Pauliña, a necesaria voz dunha xeración


Non é moito aventurar dicir que Pauliña vai ser -se non o é xa- unha das voces destacadas da súa xeración. E o da voz non vai só pola súa calidade como vocalista, que tamén, senón porque está a representar e espallar como case ninguén as inquedanzas, os medos, as loitas, as frustracións e os anhelos das mulleres do seu tempo. Sen esquecer ás que lle precederon, como nesa fermosísima homenaxe que titula Nais e avoas.

View this post on Instagram

Esta finde pasada foi moi intensa pero ao mesmo tempo encheume de vida. Primeiramente agradecer ao @casino1889 por facer del o meu fogar cun público que non parou de bailar en ningún intre, e de segundo agradecer tamén a @salarebullon por facer do 7 de marzo unha festa irrepetible. @thetetasvan.v e @yimiyourek foron xs encargadxs de acompañarme no escenario neste bolazo cheo de rock and roll e hip hop feminino ✊🏻💜, moitísimas grazas. Non quero despedirme sen unha aperta enorme a @caodemos polo trato que nos deu e por berrear en primeira fila os nosos temas, grazas meu, vémonos pronto. Finalmente e dende a sororidade, un agarimo xigantesco a todas as mulleres que participáchedes onte nas manifestacións do 8 de marzo, queda un longo treito pero imos subindo coma o voo das aves💜✊🏻 #Pauliña #casino1889 #salarebullon #xira #8M #2020 #música #aovivo #Mos #Carballo #grazas #familia Fotiño de @libelfula 💜

A post shared by Pauliña ♀️ (@punkita_) on

Pauliña é de Cambados e ten 25 anos. Un intenso cuarto de século, no que non faltaron feridas nin sobraron sorrisos, no que houbo chimpos e tropezos, testemuñados para sempre na súa pel. Tiña 16 anos cando subiu por primeira vez a un escenario convidada por Jasper para cantar con Nao. E xa non quixo baixar nunca.

Nestes días vén de publicar o seu segundo disco longo, A Malfalada. Un disco que no musical a achega decididamente ao rockabilly, con chiscadelas ao western e ao tex-mex. E mesmo, pasional como é, atrévese cunha rancheira.

No conceptual, A Malfalada afonda no compromiso feminista que Pauliña xa evidenciara en De-Xeneración, o seu debut, pero dende unha perspectiva máis positivista e madura. Un feminismo que nace da fortaleza individual e do espírito colectivo, da propia aceptación e do empoderamento. Un empoderamento que, con maior ou menor sutileza, mantense como unha constante nos dez temas do disco, nos que hai amor, esperanza e tenrura pero tamén indignación, rebeldía e insubmisión.

E se hai unha canción dedicada ás precursoras tamén a hai para as sucesoras. Nela, mexendo harmonías con aire de nana, Pauliña permítese darlle dous consellos a unha meniña recén chegada ao mundo: «Que sexas quen ti decidas ser e que medres orgullosa de ser muller». Toda unha declaración de principios.

Non esquiva nin disimula Pauliña as súas influencias do rock americano co que creceu, nin as referencias con artistas como Sés, coa que inevitablemente a van comparar. Pero ten personalidade, carácter, música e discurso propio como para saír máis que airosa. Ben falado, Pauliña, ben falado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pauliña, a necesaria voz dunha xeración