Ortiga: «Mólolle aos indies porque tamén teñen aldea»

Aínda non tiña disco e xa actuara no Son do Camiño e no BBK Live. É o último fenómeno da nosa música. E o de «nosa» non só é un dicir


Definiuse o seu estilo como cumbiatune, pero en realidade no seu disco cumbia só hai unha. Hai mambo, hai bolero, hai merengue, hai electrónica e, por suposto, hai autotune. Iso si. A proposta musical de Ortiga cativou a mundos que semellaban antagónicos apelando a emocións desas que todos levamos arraigadas ben dentro, por moito que ás veces nos empeñemos en enmascaralas revestidas de brilli brilli.

­-Onde tocaron as cancións de Ortiga para que a xente conectase así con elas?

-Pode ser porque, aínda que envoltas en ton festeiro, conto cousas que me pasan e como me pasan. Hai honestidade, hai algo basado en hechos reales.

-Ademais conectan con esa lembranza de festa de aldea que hai en todos nós.

-Si, a min o que me gusta é esa comuñón da xente. Que estamos enfadados pero imos aí, bailamos un pouco e xa está, que ao final nada é tan grave, seguro, ho!

­-Por citar conexións incluso se podería falar dos dúos das verbenas, ou mesmo do tipo co maquinillo e a cabra. Moléstalle?

-Como me vai molestar! Ti vas a unha actuación de De la Cruz Show, que é un dúo de Muros, e se tes sentimentos vas saír cun sorriso na cara, porque todo o mundo conecta un montón con eles e todo o mundo pásao xenial. Iso é que importa.

-Ortiga rachou por completo a fronteira entre o popular e o moderno. O mesmo lle bailan os «indies» dun festival que a xente das verbenas.

-É que os indies tamén teñen aldea. Entón supoño que algo tamén lles toca. A min o que me parece de pailán é ir de moderno cando a túa familia é toda dunha aldea. Pero vaia, eu tampouco lle dou moitas voltas a esas cousas. Eu teño un problema, fago unha canción e xa está. E se lle gusta á xente das aldeas porque ten ritmos latinos, guai, e se lle gusta aos que son máis indie cool porque ten autotune, pois tamén guai.

­-Se o berce do pop foi Liverpool, o do «punk» Londres e o do «trip hop» Bristol... O do «cumbiatune» é Santa Comba?

-Home, Santa Comba é unha referencia clásica da festa en Galicia, pero eu creo que nunca estiven alí. Eu son de Carballedo, no sur de Lugo. O meu imaxinario é ese.

­-O proxecto de Ortiga contémplao sempre en solitario?

-Ao mellor si que nalgún momento pode vir alguén a tocar comigo. Gústame a xente que ten varios formatos, pero como de momento non sinto esa necesidade tampouco o pensei. Supoño que de aquí a non sei cantos anos igual Ortiga un día somos cinco, e ao seguinte tres, e ao seguinte un, e despois cinco outra vez.

­-Que importancia ten o sentido do humor no que fai?

-Moitísima. Eu isto fágoo para pasalo ben, e ben pasámolo rindo. Joder, a todo o mundo lle gusta que lle fagan rir, non?

-Aínda se presenta como Chicho O do Funk pero, onde vai o «funk».

-Iso foi dunha canción que fixera con outro grupo e quedou. Porque funk, como tal, non fixen nunca. Pero vaia, o nome mola e xa está.

-Que lle parece o debate arredor da apropiación cultural?

-Paréceme ridículo. Que me fale de apropiación cultural alguén a quen lle levan a comida en Glovo e toma o café en Starbucks pois río na súa cara. O meu non é apropiación, é mestizaxe, que é o bonito. Non é roubar, é integrar. A min iso da apropiación cultural paréceme unha lea un pouco nazi.

­-O seu disco comeza cunha cumbia, pero remata moi electrónico. É unha pista do camiño que vai seguir no futuro?

-Non o sei. Sempre compoño e traballo a bote pronto, segundo o que me vaia saíndo. Que me apetece unha cumbia rebaixada? Pois fágoa. Que un merengue electrónico? Pois tamén. Ao mellor mañá érgome e digo «Como me gusta La Polla Records!», pois fago un tema así.

 Pontevedra karma sábado, 22.00 11 euros Ourense torgal xoves 26, 22.00 ESGOTADAS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ortiga: «Mólolle aos indies porque tamén teñen aldea»