«Hai cousas que só existen en galego, como a lareira e as filloas»

FUGAS

ANGEL MANSO

A escritora María Canosa, parella televisiva de Jorge Mira, vén de presentar a novela «O lado do que dormes». Ela, sempre do máis próximo á porta

06 dic 2019 . Actualizado a las 11:59 h.

Non lle gusta ir polo rego. María Canosa (Cee, 1978) é máis de facer camiño propio. A peregrina gastrónoma é a súa experiencia escrita do Camiño Inglés. Hoxe tamén asoma en librarías con O lado do que dormes, novela para adultos que reivindica as redes que tece a muller. De que lado dormes? «Sempre do máis próximo á porta», confesa María.

-Como nace «A peregrina gastrónoma», feitiña e peculiar guía do Camiño?

-A orixe é curiosa. A proposta veu dunha editora catalá, a de facer unha guía do Camiño de Santiago da parte que eu elixise. Déronme carta branca. Pareceume xenial que lle quixesen dar unha volta ao Camiño e que viñese de fóra. Necesitamos unha labazada para saber o que temos.

-Por que escolleu o Camiño Inglés?

-Porque é do que hai menos escrito, e é o menos transitado. Pensei que non podía contar nada novo, pero haino. Non seguín o Camiño estrito, eu falo do que hai preto do Camiño, de historias, de lendas, de música, de gastronomía, de árbores, costumes, palabras só nosas... Das nosas pedras, que tamén son a nosa historia. O Camiño é tamén deixar o rego e mirar máis aló. Funo facendo a cachiños, que coas fillas non dispoño tanto do meu tempo.

-O de non ir polo rego concorda coa súa visión da literatura?

-Eu non estou afeita a seguir ditames, nin normas, nin modas. E gústame volver aos libros que eu lía de pequena.

-Que libros son eses cos que medrou?

-Os de Xabier Docampo, Xoán Babarro; miña nai Concha Blanco, Helena Villar, Fernández Paz... e tamén fun dos Cinco! Encantaríame que os nenos lesen como lía eu. Vivín tanto a través das páxinas... Quero devolverlle aos libros un pouquiño do moito que eles me deron a min.

-Enid Blyton está no punto de mira.

-Metémonos nunha lea estraña cando xulgamos os libros. Moitas veces, a intención coa que están escritos non é a visión coa que os lemos. Os libros gústanme polo que contan de min. Hai moitos matices. Penso, por exemplo, que poñer a unha nena de protagonista dunha historia non implica que a historia sexa feminista.

-O feminismo é hoxe un campo de batalla, un concepto en construción?

-Ás veces unha ten medo ata de escribir e da reacción que pode espertar. Eu non me obrigo a que o protagonista sexa masculino ou feminino, pero si a poñer valores nos libros. Estámoslle poñendo coutos á literatura. Non me parece ben.

-Liberdade de expresión na arte?

-Exactamente. Eu sen naturalidade non son capaz de escribir. Eu non adoito a esquematizar. Teño a novela na cabeza, pero cando comezo a escribir, a historia manda en min, sobre o que fago. Gústame deixarme ir. Ás veces sinto que se nos pide como temos que escribir.

-Que condicionantes e hándicaps ten escribir e publicar en Galicia?

-Decidir usar unha lingua ten connotacións. Eu podería escribir en castelán, pero non quero. Eu escribo en galego, eu sinto en galego. Pero que non se me malinterprete, eh, encantaríame que me traducisen ao castelán!

-Cales son as nosas verbas máis ricas?

-Hai cousas que só existen en galego: as filloas, a lareira, fieita... Son cousas que nos definen. Ardora é saúde no mar, daríame moita mágoa que se perdese esa palabra. Cando morren as palabras, morren as cousas que contan.

-«O lado do que dormes» fala de mulleres coma nós, que ven que o conto non é como llelo contaron, non?

-O conto hai que vivilo. A protagonista é unha muller que ten dous fillos e eu escribín a novela cando só tiña unha filla (aínda non nacera a segunda, así que foi como unha profecía). A protagonista ten de min, pero non é unha biografía. É unha novela que fala de mulleres diferentes que achegan cada unha o seu gran de area. Recoñézome en todas as mulleres de O lado do que dormes. Esta novela reflicte unha morea de micromachismos dos que te decatas sumándoos, pasado o tempo. Eu son feminista, porque o feminismo busca a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Que pasa? Que non berro, nin levo unha bandeira.

-Como di a autora Marta Sanz, o feminismo non pode quedar nun slogan de moda, non?

-Exactamente, pero ás veces parece que se non andas por aí cunha camiseta ou unha bandeira non es feminista. Semella que hai unha soa maneira de ser feminista, non? Por que non vale o meu xeito? O que ocorre é que estamos no mundo da imaxe, e parece que se non apareces na foto non estás. E si, estás, claro que estás.