Trinta músicas que deberías coñecer

FUGAS

LAURA ROMERO

De María Doval a Guadi Galego. De Ana Kiro a Pili Dios. Sabes quen é Xosefa de Bastavales? E Eclíptica Órbita? Aquí un avance da crónica das nosas artistas máis senlleiras, que recupera o libro «Ferreñas e rock and roll»

10 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunhas sóanche ben. Outras pode que non, que nin sequera saibas que tocan, que pintan nesta revolución que se fai con alalás, pandeireta, gaita, guitarra eléctrica, poesía e rock and roll, a revolución que fixeron (e fan) cantando máis de trinta artistas galegas polas que cómpre dar o dó de peito. Ana Kiro, que naceu para cantar; Susana Seivane, coa súa alma de buxo; o heavy de Alén e a brava de Pili Dios están nesta selección de Laura Romero e Iria Pedreira. De Guadi Galego a Lola de Ribeira ou ás Batuko Tabanka, as músicas galegas máis senlleiras rebentan os corsés dos xéneros. Moitas delas, trinta máis unha, están en Ferreñas & rock and roll, crónica ilustrada con arte e anécdotas da artista Laura Romero. Ela deu con este libro un paso máis no proxecto Músicas Galegas Ilustradas (https://musicasgalegasilustradas.com), que comezou no 2017 para reivindicar o papel da muller na música galega con retratos de artistas actuais.

Laura Romero e Iria Pedreira, autoras de «Ferreñas & rock and roll»,  distinguida cun dos premios do II Concurso de ideas Luísa Villalta de proxectos pola igualdade
Laura Romero e Iria Pedreira, autoras de «Ferreñas & rock and roll», distinguida cun dos premios do II Concurso de ideas Luísa Villalta de proxectos pola igualdade Eva Mirás

LAURA ROMERO

«Por que non me soaba de nada, despois de todo o que fixo e sendo de preto de onde eu vivo?», preguntouse Laura Romero cando deu co nome de Xosefa de Bastavales. «Lendo cousiñas sobre bravú, batín coa historia dela, unha señora case descoñecida con moi boas anécdotas, como esa que conta Xurxo Souto de cando foi a Madrid e quedou afónica, e dicíanlle: “Xosefa, garde a voz, que temos que chegar a Francia!”. A partir de aí, empecei a preguntarme que outras músicas, como Xosefa, podía haber no pasado máis actual, máis próximo, que fixesen cousas que non se coñecen tanto» como o labor de Guadi Galego ou Ugia Pedreira. Grandes coñecidas con traxectoria conviven nesta crónica editada por Baía con sorpresas non máis pequenas, como Eclíptica Órbita ou Maruxa das Cortellas, «a última gran tocadora de pandeiro cadrado». Custou a selección? «É que non a fixen! Foi ao revés. Tiñamos 12 ou 15 músicas e chegamos a 31», di Laura Romero. Pero botamos nomes en falta. «Hai unha mirada cara ao pasado, tamén como criterio para incluír artistas actuais». A idea foi centrarse no século XX, en xente pioneira que fixo cousas antes do 2000. «Hai quen me di: “Falta Sés”. Claro, pero é que é demasiado actual. Como as Agoraphobia. Non é que non as considere importantes, é que as considero máis do momento actual. O libro naceu para preguntarme que había antes, de onde vivimos, de quen bebemos», explica a artista, baixista de Zenzar.

LAURA ROMERO

«Hai xente como Cristina Pato, pero é que foi a primeira gaiteira en facer un disco en solitario. Quedou, iso si, fóra algunha pioneira porque non puiden contactar con ela... Como Tara, que era a Janis Joplin galega. Coruñesa, se non me lembro mal. Tamén quedaron fóra outras como Elisa Arias, directora da orquestra de saxos de Redondela, as integrantes de Fuxan os ventos ou Menchu», revela.

A das Batuko Tabanka é unha das historias favoritas da ilustradora. «Seguen en activo e agora son máis. Mulleres africanas asentadas en Burela que nunha cea, de casualidade, dixeron: “Ai, podiamos batucar, como o facían as nosas avoas”. A súa música ten moito que ver coa nosa tradicional», afirma Romero.

Iria Pedreira pon as letras nesta crónica ilustrada na que tamén atopamos a Linda Lamarr, Ángeles Lago, Pilocha ou The Sink's e Las Musas («as ye-yés de Vigo»).

Se tivese que mollarse e quedar cunha desta trintena de músicas senlleiras, Laura Romero escollería a Xosefa de Bastavales, que deu pé ao seu proxecto, «e tamén ás Pérez-Lage. Marta Pérez-Lage foi a baixista máis antiga que atopei, non atopei outra que empezara a tocar o baixo antes ca ela. Igual a hai...». A máis antiga coñecida. «Vaia, coñecida? Moi coñecida non é!», ri Laura.

Vai haber segunda parte? Ou unha entrega coas senlleiras máis actuais? «Por que non? Porque se metemos a Sés tamén tería que estar Silvia Penide, e as Agoraphobia, e as Bala». Senlleiras son.