Cal é a palabra galega máis bonita?

FUGAS

«Bolboreta», «morriña», «agarimo» e «colo» son algunhas das palabras galegas escollidas polos lectores que participaron nunha enquisa na web do xornal. 
Na foto de arquivo, nenos e nenas celebrando as Letras Galegas
«Bolboreta», «morriña», «agarimo» e «colo» son algunhas das palabras galegas escollidas polos lectores que participaron nunha enquisa na web do xornal. Na foto de arquivo, nenos e nenas celebrando as Letras Galegas Santi M. Amil

Esfollamos a margarida cos lectores para celebrar botando a lingua o noso Día das Letras. Nós preguntamos e eles responderon con xeito, troula, agarimo e bolboretas

17 may 2020 . Actualizado a las 09:57 h.

Pode que sexa a única lingua que fai sentir bolboretas nos beizos. A única na que o colo presta máis, e queda máis arriba, que o regazo da nai. Ten nai, e naiciña, e mamaíña. Como ela, non hai ningunha, non a hai. Ten máis xeito que as boas maneiras, un son longo de axóuxeres para non chorar, riquiños e larpeiros a esgalla, amoriños, e rabudos e pelouros, e agarimo ata para dicir miñaxoia (apoucado, coitadiño), lambecús (lambecribas val tamén). Como xa o sabes, heicho contar...

Para celebrar o maio máis estraño das Letras Galegas, dende o Fugas lanzamos a pregunta na Rede, guindando a moeda ao ar. Cal é a palabra máis bonita do galego? A máis feitiña para nós?

As grandes favoritas

Hai prebe, mollo, chorume, a salsa da variedade na escolla dos lectores de La Voz de Galicia. Coa enquisa que se fixo a través do diario online, pechada a 14 de maio, os resultados coroan unha favorita que vén de lonxe, con dúas grafías: bolboreta e volvoreta, singular e plural. A primeira é a forma correcta, a que inclúe o Dicionario da Real Academia Galega, pero non lle imos facer o feo aos que prefiren ir por libre polo uve. Máis de 500 persoas responderon na web. Delas, 36 escolleron bolboreta como a palabra máis bonita, e outras 25, volvoreta. Fagan o plural, que senta ben.

Se sumamos as bolboretas e as volvoretas, o insecto que chucha o néctar das flores (e cando é nocturna convértese en avelaíña) é o que gaña no corazón, ou na preferencia da lingua, dos galegos.

Esta escolla bolboreteira revela que somos poéticos e diversos, naturais e voadores de espírito, non é? E cando imos, sempre, sempre, pensamos en volver. A morriña (36 votos) é a segunda raíña da lingua para os lectores vendo as respostas á consulta polo Día das Letras, e a saudade está tamén entre as favoritas, co aguillón de nostalxia polo que se quere ben. Con ese eñe noso que fai máis doado o camiño hai moitas elixidas para o cesto das lindas: aloumiño, muiñeira, riquiña e riquiño, anduriña, avelaíña e ruliña son só algunhas. Sempre con sentidiño, amodiño... que non faltan á hora de facer un top con xeito. O xeito... como non ía estar entre o dicir ben? Tamén fican o agarimo, o colo (que, por certo, é a palabra galega favorita do actor Javier Gutiérrez), a ledicia, o axóuxere e o bico.

O enxebre leva o seus votos, e o amorodo. O lambecús tamén, que, como palabra, fea non che é... Como carraxe, sempre que non nos cegue o corazón.

Meiga, aperta, berce, fogar, esquío, bulebule, orballo, agasallo, afouteza, brétema, parrulo, luscofusco, solpor, xoaniña, vacaloura... fan unha hortiña léxica do mellor do mellor. Todas elas botan a lingua con gusto, están entre as favoritas polo sabor, polo gusto de pronunciala.

Que non falte o sexto sentido do humor. Trapallada ten o seu aquel, e os seus votos na Rede, e a troula tamén. Outra cousa é a esmorga de Blanco Amor. Tamén o toxo enfeitiza, dá flor! Nas redes sociais é outra leria escoller... A margarida da lingua non se dá esfollado, ho.

E se empezamos cos ditos, xa non cho dou en contar. Temos moito conto, pero este xa é outro cantar...

A palabra máis bonita? Depende, non?