A identidade, a familia e a loita fronte á adversidade conducen «Conta nove estrelas», premio Lazarillo 2019. Benvidos á galaxia Oma
31 ago 2019 . Actualizado a las 12:02 h.Nove libros, nove estrelas. Conta nove estrelas fai o libro nove de Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), que nos leva á galaxia Oma. Onde queda? «É unha galaxia que aínda está por descubrir. É unha galaxia paralela á nosa e que está inspirada na Vía Láctea. É en espiral, xira arredor dun burato negro, e a miña intención era facer ciencia ficción, ou ficción científica. Pero o que acontece na galaxia Oma está baseado en feitos reais», asegura a gañadora do Premio Lazarillo 2019.
-Como conecta a galaxia Oma cos teus intereses e paixóns?
-Desde pequena interesoume o universo. E creo que as paixóns que sentes cando es pequeno acompáñante o resto da vida.
-Como se levan a ciencia e a ficción?
-Na literatura hai cabida para todo. Hai escritores de ficción científica que se anticiparon a cousas que aconteceron. O exemplo clásico é Verne. O punto en común entre ciencia e literatura supoño que é que ambas necesitan de creatividade. E de feito estase a falar moito da necesidade de aplicar o pensamento creativo ás ciencias.
-É a creatividade a materia pendente?
-Actualmente estase a potenciar máis a creatividade, e o cambio no sistema educativo debería ir por aí, por facerlle oco á creatividade e ao pensamento diverxente.
-Que é iso, que soa a saga de éxito?
-É que é unha palabra que está de moda. Definiría o pensamento diverxente como atopar solucións distintas á solución recta. Esa forma de pensamento é a que hoxe tamén se demanda desde o campo científico. Ten que ver coas intelixencias múltiples e coa intelixencia emocional, que fai moita falta. Quizais é a carencia que máis ten a secundaria. No cole danse moitos contidos, pero penso que falta un pouco esa educación emocional, a materia para a vida, esa atención á propia persoa, a ensinarnos a movernos no mundo como individuos que somos en todos os sentidos. Hai que aprender a xestionar a ira, a dor, a frustración... Eu, como profe de secundaria, vexo esa carencia.
-Educar nas emocións non vai só de proxectar «Al revés», non?
-Iso está ben, pero quizais faría falta unha materia que abordase todos eses temas prioritarios, como autocoñecemento, drogas, sexualidade... Temas que son inmediatos e outros que serán fundamentais despois, como seguridade viaria ou os primeiros auxilios. Ou que che ensinen como se fai a declaración da renda!
-Non recordo que, hai 30 anos, viñesen os autores aos coles a falar das súas historias. Agora os escritores entrades nas aulas, hai esa comunicación directa, viva.
-Para min é unha das mellores cousas, esa porta que se me abriu cos libros nas aulas para falar cos nenos e adolescentes. Non hai nada comparable a esa experiencia.
-Canto manda a imaxinación, fronte á razón, na túa escrita e na túa vida?
-Penso que ten que haber un equilibrio para escribir unha historia. Hai unha parte de creatividade, pero tamén outra parte técnica que é plasmar desde a nada algo que debe viaxar da túa cabeza ao papel. O primeiro é unha imaxe, pero unha imaxe non constitúe unha historia.
-Sentas e van vindo as musas?
-Iso molaba! Estaría ben, si... pero non.
-Quen é Quepi, que ten de ti?
-Quepi, a protagonista de Conta nove estrelas, é unha nena diferente. Ten o cabelo turquesa e sente que non encaixa. Esa diferenza cáusalle problemas. Supoño que esa diferenza é un dos temas principais na historia. A última fase da infancia ten unha dificultade, é o momento no que eu lembro terme sentido diferente, porque é o momento da procura da identidade.
-Esa incomodidade e a adversidade son o pulo para medrar?
-Sen adversidade non hai historia interesante. É o motor do relato.
-Quen son os bobós?
-Son seres peludos, aparentemente inofensivos, pero que esconden algo perigoso. En realidade están inspirados na miña gata, Gala, que tamén é preciosa, pero ten a súa parte destrutiva. Os bobós son uns seres incomprendidos. Coma Quepi.
-A familia é un valor na túa escrita. Os irmás. Os avós. Por que?
-Si, na infancia a familia é un referente fundamental. Os avós son do máis bonito que se pode ter na infancia. Ese amor dos avós é moi difícil de igualar na vida. É fundamental que se lles dea valor aos nosos maiores. Que sería dos nenos sen os avós? Os avós son unha seguridade, non só emocional. O moito que se necesitan e o pouco valor que se lles dá ás veces...
-Quen che aprendeu a ler?
-Quen me ensinou de verdade foron miña nai e miña avoa. De nena encantábame Matilda. Xa na adolescencia fun moi das irmás Brontë e de Carlos Casares. Non esquezo O sol do verán.
-Onde queda o lugar dos soños?
-Mmmm... supoño que cara ao norte, porque os soños son os que nos guían, como as estrelas. Na novela están moito. O que fan os protagonistas desta historia é guiarse polos seus soños ata desafiar todo ese universo coñecido para ir máis alá.
«Conta nove estrelas»
Andrea Maceiras
EDITORIAL xerais PÁX. 168 PREZO 11,87