Xulia Santiso: «Pardo Bazán non tivo tantos amantes, prefería os libros»

O 2021 será o ano da gran novelista española. «Ela non foi a Tristana de Galdós», subliña a conservadora da casa-museo da escritora


No centenario da morte de Pérez Galdós, dona Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) agarda o que lle tocará no 2021 mentres segue dando que ler e falar, afiando a lingua na palabra, sumando reedicións, descubertas, disposta á celebración do ano en que se cumprirán os cen do seu falecemento a causa dunha gripe, meses despois do remate da española, que se complicou coa diabetes que a autora padecía. A condesa que reivindicou a liberdade intelectual e erótica da muller está hoxe en redes sociais, coa iniciativa #nacasaconPardoBazán, aperitivo popular do centenario da autora de La Tribuna, que invita a buscar o que temos dela preto de nós, na casa.

-A un ano do seu centenario, no 2021, moitos estamos aínda descubrindo o epistolario, os seus contos e non limos a polémica «Insolación». É Pardo Bazán unha descoñecida para moitos?

-Si, é o que vén dicir esa frase de María Xosé Queizán: «Como?, non liches a Emilia Pardo Bazán?». Hai moito dela por ler e reler. Isabel Burdiel sinala do seu eclecticismo: ela non se adhire a ningún grupo de opinión, senón que busca as súas respostas, así pode ser galeguista e hispanista. Foi carlista, e krausista, e feminista, e clasista. Penso que moitos aínda non saben ben como era Emilia Pardo Bazán. Impoñente, dixo Ángeles Caso.

­-Hai algúns textos inéditos pendentes, agardando aínda nun caixón?

-Ela mesma ocupouse de levar ao prelo todo o que lle interesaba editar. Ese era o seu oficio e dedicábase a el sen descanso. Sen vacacións. Co ben que se tiña que estar nas Torres de Meirás! Aproveitaba os veráns para traballar máis aínda, sen os compromisos sociais de Madrid. Non creo que haxa moito inédito, pero si a necesidade de reeditar textos interesantes. Ocórreseme un que aparece en Nuevo Teatro Crítico, titúlase Cartas a un literato novel, onde dá consellos, non sobre como se escribe, senón sobre como se debe posicionar un no mercado e a sociedade literaria. É de plena actualidade.

­-Por que foi tan escandalosa a publicación dos ensaios «La cuestión palpitante»? É certo que lle custou o matrimonio?

-Picasso dicía que non hai que cuestionar os feitos propios, só hai que poñerlles data. La cuestión palpitante é de 1882. Unha señora casada, dunha provincia, permitíase escribir crítica literaria. Ese non era un xénero literario axeitado para unha muller, non. Sabes o discurso reivindicando «unha habitación propia», de Virginia Woolf? É de 1929. Pouco máis hai que engadir. Dona Emilia estaba dando moito que falar. A súa separación foi moi amigable. Non é a bulideira Tristana de Galdós. É dona Emilia Pardo Bazán.

­-Como era Emilia, en que se parece a muller á intelectual e prolífica escritora que petou tres veces, sen éxito, á porta da Real Academia Española?

-É a mesma! Emilia é unha intelectual liberada, un personaxe completo. Porque é como é, non entende que se lle negue o acceso a nada que merece. A primeira muller que entrou na RAE fíxoo en 1978, no ano da Constitución. Iso habería que reparalo dalgún xeito.

-Notable o desafecto insultante co que pretendían reducila os intelectuais que lle dicían «su culo no cabe en una de nuestras sillas». O seu cu e a súa lingua impoñían moito para atreverse a deixalos pousar?

-Iso díxollo Valera. Sabes que dimensións tiña Valera na súa circunferencia? Clarín dixo moitas burradas sobre ela, pero nesa época o medo era a que as mulleres traballadoras perderan a feminidade e o escritor entristecíase porque vía que era como unha rosa... sen aroma. Sei que iso está superado, non?

-Ela soa fixo unha revista, «Nuevo Teatro Crítico».

-Aquí está a proba da orixe do seu pensamento. O Pai Feijoo, un dos maiores filósofos españois do XVIII, escribe en 1750 o marabilloso Teatro crítico universal. Emilia participa na convocatoria do seu bicentenario en Ourense cun texto sobre el. Tiña 25 anos e competía coa grande Concepción Arenal. Foi imposible para o tribunal adxudicar un único premio. Cando en 1890 se dá o luxo de apostar por si mesma e traballar arreo para editar, escribir e distribuír unha revista cos seus propios textos titulouna así, Nuevo Teatro Crítico. Si, fixo ella soa esa revista.

­-Cal foi o amor da súa vida, amais dos libros? Era desapegada ou maternal como o amosa o seu poema ao seu fillo Jaime?

-Claro que era maternal, os fillos sempre están con ela nos seus actos públicos. Incluso de maiores, casados dous deles, veranean xuntos. Nas cartas a Blanca de los Ríos está esa nai que parece ser tan importante para perdoarlle o seu incesante traballo. Sabemos como era Clarín, Pereda, Valle, ou calquera outro intelectual cos seus fillos? Por outro lado, penso que o máis amado dela foi o seu pai, que sempre a apoiou.

­-A súa obra mestra, a novela cumio do naturalismo en España, é «Los Pazos de Ulloa». Por que triunfou sobre outras como «La madre naturaleza», «La Tribuna» ou a polémica «Insolación»?

-Cada unha ten o seu. La Tribuna (1883, obra que ofrece La Voz na súa colección As Precursoras) resulta ser unha adaptación propia ao estilo naturalista francés adaptada a esta cidade, A Coruña, bautizada por ela como Marineda. O naturalismo pretende analizar a influencia do medio en personaxes que carecen de ferramentas para defenderse del (Darwin puro). Por iso tivo que ir á Fábrica de Tabacos. Ao ser un método científico, tivo que investigar as maneiras das cigarreiras. Isto resulta agora normal, incluso lóxico, pero ela foi a primeira que o fixo... Unha condesa da cidade vella nos campos do Garás! Los Pazos é a excelencia da grande literatura adaptada ao noso país. Fixo dela a primeira gran novelista da literatura galega. Non en galego, esa non era a súa guerra. Tamén fai nela moi boa etnografía e resume a complicada política caciquil da época, e expón todo un abano de tipoloxía de mulleres. En La madre naturaleza (1887) si que funciona o medio como auténtico catalizador da trama.

-Entendería Pardo Bazán o movemento feminista ou afiaría a ollada crítica?

-Emilia estaría batendo palmas porque sufriu en propias carnes todo o peso do patriarcado. Por outro lado, en todas as revolucións hai faccións, que amosan que está viva. Crítica? Seguro. Pero sorrinte.

­-«Yo me acuesto contigo y me acostaré siempre [...] porque tienes la gracia del mundo y me gustas más que ningún libro». A relación con Galdós, co que se xurou «sexo eterno», é arrebatadora, como amosa a súa correspondencia entre 1883 e 1915. Era o seu máis apreciado amante? Porque tivo outros confesos e secretos…

-Que bonito: «Me gustas más que ningún libro». Dúas das primeiras plumas deste país! Claro que tivo amantes. Emilia estaba separada, pero tampouco tivo tantos amantes como se fala porque agás casos excepcionais, ela prefería os libros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Xulia Santiso: «Pardo Bazán non tivo tantos amantes, prefería os libros»