Setenta anos alumeando a literatura galega

FUGAS

Oscar Vázquez

Celebramos as sete décadas de Galaxia coa novela «Tantos anos de silencio», de Francisco Castro, e con outros catro libros da editorial que non deben faltar no enxoval literario do 2020

28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Breve e ambiciosa, letras que saldan contas coa memoria rompendo Tantos anos de silencio, a nova novela de Francisco Castro (Vigo, 1966) rebélase fronte ao signo dos tempos no corpo dun thriller histórico de denuncia que desfecha a dor gardada. Este relato a varias voces, poderosas como as dos espectros, enfía o tempo dende o ano 36, co estalido da guerra civil, «a mal chamada guerra civil», subliña Castro, ata a actualidade do 2006. A novela, que vén de ver a luz simultaneamente nas castro linguas oficiais do Estado, invita a celebrar os 70 anos de labor da editorial Galaxia, sete décadas de edición en galego, de entrega á literatura máis nosa.

De linguaxe directa, intuitiva, actual mais ecoada das feridas dun pasado de división, vinganza e rancor, Tantos anos de silencio comeza coa aparición do cadáver dunha muller nunha fosa á parte doutra común que agocha cinco corpos, todos cun tiro na cabeza. É unha muller que abraza un misterioso libro de poemas dun tal Ramón Gándara, que dá pé á trama máis poética da peza, ardente denuncia social e política do paredón do esquecemento. O achado do corpo feminino é froito dos labores de exhumación que leva a cabo o equipo liderado por Ánxela, unha profesora de Historia que dá clases nun instituto de Vigo e que arrastra a súa condena persoal, a inflixida polo seu ex, Ramiro, que a persegue polo móbil infrinxindo a orde de afastamento.

A GUERRA CIVIL E O INFERNO INTERIOR

Nestes infernos de xenreira aos que nos achega Francisco Castro brilla inspirador o personaxe do doutor Emilio Varela, un filántropo que invita a evocar o protagonista de El olvido que seremos, de Abad Faciolince, home que cura os males que deveñen da ignorancia coa bandeira do sentido, acubillando ao mundo no seu pazo, Vila Flavia. Emilio é unha sorte de facho neste relato que describe, dous encerros en dous tempos, no 36 e no 2006, o dunha parella que se agocha da persecución falanxista, e atopará unha insólita complicidade, e o de Ánxela, a profesora e investigadora que traballa para a Asociación da Memoria Histórica de Flavia, unha muller maltratada que rompe os clixés da violencia machista. O poder do tirano, o totalitarismo, sinálase con trazo contundente no exercicio do militar patriota ao servizo dun réxime e tamén nos dominios do íntimo. O retrato, máis literario que robot, do maltratador é atinado. Tamén o da vítima, calquera muller de calquera status, présa as mais das veces ao comezo do maltrato do medo, a vergonza e o sentimento de culpa. Un libro, e a obstinación dunha muller en dar co seu autor, será a chave da gaiola do suspense de Tantos anos de silencio. Na novela apreciarán a paisaxe da ría de Vigo, a illa de San Simón, «fermosa como unha balea durmida no medio da ría; en realidade, dúas illas conectadas por unha ponte, dúas baleas cansas no medio do mar», e a ermida da Nosa Señora da Guía como lugar idóneo para facer unha lectura de A illa do tesouro. A literatura é senlleira en Tantos anos de silencio, que celebra as achegas de Lorca ou Rosalía, e volve sobre a figura do editor Ánxel Casal.

«O amor é un acto revolucionario», díxolle Francisco Castro ao xornalista e escritor Xesús Fraga. Esta novela é o desenvolvemento desa máxima. Tantos anos de silencio retorce o sentimento para escorregarlle o que a forza das pulsións e os intereses persoais, sociais e políticos lle foron botando enriba ao amor ata confundilo e aparvalo. Tras o adeus imposible de Xulio Amigo, miramos cara ás estrelas para celebrar estes 70 anos de Galaxia, selo comprometido co valor da palabra coma memoria, coma testemuño da vida.

O libro da filla, de Inma López Silva; Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga, premio Blanco Amor 2019, e Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, de Henrique Rabuñal, son outras suxestións para seguir a pista de luces da literatura galega.