David Amor: «Reivindico a Andrés Dobarro para o Día das Letras Galegas»

Fillo de mestre de Galego, o humorista subliña retranqueiro: «Ao mellor Pablo Motos cre que non ten acento»


David Amor ten agora o seu traballo freado, como todos os artistas, pero asegura que neste momento é o tempo de pensar nos demais e non nun. «O que queres é que todo estea ben e deixe de morrer xente», lamenta con preocupación, nunha corentena na que aproveita para preparar a comedia que produce, Go Home, sobre a xentrificación.

-Os artistas tedes todos os proxectos anulados: series, teatros, televisión. Como se resiste?

-A perspectiva é que ata outubro non haxa nada. Resístese con paciencia e pensando que é o mellor para todos, é o que toca. Hai que pensar nos demais non nun. O que queres é que todo estea ben e deixe de morrer xente.

-Neste drama, como afrontas ti a posibilidade de facer humor?

-O humor sempre está presente, ata cando morre un ser querido. Sempre hai ese oco, e neste caso é igual: hai veces que estás máis animado e que podes facer un chiste. Pero levamos encerrados moitos días e loxicamente é máis difícil facer un monólogo.

-Ti defíneste como unha persoa en xeral non moi preocupada, cun punto inconsciente.

-Si, para o traballo é mellor non pensar demasiado. E a min foime saíndo ben. Non son excesivamente de planificar, pero teño os meus obxectivos, vou tirando.

-Comezaches ao chou, por ser compañeiro da actriz María Castro, non?

-Eu coincidín con ela na facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, na mesma clase. Ela comezou nunha axencia que tiña moita relación coa TVG e falando un día presentoume a xente; e así entrei en O rei da comedia. A partir de aí funme quedando. Non foi iso de: «Mamá, quero ser artista».

-Segues tendo contacto con María?

-Si. Temos moitos amigos en común e vémonos de vez en cando.

-Nesa maneira de ser túa de cu inquieto, ten moito que ver a túa infancia. Es fillo de mestre, andabas dun lado para outro?

-Si. Movémonos bastante, nunha ansia de mellora, percorremos Galicia, ás veces dicíanme se meu pai era militar. Eu son da Picoña, de Salceda de Caselas, e de alí marchei para A Estrada, onde vivín ata os 13 anos, e logo marchei para Pontevedra. Despois xa residín de maior en Carballo, A Coruña, Santiago, Madrid, Pontevedra...

-Iso conforma un carácter.

-Si, hai unha parte que che leva a non ter raíces, eu á Picoña téñolle moito cariño, pero só vivín alí ata os 7 anos. Eu sempre digo que son de Ferreirós, de Vila de Cruces, que é de onde é a nai do meu pai, porque alí pasei moito tempo. Tamén no xeito de falar. Teño o galego de alí. Iso ten unha cousa bonita tamén, porque eu agora me sinto moi apegado a Pontevedra, e non nacín aquí.

-Que lle dirías a Pablo Motos do teu acento?

-É unha cousa que pasa moito, a xente somos egoístas por natureza, e todo o mundo está a «que hay de lo mío». E, claro, ao mellor Pablo Motos non sabe que el ten acento. Creo que a el traizooulle o subconsciente, pero non lle daría importancia. En Galicia aínda nos queda moito por superar, calquera día desaparece o galego e non pasa nada.

-Pensas que sucederá?

-Si, xa está desaparecendo. O galego popular é residual, pouca xente está tirando por el, pouca xente nova.

-Nótalo respecto a cando eras neno?

-Si, meu pai é mestre de Galego, hai moitos filólogos na casa e falamos do tema. É unha cousa supercuriosa, en principio saber un idioma sempre é algo bo, e aquí parece que non. E non dá vergonza, a xente non lle dá importancia. E perder un idioma é perder a cultura. Lembro unha cousa preciosa que conta Quico Cadaval de como os franceses protexen a súa cultura, e de como hai un termo que existe en francés e tamén en galego, case descoñecido, que usan na zona de Ourense sobre todo os pastores, que é lobicán. Un termo para definir a hora do día para recoller as ovellas, porque coa luz que hai non se distingue se o que vén é un lobo ou un can.

-Por que dis o de non se ten vergonza?

-Agora os rapaces paran a meu pai e dinlle: «Ah, me diste clase de gallego». Iso antes era impensable. Polo menos tiñas respecto e fálabaslle en galego ao profe de Galego. A lingua está claro que deixou de interesar hai moito tempo. Non fomos capaces de involucrar iso na xente.

-Ti vives en galego e actúas en galego, cando podes.

-Si, para min é unha cousa de optimizar, de proximidade. Pero o problema do galego son os galegos. Eu levo traballando dez anos fóra e no primeiro programa que fixen en Antena 3 dicíanme ao volver aquí: «Como forzas o acento». E eu non forzaba nada. En Gym Tonic comentaban: «Xa está este facendo de galego parvo». Hai que darlle normalidade como se tes acento de Brooklyn ou panameño. O mundo cada vez é máis grande e querémolo facer máis pequeno.

-O problema do galego son os galegos?

-Si. Cen por cen. É unha actitude. É unha lingua marabillosa, pero a xente di: «No lo hablo porque lo hablo muy mal». Claro, se non o falas nunca, nunca o falarás ben! Se o segues asociando con algo pexorativoe é lamentable. Se desaparece, que lle imos facer. O que non se pode é admitir opinións que non son certas. Se un di que chove e outro que non chove, non hai que facer un debate, hai que mirar por la ventá, as opinións son libres, pero unha soa é a verdade. Aquí non se está a impoñer o galego. 

-Cando fuches a «Tu cara me suena» querías facer de Jorge Drexler.

-Home, a miña idea era facer de Xabier Díaz, pero non puiden [ri]. De feito, logo quería facer O Tren, de Andrés Dobarro, que desde aquí reivindico: «Letras Galegas para Andrés Dobarro xa!». Porque el foi número un nos 40 Principales, creo que o merece. Reclámoo cen por cen, porque creo que falta iso. Non facer da lingua algo afastado, está moi ben reivindicar a figura dun galego que unha vez escribiu unhas cartas en Cuba, pero tamén molaría que a xente nova soubese que houbo un número un na música que triunfou en galego. que poidan cantalo, descubrilo. Hai que alternar un pouco, non hai que renegar desa parte cultural popular, ou mainstream, que é moi potente.

-Así que ti o debate de Bob Dylan co Nobel de Literatura tamén o tes claro.

-Totalmente a favor. É xente que fai grande a cultura.

-Entón Xabier Díaz gústache, e Jorge Drexler tamén.

-Si, si. Jorge ten unhas letras marabillosas, é un poeta espectacular e un tipo encantador, ao que tiven a sorte de coñecer. E a súa maneira de cantar é moi complicada de imitar, a miña non se atreveron a emitila [ri]. Polo menos puiden cantar My Way, de Frank Sinatra. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

David Amor: «Reivindico a Andrés Dobarro para o Día das Letras Galegas»