«As mulleres son as que sosteñen a cultura en Galicia»

«Para un vindeiro Día das Letras, García Lorca! Chamaranme iluso, pero xa estou afeito a iso», di o escritor e académico Manuel Rivas, que soña cunha gran alianza cultural e sinala o papel da literatura na vida e no mundo


Vai levado polo vento, coa maleta de coiro -da que voan cadernos, libros, poemas de Follas Novas-, deixando atrás Macondo, o café coruñés no que propón quedar (se non hai partida de xadrez). Manuel Rivas (A Coruña, 1957) pasa de longo. Pero volve sobre os pasos e entra, e o seu falar é un modo de sorrir. E de volver. En salvaxe compaña, premio da Crítica, cumpre os 25 anos. «Foi un libro que gustou, pero que despois quedou iso, en salvaxe compaña, e por iso teño unha relación íntima con el. Facer un libro é como meterse nunha especie de cripta onírica, que é un pouco no que estou agora...». En breve, nova novela? «Non teño aínda "esa" novela», revela.

-Domingo Villar díxonos que apreciaba na escrita a soidade da cova. Ten a creación esa parte necesaria de encerro?

-Ten unha parte de cova, pero é un lugar híbrido, porque ten momentos de cantil. E nós vivimos nun país cantil.

-Galicia?

-Si... Mais cando penso en Galicia penso tamén nunha metáfora do mundo no que vivimos. Vivimos nun mundo acantilado.

-Que momento atravesamos? Hai moito desacougo, pero pervive o «Como en España no se vive en ningún sitio».

-Semella o lema da marca España, coa festa, o ambiente, a meteoroloxía. Eu son moi festeiro, pero nesa frase hai unha compoñente perigosa de conformismo, non? Penso, por exemplo, que a peor posición que un pode ter nesta liorta política na que estamos é ser do partido conformista. Estamos nunha situación de fin de época. Vemos que unha serie de distopías que aparecían avanzadas na ficción se están cumprindo, con máis intensidade nuns países que noutros. A realidade imita a algúns capítulos de Black Mirror. Vemos que se pode ir a peor. As xeracións do futuro é posible que vivan peor no sentido ambiental, e noutros aspectos en relación co benestar, co control. O sistema de 1984. Hoxe non sabemos quen manda máis, se as compañías do mundo dixital ou os Gobernos. Mesmo dá a impresión de que a política está ditada non polo que pensa a xente, ou polo que puidese resultar dun proceso de participación... Fálase do dominio dos gurús, dos spin doctors, pero detrás diso hai algo máis interesante. Neste limbo no que estamos, non se fala moito da participación. A idea de que a democracia debe ter os seus mecanismos de participación case desapareceu. Agora o que manda son os políticos algorítmicos, non? Ten moito que ver coa linguaxe do videoxogo. Pero eu non sei se xogan moito ou non coa PlayStation... [risas] Ten pinta.

-Vivimos a tuits, en modo pantalla completa?

-O mundo parécese cada vez máis a un videoxogo. Crea esa excitación que funciona, nun mundo no que máis que pensar, son as xemas dos dedos as que conducen o pensamento.

-A pausa incomoda e desespera. Como sobrevivir nesta fuxida cara adiante?

-A clave é o tempo. Cando estás mirando o mar, non podes pensar que estás perdendo o tempo. Velocidade máis cobiza é a fórmula deste tempo, que supón depredación, e ten un efecto apisoadora. Pero a arte, a música, a literatura non poden funcionar con esa fórmula, autodestrúense! Non podes abreviar unha sinfonía, como tampouco se abrevian as relacións humanas, a fraternidade. Desaparecen pola presión da velocidade.

-E polas leis do mercado?

-Claro. Ti non podes pesar o valor dunha conversa. Sería como nesas películas porno nas que poñen un marcador...

-A pornografía impón un modelo forte. Custa hoxe comunicarse con sutileza?

-É que esa velocidade e esa cobiza transfórmanse nun pensamento groseiro. Groseiro no sentido de que parece que xa non se pode perder tempo en sutilezas. A perda da ironía tamén ten que ver con iso. O outro día, escoitei na radio un veterano dicirlle a un novo: «Non utilices a ironía, vanche malentender». Estamos no modelo de dominar, que se asocia coa cuestión política e do poder económico. Perdemos nas relacións humanas, é evidente. Vémolo nesa especie de guerra que hai contra a muller e contra a natureza.

-O poder aínda se exerce dun modo, ao xeito masculino?

-Si. É que o máis difícil é establecer as relacións de goberno e de traballo en termos cooperativos. E ese sería o camiño. Na natureza demóstrase, aí onde falamos de diversidade é onde hai unha relación máis cooperativa entre as especies.

-Ve a monte á clase política?

-O mapa do mundo, xuntando aos mandatarios nunha mesa, daría para un comezo dunha serie negra. Lévase o prototipo do botado para diante, da persoa que se expresa en termos amigo/inimigo. A tecnoloxía poderíanos levar a unha relación cooperativa máis profunda, pero se emprega para a explotación dos usuarios. Vennos como clientes e como materia prima, mercadoría. Gran parte dos negocios que se están a facer no dixital son de venda de datos persoais. Estámonos a alugar na Rede... sen ser moi conscientes.

-Que nos move a amosar a vida, mesmo a intimidade, na Rede?

-Hai unha palabra galega interesante. Os que ían á sega practicamente vendían o corpo para sobrevivir. Unha palabra que se utilizaba en Galicia ata tempo recente, descubrina nun texto de 1971, alugados. Era a xente que ía ao campo da feira de Lugo a ofrecerse para que a contratasen para traballar. Quizá nos deixamos explotar cando perdemos a noción de inxustiza. A madeira da humanidade, que é a madeira da que está feito Pinocho, detecta a inxustiza. Como dicía unha activista que fora antes prostituta, «o oficio máis antigo do mundo non é a prostitución, é mirar para outro lado».

-É esta deriva do mundo o resultado dunha febleza ou un desleixo cultural?

-Hai o que Richard Sennett chama «corrosión do carácter». E tamén unha fractura entre xeracións, tamén na transmisión dos saberes, os oficios, os mesteres. Hai menos comunidade, non? Pero o sentimento de comunidade é algo fortísimo no mundo céltico, as redes familiares, os avós. Sería insostible isto que chamamos Estado de semibenestar sen as prestacións e os coidados desinteresados de familia, sobre todo, de mulleres.

-Foise perdendo o niño, a casa, da man da liberdade da muller e a súa incorporación ao mercado laboral?

-Todo conspira contra o sentido comunitario, pero vas ao hospital e en cada cuarto ves un familiar... Cando estiven na India, vino tamén, a familia nunha tenda de campaña a carón do hospital. Hai unha resistencia no ser humano a ser desalmado, neste proceso de descivilización que te empuxa a vivir na túa burbulla, no teu interese, no considerado útil. Pero eu aínda non son do partido apocalíptico.

-Hai unha pulsión bélica que dirixe o político, o económico e o social?

-Hai algo que se usa mesmo como unha arma de prestixio: o concepto de virilidade. Pero que é unha persoa viril? É interesante ser persoa.

-A sensibilidade parece que é hoxe un valor pendente de recoñecemento social.

-Todos os ditadores (os políticos e tamén os máis caseiros e domésticos) ven ao outro como posesión; o dominio é algo que no fondo vén dunha sensación de inseguridade. A xente ten que saber vencer. A xente que non sabe vencer ten esa tara do «Perderon, que se fodan!». É algo que tamén se establece nas relacións persoais... A min interésanme as persoas salvaxes noutro sentido, no sentido de que non se deixan domesticar. O machismo é o sistema, si. Pero eu non quero presentarme como un baluarte feminista, como «o que vai de amigo das mulleres». Quero ser amigo de homes e mulleres. E admito que levo o machismo en pregues da miña pel.

-Como viviu e está a vivir o vínculo cos fillos, coa neta?

-Como un enigma constante. Hai unha parte de descoñecemento e de conmoción. Os homes aínda temos anestesiada unha parte. Nós tamén temos a deusa branca, a lúa, pero témola eclipsada.

-Que papel xoga hoxe a literatura?

-O de cuestionar o sistema, a realidade, e os conceptos establecidos. E hai que poñer énfase no rexurdir da literatura en Galicia.

-Cal é motor da cultura galega?

-As que sosteñen a cultura en Galicia son as mulleres, non só como creación, que tamén! Se tivese que citar dous últimos libros, falaría de Feliz idade, de Olga Novo, e Infamia, de Ledicia Costas. Pero citaría a Chus Pato, Lupe Gómez, Dores Tembrás, Oriana Méndez, María Reimóndez, Mercedes Queixas, Iolanda Zúñiga, Yolanda Castaño, Carmen Blanco, Pilar Pallarés, María do Cebreiro... e daría máis nomes.

—Luz Pozo foi a súa mestra no instituto de Monelos e referente. Referiuse a ese intituto como unha especie de Ítaca e contounos que cando Luz entraba na aula entraba a primavera.

—Si. Con ela entraba sempre na aula o sentipensante, o que ten que ser. Ten que haber una conexión do emocional e o racional. Porque os soños que saen só da razón xa vemos que producen monstros. O racional só se sente ben e é fertil cando está envolto polo sentir. Por iso é tan necesario o que a xente considera «inútil». Si, hai un pouco iso de «as emocións están moi ben... sempre que non se exerzan!». É como iso que dicía Mark Twain de Estados Unidos, de que pola graza de Deus o país tiña tres cousas preciosas, liberdade de pensamento, liberdade de expresión... e a prudencia de non exercelas.

-Fala dun cainismo cultural. Por que?

-Refírome ao feito de que non nos poñamos de acordo para unha gran alianza pola cultura e pola lingua. Pode resultar irónico, pero o máis importante da acción política en Galicia é resultado dunha invención cultural, que é a historia do camiño de Santiago. Esa inventio é o que máis proxecta Galicia. A nosa é unha das culturas menos subvencionadas de Europa, hai que dicilo ben claro, unha cultura que vai vivir pase o que pase, a contravento. E se é coa raíña Lupa (a súadesaparición da historia oficial é moi significativa) moito mellor!

-Celebra a elección do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

-Coa elección de Carvalho Calero acadamos a fin dun tabú. Foi unha sabia decisión que debería dar exemplo para outras cousas. A cultura está para abrir pasos, non para encirrar. Para o vindeiro Día das Letras, García Lorca! El mesmo o dicía en Bos Aires: «Eu son un escritor galego». Os Seis poemas galegos son unha xoia da literatura universal. Están eses poemas e está a historia paralela de García Lorca e do editor Ánxel Casal. El é quen edita a Lorca, e morre asasinado a mesma noite que Lorca a mil quilómetros. A man que os mata é a mesma. Que García Lorca fose homenaxeado, canto antes, no Días das Letras daríanos unha proxección, cara afora pero tamén cara adentro. Chamaranme iluso, pero eu xa estou afeito a iso.

-Vén de publicar o libro de aforismos e fotos «Sementeira Porträts». Como se teceron estes retratos da emigración?

-A emigración é decisiva na identidade galega. Gran parte de Galicia está fóra de Galicia. Os primeiros xornais que se fan no XIX en galego son en América, no Río da Prata. A dimensión de diáspora, en vez de borrala con eufemismos como residentes ausentes, debería servir para reflexionar sobre o que está pasando coas novas vagas migratorias. Habería que facer unha dimensión de transpaís e ser solidarios. Manuel Álvarez [autor das fotografías] fixo unha sesión fotográfica con galegos de Basel (Basilea) e mandouma. O único que tiña era o nome e a foto das persoas. Cada persoa deume a idea dun haiku, expresándose cos ollos e as mans. Temos, ademais da memoria psicolóxica, a memoria das mans. Tiñan razón os que lían as liñas das mans, son unha primeira literatura da vida!

-A poesía é o taller onde nace todo, dixo máis dunha vez.

-A poesía é a primeira célula nai. Como dicía Beckett, estamos nun tempo no que as palabras xa non queren dicir. Por iso é esencial a poesía, a literatura, nestes tempos de distopía e crise ecolóxica. Cando as palabras queren dicir, fan poemas. Ler poesía é un estrelampo, desequilibra, pero te permite ver algo que antes non vías. Aínda que sempre ten que quedar unha zona secreta. Hoxe hai unha narrativa e unha retórica de karaoke que desaproveita a linguaxe, as palabras. O importante é o xeito, o xeito, ese acerto de expresión galega.

As vinte novelas clásicas favoritas de Manuel Rivas

1. Odisea, de Homero

2. Don Quixote, de Miguel de Cervantes.

3. Pedro Páramo, de Juan Rulfo

4. Metamorfose, de Franz Kafka

5. Viaxe ao corazón da escuridade, de Joseph Conrad

6.Tirano Banderas, de Ramón del Valle-Inclán

7. As uvas da ira, de John Steinbeck

8. Vidas secas, de Graciliano Ramos

9. Moby Dick, de Herman Melville  

10. Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez

11. Gargantúa e Pantagruel, de François Rabelais

12. Paradiso, de José Lezama Lima

13. Anna Karenina, de Tolstoi 

14. Filtro de amor, de Louise Erdrich

15. O monte dos vendavais (Cumbres borrascosas), de Emily Brontë

16. O deus das pequenas cousas, de Arundhati Roy

17. 1984, de George Orwell

18. Colleita vermella (Red Harvest), de Dashiell Hammett 

19. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor

20. Ulises, de James Joyce

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

«As mulleres son as que sosteñen a cultura en Galicia»