«A esmorga» cumpre os 50 cunha edición de luxo

Blanco Amor viviu nas marxes como emigrante, escritor, homosexual, pero obras como «A esmorga» mantéñeno ao día 50 anos despois

Eduardo Blanco Amor nunha imaxe cedida pola editorial Galaxia
Eduardo Blanco Amor nunha imaxe cedida pola editorial Galaxia

Hai cincuenta anos saía do prelo en Galicia unha das novelas máis lidas e valoradas da narrativa galega de todos os tempos: A esmorga. O seu autor, Eduardo Blanco Amor, manifestou nalgunha ocasión os celos que sentía cara a esa súa obra porque, dalgunha maneira, eclipsara o resto da súa produción, pero tampouco puido deixar de reivindicar con orgullo ter concibido unha das novelas de referencia da literatura galega.

Portada orixinal, ilustrada por Luís Seoane
Portada orixinal, ilustrada por Luís Seoane

Con vinte e un anos, como tantos outros galegos, Blanco Amor emigraba a Buenos Aires. Alí comezou a traballar nun banco, pero axiña compaxinou a súa vida laboral coa súa faceta xornalística, unha paixón que lle deu recoñecemento entre a colectividade galega e a intelectualidade bonaerense. Trataba a Borges, a Sábato, a Horacio Quiroga... Sen dúbida, a literatura hispanoamericana foi crucial na súa formación literaria, así como o seu mestre en Ourense, Vicente Risco, e toda a Xeración Nós.

Relación con lorca

Dentro da referida faceta xornalística vai ser importante a súa fichaxe polo diario arxentino La Nación, un dos máis vendidos na época. Será como correspondente do xornal que regrese a Galicia en 1928 e 1933. Naquelas viaxes vai coincidir con Castelao e Suárez Picallo, vai entrevistar a Azaña, e tamén terá tempo para visitar en Granada ao seu amigo Federico García Lorca, a quen prologa os Seis poemas galegos.

En 1935 regresa a Arxentina sen saber que tardará moitos anos en volver, sen ser consciente de ter dado derradeiros abrazos. En Buenos Aires ten noticia do asasinato de Lorca mentres prepara a chegada de moitos exiliados, tal foi o caso de Castelao, a quen a colectividade galega recibe en 1940. E durante todos eses anos que non pode volver a Galicia, Blanco Amor segue traballando incansablemente a favor da difusión da cultura galega. Será tempo dunha actividade imparable: conferencias, artigos, clases na universidade e, por suposto, a súa faceta de escritor.

A esmorga escríbese ao longo de 1955, durante cinco intensos meses, segundo consta no mecanoscrito que lle deu a Isaac Díaz Pardo para que entregase na Editorial Galaxia. Porén a imaxinación do escritor tamén ficcionalizou este proceso e en máis dunha entrevista contou que lle deu cabo en tres mañás de domingo ou incluso nunha fin de semana durmindo escasas horas e alimentándose co pouco que tiña na neveira.

Quince anos de censura

Cando chegou a mans de Ramón Piñeiro, director literario de Galaxia, enseguida a enviou á censura co desexo de publicala, a sabendas que non sería doado. Certamente resultou tal e como esperaban e a prohibición foi total. Blanco Amor, enormemente desgustado, deuna ao prelo en Buenos Aires en 1959. Terían que pasar case quince anos para que A esmorga pasase a censura, daquela máis permisiva, pero sempre cun prezo a pagar: debíanse eliminar algunhas palabras do último capítulo que se referían á Garda Civil e, moi especialmente, á violencia exercida cos detidos. Son cinco indicacións que o autor asume para que a novela poida por fin chegar ás librerías galegas.

Naqueles meses de espera Blanco Amor, que xa se asentara definitivamente en Galicia, mostrábase nervioso pola acollida que tería despois de tantos anos. Estaba disposto a implicarse na difusión da obra e escribía a Galaxia para facer firmas nas librarías de Ourense e así incentivar a compra. A tiraxe de 3.000 exemplares era unha aposta firme e dende entón cóntanse por milleiros as copias vendidas.

Sen dúbida, A esmorga continúa a ser exemplo de modernidade literaria, co seu singular narrador, tan cinematográfico, tan visual, que alcanza cos seus ollos toda Auria nun plano amplo, pero tamén pousa a súa mirada en planos curtos da cidade e dos personaxes. Quizais por iso xa foi levada ao cine en dúas ocasións, a primeira en castelán e a segunda en galego, baixo a dirección de Ignacio Vilar e con enorme éxito entre o público.

En cada novo encontro coa novela atrápannos o estilo e a linguaxe, ao tempo que participamos desa Auria que camiñan o Bocas, o Milhomes e o Cibrán, esa cidade nocturna, onde a chuvia e as historias nos calan ata os ósos.

Co gallo do 50 aniversario a Editorial Galaxia publicará unha edición de luxo ilustrada por Diego Estebo, aínda que o verdadeiro privilexio é asombrarnos ante A esmorga en cada lectura.

Cuberta da nova edición da obra «A esmorga»
Cuberta da nova edición da obra «A esmorga»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«A esmorga» cumpre os 50 cunha edición de luxo