«Medio pan e un libro»: Lorca volve en galego con Kalandraka

FUGAS

FAMP

A editorial pontevedresa publica unha reedición do emblemático discurso do poeta en defensa da lectura

19 feb 2020 . Actualizado a las 11:45 h.

No 1916, Federico García Lorca (Granada, 1898-1936) fixo a súa primeira viaxe de estudos a Galicia, terra á que volvería uns anos máis tarde. Ambas estancias cristalizaron no poemario Seis poemas galegos, publicado en decembro do 1935 pola Editorial Nós, fundada polo alcalde compostelán, tamén fusilado, Ánxel Casal. No 2018 tres reedicións simultáneas, as do Consorcio de Santiago, Alvarellos e Chan da Pólvora, recuperaron as seis pezas con gran éxito de vendas. Configuran o único libro nun idioma diferente ao castelán de Lorca.

Agora, da man da Editorial Kalandraka, outra xoia asinada polo escritor andaluz adscrito á xeración do 27 verá a luz en breve. Medio pan e un libro rescata o discurso que en setembro de 1931 leu en voz alta o autor de Bodas de sangre, Romancero Gitano ou Poeta en Nueva York.

Antes de nada yo debo deciros que no hablo sino que leo

Foi con motivo dunha inauguración moi agardada por el, a da biblioteca pública da súa vila natal, Fuente Vaqueros. O texto é un manifesto a favor dos libros e da lectura que agasalla literatura. A mensaxe, case 90 anos despois, continúa vixente agora, e é igual de necesaria.

A editorial pontevedresa Kalandraka, especializada en coidadas edicións de literatura infantil e xuvenil, reedita o tratado de Lorca nun libro onde o texto pode ser lido nas catro linguas oficiais do Estado: castelán, galego, catalán e vasco. Unha oportunidade para volver a Medio pan e un libro e continuar traballando, e aprendendo, sobre o poder transformador dos libros no que tanto cría o dramaturgo que compuxo textos como La casa de Bernarda Alba.

Federico García Lorca en Betanzos, nunha das súas visitas a Galicia
Federico García Lorca en Betanzos, nunha das súas visitas a Galicia

«O acceso ao libro e á lectura como fonte de coñecemento centra as palabras eternas de Lorca», destaca Kalandraka sobre este lanzamento que é unha das súas novidades do 2020. O editor Henrique Alvarellos encárgase da tradución ao galego das palabras que os granadinos escoitaron da voz do seu veciño nun verán de hai 89 anos.

«Siempre todas mis conferencias son leídas, lo cual indica mucho más trabajo que hablar, pero al fin y al cabo, la expresión es mucho más duradera porque queda escrita y mucho más firme puesto que puede servir de enseñanza a las gentes que no oyen o no están presentes aquí», adianta Kalandraka en castelán nunha das catro versións incluídas, a orixinal de Lorca. «Antes de nada yo debo deciros que no hablo sino que leo», arrincou o seu manifesto. Agora nós podemos volver lelo a el.

A editorial pontevedresa Kalandraka reedita o discurso de Lorca en defensa da literatura
A editorial pontevedresa Kalandraka reedita o discurso de Lorca en defensa da literatura Kalandraka

Outro extracto: «¡Libros!, ¡libros! He aquí una palabra mágica que equivale a decir: 'amor, amor', y que debían los pueblos pedir como piden pan o como anhelan la lluvia para sus sementeras…».