Xosé Touriñán, humorista: «Estou desexando que sexan as once da noite para botar por fóra»

FUGAS

ANGEL MANSO

Cun filtro de Instagram pode ser Eduardo, e cunha gorra, mercar unha desbrozadora de Amazon e facernos escachar coa risa. Os personaxes de Touri asómanse no directo que fai en Instagram con Perdomo, un dúo que é o mellor desta corentena

23 abr 2020 . Actualizado a las 23:35 h.

Ten fama de ser un tío moi tímido, tanto que mesmo a súa familia se estrañou cando o viron por vez primeira na televisión sacando toda esa enchenta de personaxes. Xosé Touriñán (Carral, 16 de marzo de 1980),Touri, é un mago, un tipo cun enxeño brutal que todas as noites da corentena ten unha misión con David Perdomo á que non pode faltar: facernos rir ata escachar con historias xeniais como a da desbrozadora de Amazon ou a chamada eterna de Loliña e Cacana. Desde que Peruleiro é o centro do mundo, os galegos, e especialmente os coruñeses, sabemos que nada pode saír mal despois deste tempo de encerro porque Touri estaba alí para enchernos do mellor humor. 

-Como te chamo: Xose, Xosé, Touri?

-Na casa son Jose, ou Touri, como queiras. 

-Touri ten moito de touro?

-Igual de turrón si, son moi cabezón. Pero creo que meu apelido vén do francés, significa algo así como 'o que dá voltas', 'o que viaxa'... 

-Viaxar agora pouco. Como levas o confinamento?

-Ben, hai días máis baixos, pero é verdade que ao vivir na aldea son un privilexiado, xente coma nós con familia, con nenos,  estamos relativamente ben nunha casa. Ao final, fago unha vida moi parecida, non ves a moita xente, o único que non podemos facer é dar os paseos polo monte. E salvo cun salgueiro, aquí non te atopas con ninguén. Aquí é o normal. Pero como fan as leis para que saian os de Madrid á Gran Vía, en fin, creo que non verán nunca esta realidade de estar confinado no campo, sen ninguén ao redor. Pero despois do de onte dos nenos xa non entendo nada, isto de levalos ao súper foi todo un sensentido. Se o pensas dúas veces, non ten sentido, vas metelos onde máis van tocar? Será que en Madrid os teñen que levar ao súper, que se saen todos dos pisos non caben na rúa, pero no resto de España non é así. 

-Estás pensando mellor que os políticos...

-Non o sei [ri]. Só o penso dous minutos máis. Parece que podería organizarse doutra maneira. 

-Veríaste ti organizando, tes vocación de líder?

-Na pel dun político non me vexo, pero si no meu mundo, aquí organicei o festival Castelo Conta. E xa de pequeno era de liar aos demais, aínda agora na profesión tamén: á hora de producir, por exemplo, a obra de teatro de Fariña. Enseguida liei a Nacho Carretero para producir a medias a obra; con Carlos Blanco, igual. Ao final si que me gusta ser un liante e tirar para adiante cos proxectos, si teño ese formigueo no cu.

-E unha cabeciña!, como di Perdomo, que dá para crear cousas como a «lamprea de Miami».

-Ha, ha, mira quen foi falar. Vaia xenio, ríome tanto con el, é capaz de sacar da nada diamantes, é unha marabilla. 

-Os vosos directos diarios de Instagram son unha das mellores cousas da corentena. 

-Si, xurdiu así, porque a min me gusta facer cousas con xente máis que un só, e o primeiro fin de semana de corentena vin a David cunha cousa en Instagram, e despois falando con el de como estaba e esas cousas, díxome: 'E por que non facemos un directo?'. Eu non sabía nin o que era, nin idea dos filtros que son bestiais, a mellor caracterización do mundo. Empezou de coña e segue de coña, nós facémolo por xogar. É certo que agora cando ves que a xente está esperando ás once da noite, falo tamén por eles. Pero tamén por nós, estamos desexando que chegue a hora para botar por fóra. É tan sanador, é tanta medicina, que é marabilloso. Onte por exemplo conectamos con Dani Rovira, tremendo, o outro día co futbolista Borja Valle, todo o mundo está a favor, somos un grupo de amigos que parece que estamos por WhatsApp. Así que estamos esperando á noite todos para rir.

-Estás produtivo, aproveitando o tempo?

-Si, tiña moitas cousas pendentes, traballando, e descubrindo lugares na casa que case non sabía que había, ha, ha. Estoulle sacando rendemento ao investimento desta casa.

-Non te poñerían a facer bricolaxe.

-Non, non, son un desastre, nin pinto nin nada, son capaz de romper todo. Non son nada manitas. 

-Ni sequera coa desbrozadora, esa que compraches por Amazon (risas).

-Teño aí un cortabordes que de vez en cando engancho, iso si que o uso.

-Mira que rimos con todos eses personaxes, ese enxeño de onde sae?

-Non o sei de onde sae, de ver, de mirar... ou como fai Perdomo de nada, é facer maxia. Como con Loliña, Cacana, Javi ou Eduardo, [ri], que só cun filtro de Instagram xa sae só. Isto ou é moi fácil ou é imposible. Trátase de xogar, como nenos pequenos, non esquecerte diso e seguir xogando. 

-Teus fillos están atentos tamén, xa vexo que ás veces tes produción por detrás. 

-Si, a verdade que Patricia, a miña muller, tamén se apuntou a facer do home ese que sae por detrás de Cacana. Os nenos normalmente se conectan o venres, porque o resto intentamos que sigan as rutinas de deitarse cedo polo cole. 

-En Coruña imos ter que pechar Peruleiro xa e facer unha gran festa cando remate.

-Si, si, é o noso Manhattan, sería marabilloso, e con todos os personaxes que saíron aquí!, como no Soho con todos os famosos. Imos poñer Peruleiro de moda. 

-E a ti esa vea de onde che vén?

-Non sei de onde vén, na miña vida normal non son así. Foi unha sorpresa cando eu empecei a facer todo isto, a familia cando me viu saír na tele cos personxaes dicían: 'Parece mentira, Touri, como es ti. Como es, e que fagas esas cousas!'. Pois si, supoño que tamén vén de que eu me criei na taberna dos meus avós, en Castelo, e os showmans máis grandes sempre están nos bares, nas tabernas. Un bar é un espazo guay para ver grandes artistas, pero unha taberna é o mellor mundo. Teño moita familia con moito sentido do humor, si.

-Vas cortar o pelo ou vai seguir crecendo?

-Vai seguir crecendo, porque eu espero ter traballo cando remate todo isto e unha das cousas xeniais é deixar todo ao monte e que despois as perruqueiras e as maquilladoras, que son as que mandan, fagan o que queiran con el. Sempre lles deixei bastante material para traballar. Eu son de monte e téñoo todo a monte, ha, ha.