Celso Emilio: corenta cabodano

Ramón Nicolás

FUGAS

Cementerios singulares de Ourense.Cementerio parroquial de San Verísimo en Celanova. Acoge la tumba del poeta Celso Emilio Ferreiro.
Cementerio parroquial de San Verísimo en Celanova. Acoge la tumba del poeta Celso Emilio Ferreiro. Santi M. Amil

01 sep 2019 . Actualizado a las 21:52 h.

Hai corenta anos, pouco antes da medianoite dun día coma hoxe, Celso Emilio confesaba atoparse mal: un fulminante ataque ao corazón acababa coa súa vida e, naquel xusto momento, sen que el o sospeitase, comezaba algo tan importante, en todas as ordes, como era pór as bases do que outras persoas deben facer para cultivar a memoria, neste caso a dun poeta que sempre axuda a mellor entender o mundo.

Teño para min que non está de máis evocar o seu legado malia que, ata onde eu sei, non se organizou para conmemorar a data ningún tipo de acto, mais talvez Celso Emilio, alleo sempre a barafundas, gustaría que así fose. Un legado contido na vixencia e vitalidade que proxecta a súa obra literaria: unha das máis musicadas entre nós, o que, se cadra, explica que moitas xeracións coñezan máis a súa poesía por «oíla» que por lela. Mais dun ou doutro xeito dificilmente se entende a poesía galega de hoxe sen a transparencia das mensaxes cifradas nos valores da liberdade e da xustiza, na defensa da nosa identidade ou na procura insistente da esperanza que latexan en Longa noite de pedra -metáfora afortunada dos corenta anos da ditadura franquista tan citada nos últimos tempos-, en Viaxe ao país dos ananos ou nese libro que anunciou un cambio de rumbo da nosa poesía nos setenta como foi Onde o mundo se chama Celanova.

Nun incompleto balance do ocorrido desde a súa morte ata hoxe cómpre ser optimistas: sen dúbida déronse pasos adiante neste período, en moitas ocasións grazas ao labor discreto da fundación homónima que preserva a súa memoria, mais falta avanzar noutras frontes, como a xornalística, ou dar a coñecer, como creo que se fará en breve, a obra poética inédita que escribiu ao longo da Guerra Civil. Na convicción de seguir transitando por este camiño ler hoxe a Celso Emilio segue a ser un acto de rebeldía, non desatender nunca o lume que alampa unha obriga moral.