Contra o machismo, cultura

A campaña Nós contra a Violencia reúne a dez compañías creativas de Galicia para trasladar valores de igualdade e promover o uso da lingua galega entre a mocidade


Dicía Gabriel Celaya naqueles anos abafantes do franquismo que a arte é unha arma cargada de futuro. E o futuro, por forza, ten que ser igualitario. Feminista. Así que contra o machismo, cultura. Cultura nun cento de concellos. Cultura para a rapazada, para a cativada, para a xente madura. Cultura para esfarelar as actitudes machistas. Para que algún día, polas armas da cultura, os organismos públicos dedicados ás políticas de igualdade deixen de existir. Porque xa non terán razón de ser. Ese ten que ser o futuro. Un futuro cargado de igualdade.

A arma cultural da Xunta chámase Nós contra a Violencia. É un á vez un catalizador e un toque de atención. «Temos que ser conscientes como sociedade de que temos que ter as ferramentas para enfrontarnos a unha situación que por desgraza cada día é máis sangrante e nos xera máis vergonza», afirmaba o conselleiro de Cultura Román Rodríguez. As ferramentas para avanzar cara a un futuro de igualdade póñenas sobre o banco de carpintería compañías do ámbito de creación e comunicación galego. Un ronsel que amosa a potencia creativa e comunicativa de Galicia que navegará por un cento de concellos para traballar a prol dun « obxectivo tan loable, tan fundamental e básico para unha sociedade sa como é a loita pola igualdade de xénero», explicaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante o acto de presentación.

Son dez as compañías creativas de Galicia que poñen a súa capacidade de sobra demostrada a dispor de Nós contra a Violencia. «Que grupos de teatro, de música, que en xeral a cultura vos involucredes tamén neste ámbito é unha gran satisfacción». Así falaba a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Baobab Teatro fala de empoderamento e prevención da violencia -de todas as violencias machistas, da física e da simbólica- na montaxe Mai Mai. A compañía de artes escénicas Elefante Elegante afonda no papel das mulleres nas relacións de parella a través da obra O rueiro das liortas. E a Roda quere sacudir esa asociación inconsciente dos cantos de taberna cos homes e presenta o espectáculo A Roda da Igualdade dentro de Nós contra a Violencia, do que deron unha pequena mostra no parque do lago da Cidade da Cultura. A voz de Lucía Pérez berrou por todas que as mulleres galegas xa non temos medo. Que a roda está dando outra volta.

Ademais, e xunto coas propostas más de ocio, haberá unha importante vertente educativa. Entre outras iniciativas, editarase unha guía educativa centrada na prevención da violencia machista para a mocidade e elaboraranse materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais, un mundo no que semella que as violencias machistas están medrando e espallándose, así como un manual práctico de ferramentas educativas para previr a violencia contra as mulleres.

Do mesmo xeito, nais e pais poderán participar en obradoiros dentro do proxeto Igual-Son, que inclúe música, danza e contos para incentivar o uso da lingua galega e educar en valores de igualdade ás xeracións máis novas. A esas pequenas armas cargadas de futuro.

Mil primaveras para a lingua

Porque a promoción da lingua galega é o outro alicerce que sustenta este proxecto cultural. A lingua galega tamén ten que estar nese futuro que albiscaba Gabriel Celaya. En Nós contra a Violencia emerxen as liñas mestras coas que se debuxou o plan de dinamización da lingua galega na mocidade: a potenciación dunha oferta de lecer en galego dirixida á mocidade, a ampliación e consolidación dunha oferta de produtos en galego destinados ao público xuvenil e a difusión de modelos galegofalantes de referencia entre a xente más nova. Para arrigar os prexuízos e a diglosia. Para sementar mil primaveras máis para a lingua galega.

As propostas culturais que ganduxan Nós contra a violencia «tentan chegar ao gran público de xeito amable e cariñoso en practicamente a un de cada tres concellos». Serán un cento de municipios os que visitará esta acción do Executivo autonómico, que cumpre con parte das medidas incluídas no pacto de estado contra a violencia de xénero. O calendario concreto irase anunciando ao longo do ano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

Contra o machismo, cultura