía, falaba ás agachadas cos demais rapaces no idioma que lles era común para evitar os temidos castigos.

A narrativa de Casares está marcada polas historias apegadas ao mundo que lle era próximo e coñecido, aos temas que lle interesaban e ás súas grandes paixóns: velaí o cinema. En Ilustrísima xunta todos eses ingredientes debuxando unha cidade que ve alterada a súa tranquilidade por un xenovés, Eduardo Barbagelata Mucci, que instala o primeiro cinematógrafo. Daquela o acontecemento tivo moita sona e espertou opinións encontradas. O cine Moderno-Barbagelata molestou especialmente as forzas vivas máis reaccionarias e conservadoras da cidade das Burgas, pois simbolizaba un avance, unha ventá ao mundo.

Sen dúbida, o invento dos irmáns Lumière estivo sempre moi presente na vida de Casares xa dende ben pequeno, cando asistía á sesión de cine infantil os domingos ou cando, grazas á amizade co fillo dun traballador do cine Molinos, podía ver dende a cabina de proxección as longametraxes ás que non tiñan acceso os máis cativos. Alí collía os anaquiños de película dos «cortes» que se producían durante a proxección e gardábaos nunha caixiña, para despois mostrarllos aos amigos a contraluz, como ten contado seu irmán.

Humor que tempera a realidade

Pola súa afección ao cine aquela historia que lle relatara Otero Pedrayo non lle podía ser allea e anos despois deulle vida nunha novela dedicada ao seu tío e padriño, Xosé Mouriño, abade de Beiro. Naquela parroquia pasaba Casares as vacacións e alí desenvólvese a súa derradeira novela: O sol do verán.

En Ilustrísima están tamén representadas as diferentes posturas da sociedade e, moi especialmente, da Igrexa. Mentres o bispo é un home bondadoso, cunha mentalidade aberta e tolerante, en fronte atopamos unha curia moi conservadora e reaccionaria. E nesa mesma dicotomía está a prensa local, La Verdad e El Liberal, voceiros de cadanseu bando. Desta maneira, a chegada do cinematógrafo acende a conservadores e a liberais, e cuestiona a maneira de entender a relixión, os avances e a modernidade a través da voz dun personaxe, Ilustrísima, que segue na memoria de cantos lemos a novela. Sentimos a súa carraxe, o seu sufrimento, o seu abraio ou a súa dor ante o fanatismo relixioso e sectario. E aínda con ese punto acedo dunha sociedade moi dominada por unha Igrexa anquilosada no pasado, non faltan o humor e a ironía, esenciais na escrita de Carlos Casares. Esas chiscadelas ao lector ou lectora, amais de temperar a gravidade dos feitos, serven para facer crítica dende a complexidade da retranca galega.

Na actualidade, unha placa do Roteiro Carlos Casares lembra cun fragmento de Ilustrísima o cinema Barbagelata, que despois sería o Teatro Apolo. Corenta anos despois da súa publicación, o libro segue a dialogar con nós, segue a remarcar puntos da nosa historia, como toda a súa obra. Casares tivo a proposta de levar a novela ao cine, pero finalmente non saíu adiante, quen sabe se algún día se unirán estas súas dúas paixóns e podemos ver en pantalla grande Ilustrísima.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Carlos Casares e a revolución do cine