«O macho Alfa saíu do armario, pero hai un activismo forte contra el»

A indiferenza é o maior inimigo na loita contra a violencia, afirma María Torres, a creadora da compañía Elefante Elegante, que está en xira coa obra «O rueiro das liortas», que nos move do humor á reflexión


Hai un inimigo forte pero que pode pasar inadvertido na loita contra a violencia machista: «a indiferenza», apunta María Torres, creadora con Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante, en xira polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística coa obra O rueiro das liortas, «unha peza de teatro popular na que se traballa con estereotipos que representan distintos roles na sociedade». O espectáculo é parte do programa Nós contra a violencia, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Arte para ir a mellor. «Dende o sarcasmo que dá pé á reflexión», subliña a artista.

­-Que é «O rueiro das liortas», que amosa e onde nos leva?

-Nesta comedia amosamos estereotipos e roles que, por desgraza, aínda están presentes na sociedade, como agresións físicas e psíquicas contra a muller, moitas veces admitidas. Hai tantísimo traballo por facer! Pero este ten que ser un traballo holístico, que veña de todas partes. Unha pata soa non dará solucionado o problema. Nós achegamos o noso gran de area na loita contra a violencia con O rueiro das liortas.

­-Cal é o papel da arte nesta causa?

-O bo teatro abre ao espectador para recibir unha mensaxe que, quizais dunha maneira máis pedagóxica ou moralista, non chegaría. O teatro ten ese poder, a maxia de emocionar, de conseguir abrir os corazóns, para que sintan cousas ás que despois sucede a reflexión. Nós optamos pola comedia para vencer o drama real.

­-Pódese facer comedia con propiedades culturais nutritivas?

-Si. Dende o riso ácido, sarcástico, que nos leva a preguntarnos «Como é posible que aínda existan tipos e actitudes tan machistas e violentas no día a día?», chegamos ao final da representación a un momento de reflexión co público. Os que amosamos son personaxes dunha ficción creada pola compañía Elefante Elegante, pero calquera parecido coa realidade... non é casual!

­-Usan o teatro como espello dos males sociais?

-Como espello para ver o problema, o desastre, e como resorte para activarnos. Para poñernos en acción e mudar actitudes e comportamentos inadecuados.

-Cales son os clixés e estereotipos máis nocivos que aínda seguen vivos?

-O primario é o do macho Alfa, e tamén o da muller submisa que acepta ese rol. Son dous roles complementarios.

-Hai hoxe moito macho Alfa ergueito?

-Máis dos que cría. Igual é que saíron a flote. O macho Alfa saíu do armario, perdeu o complexo, algo que parece inconcibible no século XXI. Que pasa? Agora sabemos o que hai. E para poder erradicar algo, o primeiro é saber ben o que hai. Se está agochado, combatelo é máis difícil. Ao tempo que o macho Alfa violento sae do armario, hai un activismo contundente contra iso; é moito máis claro que hai cinco ou dez anos. Un activismo de mulleres e de homes, incluso de nenas e nenos. A nosa filla de 7 anos, que tamén participa no espectáculo, recoñece comportamentos machistas. Ten criterio, detecta cousas na escola que non lle parecen correctas. O seu irmán, de 14, tamén. Están alerta. Pero a cousa está polarizada.

-Todos deberiamos ser feministas, como propón Chimamanda Ngozi Adichie, mais todos levamos residuos machistas na pel?

-É algo que está no subconsciente colectivo. Seica o 10 % das nosas decisións tómaas o consciente, pero o subconsciente está machacando no resto. Hai que estar atento, ver se seguimos patróns dos que queremos fuxir pero que aínda parecen estar inscritos no ADN. Incluso os homes que eu coñezo que se din feministas, que afortunadamente xa son moitos, rascas un pouco, preguntas como se organizan na casa e moitas veces ves que non están á altura. Unha cousa é entendelo e outra asumir o cambio, é que as súas propias nais non lles deixaban lavar a louza ou facer a cama. Pero moitas mulleres de hoxe tamén fomos educadas así, no «ti estuda, neniña, estuda», pero despois chega a labazada da realidade, e máis cando hai fillos. A sorte está en ter compañeiros sensibles e con vontade de evolucionar. Hai que ser moi intelixente para ser unha persoa de ben [risos].

-O machismo está na linguaxe, advirten. En que palabras se deixa ver máis?

-Primeiro, nas palabras malsoantes. Os adolescentes utilízanas ás veces para sentirse ben, parte do grupo, e isto é grave.

-O chiste de Arguiñano non tivo graza, e menos na semana contra a violencia de xénero. Que opinión lle merece?

-Pareceume troglodita. Esa cultura visceral de sangue quente eu non a entendo. Onde está o cerebro, onde quedou na evolución? Non se trata de crucificar á persoa, nin ao profesional, pero si de sinalar e rexeitar ese tipo de mentalidade.

-Cal é o principal aliado e cal o principal obstáculo na loita contra a violencia?

-O principal aliado, os homes e as mulleres que se fixeron activistas desta causa no día a día. As Administracións teñen un rol fundamental, tamén o de crear campañas creativas para convencer. O inimigo? Creo que o máis forte é a indiferenza. O machismo exacerbado saíu á luz, pero o que non se activa tamén é un perigo.

  • Narón Centro A Pombiña do Pedroso. Venres 29, 20.30.
  • En decembro, no Barco de Valdeorras, Guitiriz e Salvaterra do Miño

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«O macho Alfa saíu do armario, pero hai un activismo forte contra el»