Os ríos da vida: do Támese ao Mandeo

Ramón Nicolás

FUGAS

Brais Lorenzo

Ramón Nicolás escribe sobre a novela «Virtudes (e misterios)», de  Xesús Fraga, premio Blanco Amor

03 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra, para entender a dimensión deste último libro de Xesús Fraga, galardoado na última convocatoria do Premio Blanco Amor de novela, podería ser útil trazarmos unha liña imaxinaria que se estende do Mandeo ata o Támese, ou talvez ata esoutro río londiniense menos coñecido que é Counter's Creek: ríos, símbolos da vida, que nos redescobren as terras orixinarias e familiares do autor e a cidade de Londres, cualificada con acerto como «obra en perpetua función» .

Virtudes (e misterios), abeirada ao xénero de novela sen ficción, condúcenos por un período duns sesenta anos en que atravesamos certezas e dúbidas, valoramos afectos e esforzos, sentimos as esperanzas e percibimos as dificultades e ausencias, deseñando, en suma, unha singradura alimentada por un tránsito continuo que se proxecta na reconstrución das vicisitudes do mundo da emigración reflectido na poderosa figura de Virtudes, ese «lume inextinguible» que foi a avoa do autor. Ademais, canda ela, agroma o papel heroico das mulleres na busca de novos horizontes, focalizando a ollada no perfil das persoas que un día retornan, sen esquecer outros misterios de xinea familiar que, coma se fose unha novela, tamén se desvelan.

Dono dun innegable exercicio de estilo, exhíbese un músculo poderoso para contar ben e claro, moi patente na reconstrución desa memoria para o que Fraga se serve de documentos, obxectos, diarios cartas e fotografías: moitas delas incorporadas á edición, operativas para dialogar e interrogarse e erixir unha cartografía íntima que é, ao tempo, unha psicoxeografía propia e intransferible, que transmite asemade a experiencia vital e familiar nucleada na realidade da emigración. É este un valioso testemuño de vidas e de vida deseñada baixo a vontade de apreixar o pasado: unha procura de respostas que, se atopen ou non, esperta en quen o le indubidables asociacións e paralelismos que animo a descubrir.