Laura Lamontagne: «Rosalía desbloqueou moitos clixés que tiña na miña cabeza»

FUGAS

cedida

Seguramente sexa a artista máis prometedora da música galega actual. Una moza capaz de levar a Martín Codax ao carón do «hip-hop»

05 jun 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

É o nome que está nos beizos de moitos dos melómanos e programadores de Galicia. A luguesa Laura LaMontagne non ten aínda ningún disco editado. Pero a súa dispersa obra xunto a Pico Amperio salpica diferentes plataformas dixitais. Chamou e segue chamando a atención de moitos oídos namorados pola súa lírica concepción da música pop. Tamén pola maneira de mesturar presente e pasado, mais alá de fórmulas. «Foi todo moi rápido e, se imos facer un disco, quero que estea todo ben rematadiño. Imos pouco a pouco», apunta.

­-O seu proxecto nace no folk pero chega a electrónica contemporánea. Por que a súa xeración quere mergullarse nas esencias desde un ordenador portátil?

-Supoño que hai unha ansia de contar algunha historia a través desa linguaxe tan crúa e absolutista que teñen ás cántigas populares. Debe haber unha sede xeral dese tipo de forzas telúricas [ri].

­-O usual no pop «indie» hai unha década era aspirar a soar como un grupo americano, non musicar cantigas.

-Hai de todo. No caso das cantigas, descúbroas no instituto e houbo unha teima, sobre todo con Ondas do mar de Vigo. Púxenme a investigar e cheguei a unha conclusión: se canturreo todo o día estas cousas, porque non as vou traballar e facer con instrumentos que me interesen de agora mesmo, sexan un sintetizador ou un ordenador? E fíxeno.

­-Non se trata tamén dunha reacción a un exceso de dependencia do anglosaxón que mandou no pop durante décadas?

-Pode ser. Supoño que son movementos de acción-reacción. Para min este tipo de proxectos, como o de Rosalía, desbloqueou moitos clixés que tiña na miña cabeza. E supoño que pasou o mesmo na cabeza de moitos artistas. Todo iso de sacar o vello e poñelo nunha linguaxe nova supoño que é moi importante. Foi unha gran cadea, un dominó.

­-Di que, de nova, escoitaba a Carlos Gardel en lugar da música que se supón que debería escoitar.

-Era algo friqui, un pouco de máis. A teima vén de lonxe. Recordo estar coa miña nai escoitando tangos e preguntarme por que non era posible facer esas cancións agora. Eran reflexións un pouco banais, pero serven para expoñer as ganas que eu tiña de absorber estas cancións friquis.

­-Hai tamén unha inclinación clara cara ao portugués.

-Non son moi experta na música portuguesa, todo hai que dicilo, pero si que hai unha chamada por aí.

­-Ten una postura decididamente feminista en varios temas. ¿Prodúcese un choque cando viaxa a un pasado tan pouco feminista como ese?

-Si, claro que si. Por iso supoño que quero reinventar e utilizalo como podo. Iso é un tema complicado. Hai correntes de opinión que poñen en dúbida a autoría das cantigas. Parece moi interesante esa dobre cara que poden ter.

­-Pensaba máis no tango, onde é moi explícito o macho dominante.

-Si, é terrible, hai que saber filtrar.

­-O seu hit é «Ondas do mar de Vigo»?

-Para nós é o corazonciño do proxecto. Eu relaciono esta canción cun compañeiro que tiven, un can. Chamábase Dante e morreu o ano pasado. Na familia chamabámolo amigo. Cando eu canto Ondas do mar de Vigo penso nel. Xa ves ti como evolucionan as cantigas [ri]. A mensaxe pódese modificar sempre.

­-Amaral faino no seu último disco.

-Si, ¡que bonita! Gustoume moitísimo. É moi similar á orixinal. É preciosa.

-Na web VivaLugo defínena como «a futura diva da movida luguesa».

-[Ri] A verdade é que non saio tanto para estar na movida. Eu tómoo con que está escrito con moito cariño, aínda que non me identifico ao 100%. Fíxome graza.

-Ofreceu varios concertos en «streaming» neste confinamento. Parece que ao cantar se embriaga. Que sente?

-Buff, o primeiro é pensar no diafragma e que me responda o corpo para calquera desas notas ás que quero chegar. O importante é estar concentrada no que queres dicir e no que queres sentir. Ás veces é bo non estar pendente do de fóra, porque se che vai a cabeza pensando en chorradas do visual e non do sonoro. Nos streamings ás veces é complicado, porque ensaiabas no salón e fas o concerto alí tamén, no mesmo sitio no que estivestes en pixama antes. É moi raro. O espazo non cambia e non dá tempo a pensar que estás nun concerto. En ocasións tiñas que dicir: «Non penses na lavadora» [ri].