Moura: «Miramos cara ao futuro ollando o pasado»

FUGAS

cedidas

O debut deste grupo era un dos máis agardados do panorama rock galego nos últimos anos

17 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O debut de Moura era un dos discos máis agardados do panorama rock galego. A súa mestura de hard-rock, psicodelia, rock progresivo e folk galego abraiou nos escenarios nos últimos anos. Faltaba un disco que rexistrase todas esas vibracións, dando un novo enfoque. «Quixemos aproveitar as posibilidades que ofrece a gravación en estudio para dotar as composicións de máis texturas, experimentar con sons que tiñamos en mente, incluír instrumentos tradicionais e convidar a outros músicos que enriquecesen o proxecto coa súa visión do mesmo», indica Diego Veiga, cantante e guitarrista da formación.

­-Moura continúa a secuencia de grandes grupos galegos progresivos como NHU ou Kozmic Muffin. Son parte desa cadea?

-Son dúas bandas totémicas e precursoras dun xénero bastante minoritario na nosa terra, pero que sempre tivo referencias. Outra cousa é que perduren rexistros sonoros de moitas delas; aí están os singles de Xetxu, os primeiros discos de Emilio Cao, Luís Emilio Batallán ou Bibiano, que en 1976 editou Estamos chegando ao mar, producido por Alain Milhaud, e unha serie de discos pouco coñecidos nos que mestura tradición e aires progresivos, integramente en galego.

­-Ten Moura intención «retro»?

-O son das producións dos anos setenta segue a ser unha referencia hoxe en día a pesares de todos os avances tecnolóxicos no eido da gravación sonora. Nós movémonos nun xénero que tivo os seus anos gloriosos nesa época, pero tampouco creo que o disco teña unha intención retro. Que consideramos retro? Só o que se inspira nos anos sesenta ou setenta? Se botamos contas, os discos dos noventa deberían considerarse retro tamén [ri]. Divagacións á parte, cargamos cun órgano Hammond de 1965 e gran parte da nosa bagaxe vén desa época, pero todos somos melómanos e tentamos estar ao día. Miramos cara ao futuro ollando o pasado.

­-Hai un nexo entre a tradición galega e a psicodelia. Que relación ven entre ambos os mundos e por que os uniron?

-O achegamento entre xéneros máis experimentais e a tradición non é algo novo. Galicia non foi allea a iso. Nós vimos un camiño que nos motivaba a investigar máis no noso raigame e fuxir dos moldes estilísticos, un sopro de aire fresco que nos esixe traballo. Tamén un exercicio de introspección nesa fonte inesgotable de costumes e historias que é a nosa terra.

­- É un máis universal canto máis localista?

-As fronteiras estilísticas veñen esvaecendo dende hai décadas e hoxe en día a etiqueta de world music xa é case anecdótica. Estamos afeitos a disfrutar de proxectos con forte raigame cultural coma Tinariwen ou Les Filles de Illighadad compartindo cartaz con outras eclécticas propostas en calquera festival. A esencia de cinco galegos coma nós é Galicia. Beber das fontes autóctonas é por tanto un exercicio obrigado. Exemplos exitosos coma Baiuca, Rodrigo Cuevas, DMBK, Xosé Lois Romero e Aliboria son mostras desa relación identidade-universalidade da que falamos. Como dicía o gran Zeca Afonso: «A revolución cultural non é poder ir a tocar a máis sitios, é ir aos sitios e atopar a música de alí».