A nosa moderna enciclopedia musical

O libro aborda cronolóxica e xeograficamente, e dun xeito tan ambicioso como ameno, sete décadas de creación musical en Galicia


O coñecemento enciclopédico foi, ao longo da historia, substrato e sustento da cultura. Se cadra poderíase pensar que nestes tempos de consumo inmediato e de acceso virtual —ao tempo que global— á información ese tipo de coñecemento perdeu boa parte do seu sentido. Pero nada máis lonxe da realidade. E Unha historia da música en Galicia (1952-2018) é unha proba irrefutable. Confírmanolo o seu autor, o ferrolán Fernando Fernández Rego. «A miña idea era facer algo que perdurase no tempo. E o dixital é efémero, inmediato, de usar e tirar». E dío el, que dende hai unha década é administrador da web Lafonoteca.com, referencia fundamental da música galega. «Deime conta que se non recollía toda a información que tiña nun libro habería moitas cousas que semellaba que nin sequera existiron. Ao final, o libro é o que vai acabar quedando», sentencia.

E toda esa información non só é a que esta publicada en Lafonoteca. Para esta magna obra de 840 páxinas, na que Fernández Rego empregou dez anos —catro deles redactando e corrixindo—, realizou máis de 250 entrevistas. Precisamente esa mestura entre o relato narrado cronoloxicamente, subdividido por momentos en áreas xeográficas, e as achegas en primeira persoa dos protagonistas é o que lle dá un carácter de especial relevancia a este libro, amén de facer moito máis amena e áxil a súa lectura. «Non quixen posicionarme á hora de escribir o relato. Só quería facer divulgación. Preferín deixar que os interesados contasen a historia dende distintas perspectivas e despois que o lector decida». E a estratexia funciona de marabilla.

Aínda así, a subxectividade está asumida e presente, mesmo no título. Ese «Unha historia...» que o encabeza non é casual. «Titulalo Historia da música en Galicia parecíame grandilocuente. Esta é unha historia, pero hai máis. Hai moito que contar. O que faltan son cronistas», di o autor.

Enfrontarse á tarefa de relatar sete décadas de creación musical en Galicia require, ademais de información, de vontade e disciplina. Mesmo só a creación da estrutura do libro xa é un labor complexo abondo. E aí Fernández Rego acerta de novo de pleno. O libro está dividido en 47 capítulos, ahí es nada, que abordan moi diversos momentos, grupos, artistas e movementos.

Arrinca na década dos 50 co tránsito das orquestras ao pop. Con tres nomes que o autor considera seminais no pop galego: Los Zafiros, Los Españoles e Los Tamara. Os grupos ye-yés dos anos 60, organizados xeograficamente, ocupan os seguintes capítulos, ata chegar a outros tres nomes fundamentais: Andrés do Barro, Juan Pardo e Ana Kiro.

Con Voces Ceibes e o movemento popular da canción galega entramos nos 70. E aí hai lugar para os achegamentos ao sinfónico e ao progresivo, mesmo dende o folk ou o jazz. O primeiro capítulo dos 80 está dedicado a Los Suaves, e os seguintes á movida, non só en Vigo. Tamén nesa década fálase do Ourense underground, da escena alternativa de Santiago e das primeiras bandas de rock e punk en galego.

Os 90 inícianse co bravú e seguen cos grupos de rock and roll, os primeiros indies ou os achegamentos á electrónica. Polo medio, dous apartados dedicados ao tránsito de Los Piratas a Iván Ferreiro e de Elephant Band a Xoel López.

A factoría de El Beasto, Rafa Anido e o Galician Bizarre protagonizan os seguintes capítulos, aos que lle seguen os dedicados a Malandrómeda e Triángulo de Amor Bizarro, os dous que repasan os colectivos autoxestionados e underground, o dos selos discográficos independentes, a mestura de folk e experimentación, o do surf, reggae, soul e rockabilly e o das girl bands, para rematar co pop e rock en galego máis recente, ata o 2018.

A pesar do vasto traballo de recompilación hai ausencias que non pasan desapercibidas. Fernández Rego asúmeas. «Evidentemente, hai moitos máis grupos e tiña información deles, pero houbo que limitar o libro por un tema de espazo. Houbo que centrarse, e escollín o pop e o rock cos seus derivados». Quedaron voluntariamente fóra o hip-hop, o trap e o folk. Sobre esta notoria ausencia o autor ten explicación. «Só me metín no folk que tiña conexións directas con outros xéneros: co rock dos 70, co pop, coa electrónica... Se abordase o folk ao completo o libro tería que ter 300 páxinas máis, e iso era imposible. Ademais, por sorte, xa hai libros que narran a historia do folk galego».

Esta historia da música en Galicia remata no 2018. Pero ben sabido é que a propia condición dos traballos enciclopédicos fainos sempre inacabados, infinitos. Haberá un bis desta historia?, pregúntolle ao seu autor. «Non o sei. A verdade é que é moitísimo traballo. É esgotador. Cando rematas un libro así dis que non o volves facer. Pero quen sabe? Ao mellor dentro duns anos dáme por actualizalo».

Actualizada ou non, esta obra quedará xa por sempre como testemuño do acontecer musical dun tempo, dun lugar e dos seus protagonistas. Malia que non a atopen no móbil, tremenda herdanza para futuras xeracións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A nosa moderna enciclopedia musical