Primeira estrea de teatro en Galicia

FUGAS

«Dreaming Juliet» fala duns Romeu e Xulieta contemporáneos
«Dreaming Juliet» fala duns Romeu e Xulieta contemporáneos Elegante Elefante

«Dreaming Juliet», que reinventa o clásico de Shakespeare, pódese ver este venres e sábado na Coruña, cun aforo máximo de 80 persoas

18 jun 2020 . Actualizado a las 19:46 h.

Que pasaría se Romeu e Xulieta non enfrontasen un destino como o que lles deixou escrito Shakespeare? Como serían, por exemplo, se tivesen 46 anos e se desenvolvesen no mundo de hoxe? Elefante Elegante, a compañía creada hai vinte anos por María Torres e Gonçalo Guerreiro, ofrece respostas a iso cun soño en movemento, coa que é a primeira estrea de teatro en Galicia nesta «nova normalidade» que comeza a abrirse camiño tras a crise do covid-19. Dreaming Juliet é a proposta alternativa ao orixinal de Shakespeare, un espectáculo coproducido polo Concello de Culleredo que se porá en escena este venres e o sábado (20.30 horas no Teatro Rosalía, da Coruña, cun aforo máximo de 80 persoas).

«A idea é falar da parella de hoxe en día, do espazo que a vida de hoxe deixa para o amor. Como pode unha parella vivir o amor tendo que traballar, chegando tarde, cobrando un soldo que igual non permite contar cunha axuda para a limpeza da casa, coidando dos fillos? A pregunta que queriamos lanzar con Dreaming Juliet é que lugar deixamos nas nosas vidas para o amor? É protagonista ou, pola contra, estámolo deixando en último lugar na nosa lista de prioridades?», pregunta Gonçalo Guerreiro, director da obra.

El ten unha relación moi directa co tempo, que sempre volve nas pezas que escribe. «Romeu e Xulieta é o clásico que fala do amor máis grande que nunca se coñeceu. A partir de aí xurdiu o desafío: Como facer que esa obra inspire o que queremos contar? Fomos buscar a trama de Shakespeare, do que quedou pouco!», revela Guerreiro.

A primeira obra que levanta o pano en Galicia céntrase no papel da muller, «de como era hai 50 anos e como é hoxe». «Nós intentamos que sexa un espello, unha relación democrática entre o home e a muller —comparte o artista—, que se apoien un ao outro, aínda que este Romeu pode ter algún desliz da súa herdanza machista... Aínda temos que loitar contra iso, eu sinto que teño aínda que desacomodarme do estatuto do home, para estar á altura, na casa, da muller».