Viaxe literaria en tren

La Voz

FUGAS

Amador Castro, premio Xerais 2019
Amador Castro, premio Xerais 2019

A emigración galega a Barcelona plasmada simbolicamente nese vello Shanghai que comunicaba Galicia con Cataluña

25 oct 2019 . Actualizado a las 11:15 h.

Afirmou Amador Castro o pasado sábado, na entrega do premio Xerais de Novela, que a idea inicial da proposta suxeriulla unha noticia de xornal que falaba da morte do derradeiro habitante dunha aldea. E isto, quer dicir, a soidade máis absoluta á que se aboca o noso rural, a súa vagarosa extinción, a desaparición de vellas formas de vida escintilan nas súas páxinas, mais Shanghai a Barcelona desacraliza a visión idílica daquel e encerra tamén outros focos temáticos entre os que se conta a visión, singular como todas e pouco transitada tematicamente, da emigración galega a Barcelona plasmada simbolicamente nese vello Shanghai que comunicaba Galicia con Cataluña: excelente imaxe para un libro en que a mobilidade, o desprazamento en lugares e tempos marcados pola continua transitoriedade, serve de arquitectura para os diversos argumentos que, como substratos ou sedimentos, conforman unha intriga e onde a morte e a vida se abrazan nunha espiral incontrolable, como talvez ocorre na realidade.

Castro Moure, ademais, transmite un bo pulo narrativo, cun ritmo moi coidado, ás veces mesmo poético, operativo para cartografar un tempo que vai de mediados os anos noventa, pasando polos primeiros do milenio ata os nosos días e interpélanos sobre o que cambiou e o que non. Hai nestas páxinas, tamén, un contínuum biográfico simbolizado por un inestable Orlando á procura, talvez, de si mesmo; hai unha magnífica banda sonora que se pon ao servizo dunha atmosfera ofegante que nos domina e atrapa: un clima que desvela as claves dunha sorte da expatriación progresiva, da ablación paulatina e incesante da propia identidade que sofre o protagonista, tamén de todo aquilo que el vai perdendo, que nós perdemos tamén.

Esta novela, esta viaxe literaria en tren, é un retrato inacabado, coido que conscientemente, para que nós o rematemos coa ollada posta no ronsel, indubidablemente desacougante, que proxecta.