Guadi Galego: «Eu falo, sinto e vivo en galego»

FUGAS

CESAR QUIAN

«Quen pense que hai algo máis importante que a xente equivócase», advirte a artista Guadi Galego, premio á Promoción da Realidade Multilingüe do Estado polo álbum «Immersion». Poden pronuncialo como queiran...

07 dic 2019 . Actualizado a las 14:23 h.

Chea de vida, recoñecéndose no seu espello musical, Guadi Galego (Cedeira, 1974) invita a unha Immersion que podes escoitar, ler e pronunciar como queiras. A primeira nota é a liberdade. Esta filla do Norte que equipara beleza e melancolía vén de recibir o Premio á Promoción á Realidade Multilingüe do Estado, galardón promovido polos Gobernos autonómicos con lingua propia que recoñece o labor de persoas, entidades ou empresas que contribúen á promoción da diversidade lingüística. «Este é un premio que reflicte a filosofía do disco, esa filosofía plural apegada aos afectos e ás culturas, á multiculturalidade da Península. A nós reconfórtanos recibir un premio así, que xa fora dado a empresas [como Eroski e Microsoft]. É dicir, a empresas que dominan moito máis capital ca nós. Está moi bonito que premien o esforzo cultural», aprecia a artista, que actuará o venres 13 na Coruña (20.30 horas, Teatro Colón).

­-Hai raiolas de esperanza, como este premio, ou como a nomeación aos Goya da película «O que arde», de Oliver Laxe, e tamén a de Benedicta.

-Hai unha raiola de esperanza sempre. Se non, a humanidade remataría. Sempre temos algo polo que seguir traballando, loitando, e dígocho hoxe, que levo un día un pouco estraño.

-«Immersion», que invita a descubrila en varias linguas próximas aos territorios da súa arte e emoción, dá liberdade dende o título. Vino escrito de varias maneiras... Como é, cal é o propósito?

-O propósito foi crear un pouco esa confusión [risas]. Immersion, Inmersión... ou como cada persoa queira adaptar o nome á súa lectura. Isto vén porque a min me chaman de todo menos Guadi! Gaudi, Gaudí...

-Non resulta difícil de dicir.

-Será que o tes dentro, pero teño mil anécdotas co meu nome. O de Immersion é tamén unha brincadeira que ten que ver coas linguas. Segundo quen o lea e a súa afinidade lingüística, vaino ler dun xeito ou doutro. Immersion para referirme a unha inmersión en varias linguas, unhas maioritarias e outras máis minoritarias.

-Pero cunha ollada e intención integradora, non?

-Sempre, sempre, sempre. Estamos por integrar. Totalmente. Creo que a integración é a resposta, é entender que as vidas da xente, as culturas da xente, van por un lado ou van por outro... e está ben. Iso é o máis importante do mundo. Por grande ou pequena que sexa a cultura, cada un ten a súa, e a súa lingua. E todas, todas, son marabillosas.

-Como facemos para transformar en pontes as fronteiras?

-Uff, é complicado. Creo que iso depende cada vez máis do activismo individual, do activismo de cada persoa no seu día a día. Pensamos moitas veces en que nós sós, ou en pequenos grupos, non facemos nada. E penso que nos equivocamos. Facemos máis do que pensamos, o que facemos conta máis do que pensamos. A loita empeza cos e coas activistas da vida cotiá, coas nosas matriarcas.

-En «Immersion», considerado un dos discos do ano, colabora con artistas como Iván Ferreiro, Andrés Suárez ou Sisters In The House. Cal foi o criterio na escolla?

-Foi polas linguas de cada un [son sete no disco], e todos, basicamente, por afinidade afectiva. A moitos e moitas xa os coñecía, e por outros sentía admiración. A algúns como Alidé Sans non os coñecía de nada, pero buscaba alguén que fose cantautora e escribise as cancións en aranés. Andrés Suárez é o meu veciño, e temos un rollo moi norteño. E coñecía a Vega e a Iván [Ferreiro], claro, tamén...

-Reivindica ás heroínas, tamén ás invisibles, «as activistas da vida cotiá».

-Eu visibilizo a miña nai e miña avoa, ás mulleres que eran as verdadeiras activistas porque estaban todo o tempo intentando mudar cousas para que as súas fillas e as súas netas puidesen avanzar. A clave é esa, que cada un de nós intente cambiar o seu mundo para poder cambialo a grandes trazos, aínda que hai cousas que non dependen de nós.

-Dixo máis dunha vez que a revolución será feminista ou non será. Por que?

-O feminismo é o sinónimo da igualdade, non pode ser doutro xeito. A igualdade só pode vir do feminismo. Os valores de igualdade son os únicos válidos para unha sociedade futura. O valor dos coidados, que sempre foron asociados ás mulleres, ten que destacar. E hai que traspasar eses coidados tamén aos homes, ata que entendan que se non hai coidados, se non coidamos a nosa sociedade, non vai vivir. Que pasa cos fillos? E cos avós? E as dependencias? Ese valor dos coidados que están en mans das mulleres. Cando ese rol cambie, cando os homes asuman os coidados, haberá igualdade. Hai que coidar á xente, hai que ter moito coidado cos dereitos e as cousas que son da xente. É complicado; esta é, de feito, a nosa materia pendente como sociedade. Hai moitas loitadoras que levan anos e anos loitando pola igualdade día a día, sen darse conta. Pero cando vas tomando conciencia desas cousas é cando comezas a cambialas. Si se pode cambiar, temos a obriga de cambiar a mellor.

-«O mundo está parado»?

-O mundo está tarado! Eu creo que debería facer outro disco que diga «O mundo está tarado». Vai á deriva. A min preocúpame moito o cambio climático. Non nos vai dar tempo, dannos 30 anos! Hai que poñerse, os Gobernos teñen que poñerse en serio.

-Mil nenos e nenas cantaron xuntos o seu «Chea de vida» en Navantia. Foi soado. Cando se sente máis chea de vida?

-Agora estou nun momento no que me sinto moi chea de vida. Será que pasei os 40, e cheguei ao momento de empoderar a autoestima, do amor propio. Agora estou nun punto en que hai moitas cousas que me dan igual. É importante tratarse ben a unha para tratar ben aos demais. E iso non é algo que nos ensinen de nenos. Parece que o que ensina é a estar ao servizo, calada, «non fales», «non te movas»... E chega un momento no que dis: «Son así, son completamente imperfecta e non pasa nada».

-O galego está hoxe máis ameazado que hai anos?

-Así como a nivel administrativo e académico si se avanzou, perdemos o nivel da vida cotiá, o da xente. Tamén é certo que a xente foi deixando de vivir no campo, mudándose ás cidades. A min preocúpanme sobre todo os falantes galegos do día a día. O galego ten que ser a lingua de uso, a lingua vehicular nos colexios. A miña é a xeración á que o galego lle foi negado de por si. Os pais falábannos castelán porque crían que era o que tiña que ser, pero vivimos un cambio, houbo un momento en que nos preguntamos: «Por que meus pais falan entre eles en galego e fálannos aos fillos castelán?». Agora, da miña idade, coñezo moitas parellas que son castelanfalantes pero fálanlles aos fillos en galego. Hai un cambio de chip, pode ser para devolverlles aos fillos iso que a nós de nenos se nos negou.

-Fala, crea, canta, sente, vive, ama e cría aos fillos en galego?

-Eu falo, sinto, canto e vivo todo o tempo en galego, e o meu traballo me custa! Os meus fillos e sobriños son galegofalantes desde que naceron... e falan o castelán perfectamente. É alucinante ver a corrección coa que falan as dúas linguas.

-Como muller do Norte, equipara, tal e como canta, «a beleza coa melancolía»?

-Si, e xa a equiparei máis do que o fago. 

-Será o ánimo festeiro de superar os 40...

-Pois será... Miña nai sempre me di que desde que fixo os 75 ten moito menos medo á morte. Eu creo que a vida te vai preparando para o que pode chegar.

-As súas palabras e xiros galegos favoritos, os que máis lle presta usar?

-Encántame «Tes moita leria», que é moi de Barrantes. E iso da paxarada, que é a tontería pero pensada. Gústame o chufar de Cedeira, que é falar ben de alguén, e dise no Norte. E encántame tamén iso habitual en Compostela: «Que feitiña é!».

-Hai que darlle unha aperta a toda a nosa diversidade lingüística-sentimental!

-Si, claro! Ti sabes o que o cochar? Taparse para durmir, é do Sur. Flípame.

-Que é o máis importante na vida?

-A xente. A miña xente. Quen pense que hai algo máis importante que a xente equivócase.