Bota a andar a xira do disco galego máis transcendente do ano

Guadi Galego presenta hoxe en directo por vez primeira as cancións que conforman «Immersion»


Isto do máis transcendente non ten por que necesariamente ser entendido como o mellor. Que, se cadra, si. Pero niso entran xa en cuestión un sen fin de matices subxectivos. Máis alá deles, a transcendencia de Immersion vén determinada pola súa contribución a prol da normalización (tamén a lingüística) da nosa escena musical, polo que achega como concepto dun inaudito xeito de revisitar o cancioneiro propio e polo que supón na vertente artística para a propia Guadi Galego, nun momento non menos transcendental.

Immersion pon fin ao debate. Definitivamente xa non terá sentido -se é que algunha vez o tivo- preocuparnos de se o de Guadi é postfolk, pop, canción de autor ou como demos lle queiran chamar. «Eu chámolle o disco do plurilingüismo transxénero», comenta. E, aínda que rebuscada e medio cómica, a definición agocha algunhas das claves que fan a este álbum tan singular. Unha ducia de cancións cantadas en sete idiomas peninsulares que percorren transversalmente a discografía asinada por Guadi Galego. Cancións absolutamente reinventadas. Desfeitas e voltas a facer. «Si, hai algunha que é unha desfeita en toda regra», chancea. E non só polo que se refire á súa renovada expresión idiomática, senón polo tocante á súa propia esencia. De aí que a maioría delas nin sequera conserven o seu título orixinal. É coma se Guadi lles dixese «no os va a conocer ni la madre que os parió». E así é.

Dous innovadores elementos, alén das colaboracións, determinan estas novas cancións. E os dous asoman xa nos 30 primeiros segundos do disco. Por unha parte, a introdución da electrónica, «unha electrónica sutil e orgánica. Non cuantizada. Tocada por persoas», matiza Guadi. E que queda reflectida principalmente na perenne presenza do bombo. O seu grave percutir vai marcando moi distintas coordenadas que levan ás cancións (en especial no seu tramo final, no que se veñen voluptuosamente arriba) a territorios máis pop (Immersion), máis roqueiros (Tribua), a coquetear incluso co dance (Cedeira) ou mesmo a evocar aquelas texturas e atmosferas do trip hop (Fronteres, En silencio con respecto). Por buscarlle etiquetas a aquilo que non as ten. Xa saben...

O segundo elemento, non menos sutil e non menos efectivo, é a presenza duns certeiros arranxos que dotan dunha personalidade radicalmente distinta da orixinal a cada unha destas cancións. A isto non son alleas as mans de Pau Brugada e Vic Moliner, que substitúen a Pachi García, responsable dos tres anteriores discos da cantante e compositora de Cedeira.

«Construíndo barricadas no país dos alalás», canta Guadi Galego en Matriarcas, neste disco apostilada cun Brilhantes ativistas. Pero o certo é que leva destruíndo outras moitas dende hai xa uns cantos anos. Prendéndolle lume a canto valo se lle pon no camiño. Se medo e sen remordementos. Dous berros que mestura na canción que neste disco entoa a canda Xabier Díaz. «Nunca se pode ter medo a crear en liberdade nin a seguir equivocándote polo camiño». Xa llo dixo tamén a Pepe Cunha, autor das súa biografía musical: «A perfección é a maior das mentiras». Ao que agora engade: «O que cumpre é aprender dos erros. Ter memoria».

A xira de Immersion bota a andar hoxe en Santiago. E non é cousa menor. Levar este disco ao directo non está exento de complexidade. A máis evidente é que no escenario non estarán Iván Ferreiro, Vega, Judit Neddermann, Lisandro Aristimuño, Andrés Suárez nin Ana Bacalhau. Aínda así anticipa Guadi que serán concertos cheos de intensidade. «Ten unha primeira parte que é moi íntima, pero da metade en diante é dancing. A xente vai mover o corpo». Será, pois, a combinación perfecta, porque a alma xa nos quedou removida con Immersion dende a primeira escoita.

  • SANTIAGO CAPITOL VENRES, 21.00 18 EUROS
  • VIGO MAR DE VIGO SÁBADO, 20.30 16,70 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Bota a andar a xira do disco galego máis transcendente do ano