«Hai que tirar de optimismo máis que de retranca»

A CURA DUN SORRISO. Se alguén sabe facer sorrir ese é Carlos Blanco. Por iso a súa iniciativa de actuar en hospitais e residencias recibiu xa centos de solicitudes


Dende que hai uns días o actor Carlos Blanco (Vilagarcía, 1959) se ofreceu a actuar nos hospitais e en residencias galegas para agradecer con humor «todo o que están facendo por nós» e levar un sorriso a xente que o está pasando tan mal, chovéronlle numerosas invitacións. Tantas que está a organizarse para aproveitar a viaxe, cando llo permita a situación, e facer varias actuacións nun día.

 -Como xurdiu a iniciativa?

-Estaba dándolle voltas a como se podía axudar e dixen: «Eu creo que isto pódese facer. Non agora inmediatamente, pero si nos próximos meses. Eu calculo que ata setembro os actores non poderemos facer o noso traballo normal, non poderemos ir aos nosos teatros e enchelos e entón se me presentan tres ou catro meses que ao mellor si podo facer pequenas cousas nalgunhas residencias, nalgúns hospitais. De pequeno formato, para pouca xente, levando un mínimo equipo, un altofalante, unha cousa moi sinxela. E sobre todo nas residencias. Unha pequena actuación de dez ou quince minutos e levarlle un pouco de alegría aquela xente.

­-Xa estás estudando como facelo...

-Si, teño pensado levar unha especie de máscara de plástico que me permita levar o micrófono destas que hai como transparentes, sabes? Creo que é posible. Estiven probando e enténdese bastante ben. Si estou mirando os detalliños. Penso que é unha posibilidade que podemos facer algúns. No meu caso que son monologuista é máis fácil. Pero ao mellor algún músico se pode animar tamén cunha guitarra e alegrarlle un pouco a esta xente que o está pasando mal. Debe ser complicado.

­-Esperabas tan boa acollida?

-Nin o esperaba nin o deixaba de esperar. Pensei que agora teño tres meses dispoñibles para botar unha man e xa está.

-Pero xa tes bastante solicitudes...

-Si, centos. Estounas ordenando para intentar planificar a cousa ben. Se de repente vou a Ferrol, pois facer tres ou catro sitios, se vou a Vilagarcía ou a Pontevedra facer unha pequena xira dun par de días á semana e aí aproveitar o que poida. O que me permita o tempo e a miña economía tamén porque non deixa de ser un gasto de gasolina e de pagar ao meu técnico que non ten culpa da miña xenerosidade.

­-E como levas o confinamento?

-Ben, penso que son un privilexiado. Teño unhas vistas estupendas e estou tranquilo coa miña parella. Escribo diariamente, preparo un espectáculo novo, fago deporte, aproveito para ler, que tiña moitísimo atrasado, actualicei algunhas cousas... organizándome, intentando ordenar tamén un pouco a casa, mantela limpa e esas cousas. A min se me pasan os días moi rápido. Son unha persoa moi activa e boto de menos non poder dar paseos, pero o resto máis ou menos estou ocupado.

«Que alguén me diga cando o humor non foi imprescindible»

­-Se cadra o humor agora é máis imprescindible ca nunca...

-Non sei cando non o foi. Que alguén me diga cando o humor non foi imprescindible. Sobre todo, neste momento no que o persoal está tristón, que non nos falamos, que estamos agardando distancias, que bota para alá, que nos berramos dende as fiestras, que están os balconazis aí insultando as persoas autistas, en fin... creo que é imprescindible, agora quizais máis porque está a xente un pouco máis triste.

­-E o humor galego? Haberá que tirar de retranca agora máis que nunca?

-Supoño que o humor galego é igual de necesario que o polaco. Só que coas variantes que temos nós, que, efectivamente, é esa retranca tan particular nosa. Creo que hai que tirar de optimismo máis que de retranca. Quero dicir, hai que ser optimistas e transmitilo e dicir que doutras se ten saído, mais que nada porque non podemos perder a perspectiva de que moita xente estará durmindo fatal porque non sabe que vai ser do seu contrato, se lle van renovar ou se non. Hai moita necesidade.

-O sector da cultura, xunto coa hostalería, é quizais dos máis afectados...

-Eu non me sinto máis afectado ca un autónomo. Teño unha pequena empresa. De min dependen tres persoas e supoño que é como alguén que teña unha clínica de fisioterapia e teña empregados; agora mesmo non lle vai ninguén e ten que pagar os autónomos... Non é moi diferente. A nosa peculiaridade é que sempre é moi volátil e moi incerto. O sector da cultura é tan amplo. Ten dende as estrelas de cine aos nosos técnicos que neste momento non están tendo ningún ingreso. Eu fágome á idea de que en setembro máis ou menos reanudaremos a actividades. Volveremos aos estadios de fútbol e aos teatros e ás discotecas. Pero, de aquí alá, algo haberá que facer.

­-Pensas que fan falta máis iniciativas deste tipo?

-Igual non estaba mal que, precisamente, os servizos sociais dos concellos e a Consellería de Cultura creasen unha pequena rede de apoio e axuda ás residencias e aos centros. Non me parece tan complicado de organizar e devolverlles un pouco do cariño que eles están facendo e o risco que está asumindo a xente que está aí, na primeira liña que son os que máis se contaxian, os médicos, os auxiliares, e a xente das residencias...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«Hai que tirar de optimismo máis que de retranca»