Berta Dávila: «Podes ver Haneke e 'Friends' ao mesmo tempo, eu son unha lectora voraz de Harry Potter»

Escritora multipremiada dentro e fóra de Galicia, Berta Dávila volve seducir coa súa nova e agardada ficción, «Carrusel»

berta

As conversas «horizontais» en pequenas charlas cos lectores son para ela o momento preferido do trámite das promocións. Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) presenta a súa última novela, unha historia que nos fala dun intento por atopar sentido a un pasado difícil e albiscar un futuro, que nunca está escrito. Carrusel (Galaxia) vén de ser premiada co García Barros 2019. Con el, Dávila consolídase como unha das voces novas máis interesantes da literatura galega.

­-«Carrusel» leva poucos meses nas librerías e xa se fixo co Fervenzas Literarias á mellor novela do 2019.

-É un premio que dan os lectores. Fíxome tremendamente feliz ver que hai xente que o colleu con tanto amor. É un libro moi importante para min.

­-Por que?

-Pasei anos sen publicar narrativa, con momentos nos que non me apetecía. Está escrito desde un certo risco e desde a honestidade. Estou emocionalmente máis implicada.

­-Como a protagonista, pasou por una crise creativa?

-Enfronteime a como quería escribir. Creo que son procesos inevitables. Coma resultado, saíu este libro, así que benvidas sexan as crises creativas cando se resolven así.

-Métese de cheo nunha doenza invisible no debate público: a mental.

-Forma parte deses temas que consideramos tabú. O libro adopta a perspectiva da enferma, a primeira persoa. Polo xeral, na literatura, a doenza mental é vista polo outro, desde unha distancia. Non é o eu, o lector no se identifica. Ademais, a narrativa non é fragmentada, senón circular, como o carrusel. Interésame escribir desde lugares incómodos.

­-Premen os ritmos editoriais actuais?

-Rematei Carrusel no verán do 2018, sen ansiedade por publicar. Non teño especial interese por manter un ritmo pretendidamente marcado por factores externos.

­-Dá a literatura para vivir?

-Non podo vivir exclusivamente dos libros que vendo, estou lonxe diso. É unha pregunta incómoda, non esta en particular! O que pasa é que os escritores somos desas persoas ás que nos preguntan das nosas finanzas para que falemos delas en público. Córrese o risco de que a xente interprete que un non merece cobrar polo seu traballo, que podemos escribir gratis. Sobre todo, cando estás a medio camiño.

­-Outro clásico é: 'O próximo para cando'?

-Cando unha tarda seis anos en escribir, é complicado precisar... [sorrí]. É como anunciar algo que non chega. O inmediato, esta primavera, é a publicación do cómic da anterior novela, O derradeiro libro de Emma Olsen. Tamén traballo na posible tradución a outras linguas de Carrusel e trato de enfiar proxectos novos.

­-Falando de Emma Olsen, vai pola sexta edición. En castelán tamén tivo boa acollida.

-Non son os números doutras literaturas, pero faime moi feliz, como que a xente siga facendo clubs de lectura arredor do libro.

-Como lle gusta participar nestes clubs, cal é o perfil predominante?

-A maioría dos lectores son mulleres. É algo do que hai datos. Sorprende moito. Mentres a base da pirámide son elas, o cumio, o que toma decisións editoriais e de políticas culturais, está formando maioritariamente por homes. Necesitamos máis editoras.

-Por que falamos de literatura en galego, e non de literatura universal?

-Escribimos en galego desde a universalidade. A literatura galega ten un sistema propio, outra cousa é que unha acuda á librería e o libro galego estea posicionado como subalterno, que non comparta a mesa destacada de novidades. Queremos estar na porta da librería, chegar a todos os lectores do noso ámbito lingüístico. Hai librerías que xa nos colocan no escaparate e dan visibilidade. Trátase de entender a cultura dun país como a cultura dun país, e non como unha subalterna.

-En Galicia hai un certo bum de novela negra. Apuntarase ao «thriller»?

-Entendo a literatura como un oficio, gústame afrontar retos e facer cousas diferentes. Teño 32 anos. O que pasa é que escribir unha novela negra profundamente entretida, que esperte conciencias e faga que moitos lectores sexan felices é moi complicado a nivel literario. Un pode ver a Haneke e pode ver Friends. E non digo con isto que Friends sexa un produto inferior, senón que os dous son diferentes e marabillosos. Cos libros, o mesmo. Non teño unha perspectiva elitista respecto á literatura nin creo que haxa determinado tipo de obras máis literarias ca outras. Son unha lectora voraz de Harry Potter!

-Un libro ten que facer feliz ao lector?

-Interésanme os libros que te atrapan pola trama e polo seu sentido.

«Carrusel»

Berta Dávila

EDITORIAL Galaxia páx. 128 prezo 14,70

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Berta Dávila: «Podes ver Haneke e 'Friends' ao mesmo tempo, eu son unha lectora voraz de Harry Potter»