Unha historia milenaria escrita por Galicia

A primeira gran mostra con motivo do Xacobeo 2021 reúne máis de trescentas pezas no Museo Gaiás ata o 12 de abril para explorar a relación entre o territorio galego e o resto do mundo dende a prehistoria á actualidade


Pezas que falan. A esta máxima responden as máis de trescentas que conforman a exposición Galicia, un relato no mundo para narrar os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo no Museo Centro Gaiás ata o 12 de abril. Fala o Libro das invasións, que ao comezo da súa liña número sete recolle a primeira mención coñecida ao lendario líder Breogán, que agora forma parte do himno galego. Tamén conta o Mapa de Sawley, datado cara finais do século XII e considerado un dos primeiros mapa mundi europeos, onde ao pé do anxo esquerdo destaca a catedral de Santiago representada nun tamaño maior que Roma, o que constata a importancia que daquela tiña. A Biblia Kennicott, un dos manuscritos hebreos máis valiosos da Historia que se rematou o 24 de xullo de 1474 na Coruña, é o testemuño máis importante da presenza xudía en Galicia e agora regresa cincocentos anos despois ás súas orixes. O caetra, ese escudo que acompaña aos guerreiros galaicos, chega da man do Guerreiro de Lesenho, que ao igual que moitas das pezas sobranceiras desta primeira mostra organizada pola Xunta con motivo do Xacobeo 2021 exhíbese por primeira vez en terras galegas.

Galicia, un relato no mundo explora desde os mitos fundacionais ata a pegada máis actual dos galegos en diferentes eidos e faino empregando as posibilidades que ofrece a tecnoloxía para conformar toda unha experiencia interactiva que leva ao visitante a ir moito máis alá de contemplar cada unha das máis de trescentas pezas. Esta exposición -estruturada arredor dos mitos, as historias, as memorias e as vidas dos galegos en diferentes épocas e contextos xeográficos- está organizada en dous andares do Museo da Cidade da Cultura. «Na primeira planta exploramos o impacto doutras sociedades en Galicia e na segunda o que exporta Galicia», destacou o comisario, Manuel Gago.

Percorrido de 6.000 anos

Unha representación actual dun guerreiro galaico é a porta de entrada para mergullarse nos mitos fundacionais e amosar, posteriormente, a conexión de Galicia co resto do mundo dende a prehistoria, como o deixa en evidencia a peza máis antiga que se recolle na exposición, un colar de variscita -un mineral moi escaso que neste caso pode proceder de zonas de Zamora ou Huelva-, que foi atopado en Silleda, e que está datado ao redor do ano 4.300 a. C. polo que alude a ese intercambio para xoias desde hai miles de anos. Tamén se reflexa a ligazón dos petróglifos galegos cos de outras partes de Europa desterrando xa de partida ese tópico de illamento do noroeste peninsular. «A exposición conta unha Galicia sen complexos», asegurou Manuel Gago, con «pezas importantes para nós, pero tamén para outra cultura e para outra sociedade. Cada unha delas é unha engrenaxe entre Galicia e o mundo».

Neste percorrido histórico de 6.000 anos, a exposición permite achegarse ata o Sebasteion de Afrodisias (Turquía) a través da realidade aumentada, un templo conmemorativo do primeiro emperador romano, Octavio Augusto, onde figura a inscrición máis distante coñecida referida ao pobo dos galaicos, a uns 4.000 quilómetros. Entre as pezas sobranceiras exhibidas no Gaiás atópanse O itinerario de Exeria, o primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España, que foi escrito hai dezaseis séculos por unha aristócrata da Gallecia romana; ou o Cancioneiro da Vaticana, un dos corpus nos que se garda a lírica galego-portuguesa medieval. Na mostra está aberto pola cantiga de escarnio Ora faz ost'o senhor de Navarra, considerada a máis antiga manifestación literaria en lingua galego-portuguesa, datada a finais do século XII.

Neste relato cronolóxico das interaccións entre Galicia e o resto do mundo desde a prehistoria ata a Segunda Guerra, tamén sobresaen dous códices calixtinos -o Liber Sancti Iacobi do Vaticano e de Salamanca- que permiten coñecer o rostro de Carlomagno, que se perdeu no orixinal compostelán; así como o Decreta Regia, Memoria do Mundo da Unesco xa que é considerada a testemuña documental máis antiga do sistema parlamentario europeo; ou as cartas manuscritas de Erasmo de Rotterdam ao arcebispo Fonseca no século XVI. Precisamente, nesta época e no XVII a nobreza galega integrouse nos proxectos da monarquía hispánica, unha etapa que se plasma con obras como El paraíso terrenal, de Pieter Brueghel o Novo, que pertencía á pinacoteca do Gran Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, e que agora está custodiada no Museo do Prado.

A pegada do noroeste peninsular tamén queda demostrada en diferentes conflitos bélicos, como na época romana, con 15.000 combatentes nos exércitos de Roma, o que representaba o 40 % de todos os soldados recrutados en Hispania e que loitaron en todas as fronteiras do Imperio, como recolle un dos estudos que aparece reflectidos en Galicia, un relato no mundo. Pero non fai falta remontarse tanto, porque o territorio galego tamén foi moi relevante no contexto da II Guerra Mundial, como recolle a exposición a través das historias de combatentes galegos que tiveron unha destacada participación no conflito, ou da rede de espionaxe. Non faltan tampouco armas orixinais da Guerra da Independencia.

A emigración

No segundo andar do Museo Gaiás, Galicia, un relato no mundo ten como o seu gran fío condutor a emigración galega. Un percorrido que se inicia no século XVIII e chega ata hoxe analizando o seu legado a través do impacto na economía, na arte ou na construción da identidade galega. As súas maletas, a recreación dunha casa indiana ou unha ollada a como foron cambiando os obxectos que os emigrantes traían como agasallo cando retornaban á terra conviven neste apartado que estivo coordinado por Pilar Cagiao Vila, profesora titular de Historia de América na USC, con pezas tan destacadas como Santa, do escultor Francisco Asorey, coa que representou á muller galega rachando cos códigos estéticos de mediados dos anos 20. A escultura en madeira policromada volveu pisar Galicia despois de 70 anos e constitúe unha testemuña do patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas. Deste último caso tamén é un exemplo o Santiago Matamouros da Sociedad de Beneficiencia de Naturales de Galicia, primeira agrupación galega en Cuba. Tamén dende América chegou para a mostra da Cidade da Cultura a bandeira sinxela do Tercio de Gallegos de Buenos Aires, que estaba formado por seiscentos voluntarios galegos que participaron na resistencia da cidade durante a invasión inglesa en 1807.

Este percorrido milenario remata deténdose na presenza actual de Galicia no mundo, abordando cuestións como a dimensión internacional da lingua galega, que pode apreciarse nun dos numerosos apartados interactivos cos que conta Galicia, un relato no mundo, así como cos testemuños de diferentes persoas que co seu traballo traspasan fronteiras, que van desde artesáns a músicos ou directores escénicos.

En toda esta viaxe que amosa o protagonismo que Galicia ten no relato do mundo, unha das grandes apostas son as novas tecnoloxías, que posibilitan, por exemplo, pasar as páxinas da Biblia Kennicott sen ter que tocalas. Destaca especialmente unha experiencia inmersiva que permite ao público sentirse como un dos emigrantes que a mediados do século XX partían cara a América nun transatlántico. Deste xeito, o balcón do segundo andar do Museo convértese na cuberta dese barco para aqueles que se coloquen as gafas de realidade virtual e unha mochila. Ademais, a Galicia do século XII e as historias do Camiño de Santiago cobrarán vida a través dunha mesa interactiva. Son moitos os sistemas sensoriais despregados ao longo da mostra para detectar a posición uo interese do visitante para facilitar diferentes niveis de información.

Visitas guiadas gratuítas

Con motivo desta mostra, o Museo Gaiás ofrece de martes a domingo, ás 17.30 horas, visitas guiadas gratuítas de cara a afondar aínda máis nos relatos que se esconden nas máis de trescentas pezas que conforman a mostra procedentes de entidades de todo o mundo, entre elas algunhas de referencia, como a Cambridge University-Parker Library, a Biblioteca Apostólica Vaticana ou o Museo Nacional de Arqueología de Portugal. O poder de chamamento de Galicia, un relato no mundo quedou reflectido xa no seu primeiro fin de semana de apertura, con máis de 2.000 persoas que pasaron a ver esta exposición que reivindica o peso histórico de Galicia.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
2 votos
Comentarios

Unha historia milenaria escrita por Galicia