Atrévete a vivir, atrévete a ler... e sálvate!

A editora Belén López Vázquez, de Baía Edicións, Firma Invitada en Fugas


Aproximándonos á cuarta parte do século XXI xa podemos ver as tendencias e contradicións do mesmo. Estamos no século de Internet, da comunicación de ti a ti, sen mediadores, pero que está resultado un mecanismo de control dos nosos desexos e necesidades ao servizo das grandes empresas.

Tamén é o século de correr, dedicamos máis de tres horas diarias a esta actividade, pero non polo pracer de facelo, nin porque chegas tarde á casa da avoíña, senón que, nun afán desenfreado por estar á ultima, pasamos o día correndo pantallas, facendo miles de amizades que non coñeceremos nunca e coas que nos comunicaremos con frases curtas, nun continuo apurar que nos mantén sempre alerta, sen descanso.

Diversas investigacións xa alarman dos efectos do mal uso das pantallas sobre o desenvolvemento do cerebro, cunha posible redución do córtex cerebral nas nosas crianzas... Atención, lectoras e lectores, que o noso cerebro vai en regresión, ese que nos diferencia do resto dos animais!

Disque este será o século de conquistar a igualdade da muller, pero cada vez morren máis asasinadas.

Tamén é o da emerxencia climática, pero, en vez de concentrarnos no cambio necesario para a supervivencia, os mandamais están ocupados en prepararnos para marchar a outros planetas. Eles tiraron a toalla e nós veña a correr, correr sen pensar.

Non me vou manifestar en contra de Internet nin da tecnoloxía que tanto nos axuda e axudará en moitos aspectos… pero non debemos permitir que a dependencia tecnolóxica condicione o desenvolvemento intelectual e afectivo futuro. Por iso te animo a atreverte; desconecta das pantallas e dedica unha hora a ler o xornal, na casa ou no café, comentando as noticias e socializando; le un libro, hainos para todos os gustos e idades; pasea pola túa contorna; fala cos demais e observa... Hipatia creou o astrolabio a partir da exhaustiva observación dos movementos dos astros no ceo, Newton enunciou a teoría da gravidade pola observación dunha mazá ao caer; as modernas teorías científicas parten da confrontación ou complemento doutras que se transmitiron pola lectura.

Nos libros atoparás moitas amizades, complicidade e a tranquilidade que dá a reflexión pausada sobre como queremos vivir.

Hai lecturas para todos os gustos: para ti que gustas de saber do significado das nosas orixes e símbolos; para ti que atendes á conexión co que nos dá a terra e gustas de coidarte; para ti que vas construíndo a túa identidade como muller libre recreándote na escrita doutras mulleres; a ti, que amas a poesía e que pensas que se lle debe dar a oportunidade de gozala a nenas e nenos.

Atrévete a vivir! Atrévete a ler! Atrévete a pensar e sálvate!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Atrévete a vivir, atrévete a ler... e sálvate!